Preguntas Frecuentes

Preguntas Frecuentes


Nos seguintes apartados relaciónanse as cuestións máis frecuentes sobre o Expedient-e:


COMÚNS A EXPEDIENT-E INTRODUCIÓN DE MÉRITOS NO FIDES​​ ACHEGA DA DOCUMENTACIÓN​​
PAGO DE TAXAS LISTAXES DE CONTRATACIÓN CONTACTA​​



COMÚNS A EXPEDIENT-E


<
COMO ACCEDER AO EXPEDIENT-E (FIDES)?

 

Para poder acceder a FIDES debe dispor dalgún dos seguintes medios:

1. CHAVE365: sistema común e único da Xunta de Galicia, que permite aos cidadáns identificarse e asinar documentos na súa sede electrónica. Para obter a CHAVE365 pode proceder dun dos seguintes xeitos:

  • Presencialmente, dirixíndose a calquera centro de saúde de Galicia ou a algún órgano ou unidade administrativas da Xunta que realice tarefas de rexistro de usuarios CHAVE365. Deberá acudir persoalmente o interesado e acreditar o documento de identidade (NIF/NIE).
  • Ou ben, electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, solicitando a “Alta con certificado” na súa propia web. Para isto ten que contar cun certificado dixital válido. Teña en conta que, o feito de dispoñer xa dun certificado dixital, permítelle o acceso a Expedient-e polo outro dos métodos habilitados, sen ter que realizar a alta en CHAVE365.

2. MEDIANTE CERTIFICADO DIXITAL: Os certificados aceptados máis comúns son: o expedido pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), o certificado Camerfirma e o DNI electrónico (DNIe), o cal pode obter nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Se dispón da tarxeta sanitaria do SERGAS co chip electrónico activado como certificado, esta xa contén un certificado dixital da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo.

Para a identificación mediante a tarxeta sanitaria co chip electrónico ou a través do DNI electrónico, é necesario dispoñer dun dispositivo lector de tarxetas. O certificado dixital da FNMT, pola súa banda, deberá estar debidamente instalado no propio equipo do profesional.

Outros certificados tamén válidos son: VINCASIGN, UANATACA, SIA, FirmaProfesional Izenpe Cidadáns e Entidades, AUTORIDADE DE CERTIFICACIÓN DA AVOGACÍA e ANF Autoridade Intermedia de Identidade.

<
INCIDENCIAS NO ACCESO AO EXPEDIENT-E

 

Relaciónanse de seguido as solucións aos problemas comúns de acceso ao Expedient-e. Realice as comprobacións indicadas antes de acudir a un PAE (Punto de acreditación electrónica) ou Unidade de Validación na procura de axuda.

INCIDENCIAS NO ACCESO MEDIANTE CHAVE365:

Se é a primeira vez que accede ao FIDES, empregue un PC para poder cubrir o formulario de datos persoais. Nos dispositivos móbiles ou tablets pode non abrir este formulario.

Se xa estaba rexistrado/a e non pode acceder ao Expedient-e, diríxase a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para comprobar se o seu usuario e o seu contrasinal seguen estando activos na dita sede. Se non pode acceder á sede da Xunta de Galicia debera obter de novo un contrasinal válido do mesmo xeito que procedeu para darse de alta en CHAVE365.

Se si que pode acceder á sede probe a modificar o seu contrasinal por un novo, formado exclusivamente por letras ou números, sen ningún carácter especial (puntos, barras, símbolos...)

INCIDENCIAS NO ACCESO MEDIANTE CERTIFICADO DIXITAL:

Na Oficina do profesional / Expedient-e (FIDES) dispón dunha relación dos requisitos técnicos que o seu equipo deberá cumprir para o emprego deste método. Comprobe tamén a validez e caducidade do seu certificado noutras páxinas que o requiran para facer trámites, e de ser posible noutro explorador de Internet.

<
CALES SON OS PRIMEIROS PASOS NO SISTEMA?

 

1. Recompile toda a documentación acreditativa dos requisitos e dos méritos que posúe. Consulte previamente os baremos que aplican en cada proceso para a súa categoría profesional.

2. Introduza os seus méritos nos diferentes apartados do Expedient-e e constrúa o seu currículo profesional. Dispón de axudas e manuais en liña na Oficina do profesional / Expedient-e (FIDES) desta web, ademais de puntos de información nos centros correspondentes de cada Área Sanitaria. Cando teña tódolos méritos cargados, imprima a solicitude de validación de méritos que deberá xerar no apartado Informe do FIDES. Cada vez que actualice o seu currículo con novos méritos deberá acompañalos dunha Solicitude de validación dos mesmos.

3. Se desexa participar nalgún dos procesos xestionados polo Organismo, deberá dirixirse ao apartado de Procesos do Expedient-e. Encha o formulario de inscrición, confírmeo e achégueo (ben en rexistro administrativo tradicional ou ben, por rexistro electrónico)

4. Achegue no rexistro de calquera órgano administrativo ou nalgún dos referidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, a documentación acreditativa dos seus méritos, a solicitude de validación para os mesmos, o formulario de inscrición no proceso (se non o fixo por rexistro electrónico), o xustificante do pago das taxas correspondentes e a documentación que a maiores se requira para participar, de ser o caso.

5. Unha vez recibida pola Unidade de Validación a súa documentación, comezará a ser validada segundo a orde de prioridade dos procesos convocados.

6. Consulte no seu Expedient-e o resultado indicado para cada un dos méritos tratados pola Unidade de Validación.

<
QUE SON AS UNIDADES DE VALIDACIÓN?

 

As Unidades de Validación do Expedient-e son as unidades de referencia do Expedient-e en cada unha das áreas sanitarias. Encárganse da recepción e comprobación da documentación curricular dos profesionais. Tamén realizan a xestión das solicitudes de participación nos procesos convocados polo Sergas e das reclamacións nos mesmos, entre outras funcións.

Atópanse en cada unha das Áreas Sanitarias nas que está estruturado o Sistema público de saúde de Galicia, que son:

  • Área sanitaria de A Coruña e Cee.
  • Área sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza.
  • Área sanitaria de Ferrol.
  • Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
  • Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
  • Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
  • Área sanitaria de Vigo.

Os directorios coa relación das Unidades de Validación, Puntos de Acreditación Electrónica para as incidencias (PAE) e Puntos de Información do Expedient-e, figuran recollidos na Oficina do profesional/Expedient-e (FIDES) desta mesma web.

<
COMO CONSULTAR A VALIDACIÓN DE CADA MÉRITO?

 

Trala revisión da documentación na Unidade de Validación, asignarase un estado a cada mérito no FIDES, en función do achegado para acreditalo. Certos estados, coma o “DI” (Documentación Incompleta), requiren da emenda por parte dos/das interesados/as, achegando nova documentación. Para consultar o motivo, debe premer na icona con forma de ollo a beira do estado correspondente. Nas observacións indícaselle a forma para poder emendalo, de selo caso.

Outros estados coma o “NC” (Non Catalogable) indican que o mérito, polas súas características, non ten encaixe no catálogo interno do apartado no que se encontra recollido. Non require subsanación. Tampouco recibe puntuación nos baremos.

O estado “V” (Validado) indica que o mérito foi acreditado correctamente. Teña en conta que non todo mérito validado recibirá puntuación trala baremación, posto que a puntuación dun mérito depende directamente do baremo publicado que se aplica á categoría.

<
COMO CONSULTAR OS BAREMOS E A PUNTUACIÓN OBTIDA TRALA BAREMACIÓN?

 

Pode consultar os baremos publicados, na web do SERGAS, no apartado de EMPREGO PÚBLICO, en función do proceso no que participe.

Os baremos que se aplican para as listaxes de contratación derivan da última Resolución de convocatoria de OPE publicada para a mesma categoría profesional. Poden consultarse tanto no apartado de OPE, coma na documentación xenérica de cada categoría profesional, do apartado de listaxes de contratación. Tamén poden consultarse no FIDES.

Baremos específicos, coma o de Concurso de Traslados, poderán consultarse na sección correspondente desta páxina web.

A puntuación obtida tras dunha baremación pode consultarse no apartado de PROCESOS do seu Expedient-e. Trala publicación da resolución correspondente, aparecerá xunto a súa inscrición unha icona con forma de roda (gris clara no caso da baremación provisional, gris escura no caso da baremación definitiva). Premendo na icona, terá acceso aos detalles de baremación de cada apartado do FIDES.

<
ONDE APARECE REFLECTIDA A NOTA DA OPE NO EXPEDIENT-E?

 

A nota mellor de entre as dúas últimas OPEs visualízase automaticamente cando se resolve o proceso de listaxes de contratación e non require xustificación documental en ningún caso. Pode consultarse trala baremación do dito proceso (provisional e definitiva).

Se non se presentou aos dous últimos procesos selectivos convocados polo Sergas, non recibirá ningunha puntuación na epígrafe correspondente a “notas dos exercicios”. Soamente terá a puntuación que resulte de aplicar o baremo correspondente da categoría aos méritos rexistrados.



INTRODUCIÓN DE MÉRITOS NO FIDES


<
QUE OCORRE SE NON REXISTRO OS MÉRITOS NO EXPEDIENT-E EN PRAZO?

 

Os méritos non rexistrados e os non validados por non ter achegado a documentación acreditativa en prazo, non serán computados para os procesos correspondentes.

<
COMO CARGO A MIÑA TITULACIÓN ACADÉMICA E A ESPECIALIDADE?

 

A titulación académica é un dos primeiros méritos que debería rexistrar. Este mérito cargarase no apartado de Formación / Formación Académica. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá achegarse, ademais da correspondente tradución xurada, o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou recoñecemento polo Ministerio de Educación.

As especialidades e estudos de posgrao, coma a suficiencia investigadora ou a tese doutoral, teñen que consignarse dentro da mesma titulación académica, volvendo a acceder a ela logo de gardala. Para isto ten que premer na icona con forma de ollo a beira da titulación. Nunca se cargarán por separado como un mérito independente.

Para introducir as cualificacións do expediente debe elixir o seu plan de estudos e seleccionar se vai a introducilas por materias ou por créditos. Sume o número total de materias ou créditos computables e que teñan una mesma cualificación (matrícula de honra, sobresaínte, notable ou aprobado), e consigne o dato no recadro correspondente.

<
¿NECESITO RECOÑECEMENTO DA TITULACIÓN OBTIDA NA UNIÓN EUROPEA?

 

Os procesos de homologación de títulos de ensino superior estranxeiros a títulos universitarios oficiais españois ou másteres que dean acceso a unha profesión regulada en España, con carácter xeral, son competencia do Ministerio de Universidades e pode obterse información na seguinte ligazón: https://universidades.sede.gob.es/procedimientos/portada/ida/3513/idp/1029

Non obstante, para o recoñecemento de títulos profesionais expedidos polos Estados Membros da Unión Europea para exercer en España unha profesión sanitaria regulada, en aplicación do disposto no Real Decreto 581/2017, do 9 de xuño e no Real Decreto 1837/2008, do 8 de novembro e demais normativa vixente, a competencia é do Ministerio de Sanidade (Paseo del Prado 18 - 20, 28014 Madrid - Tlf. 91 596 10 00) Pode informarse na seguinte ligazón: https://www.sanidad.gob.es/areas/profesionesSanitarias/profesiones/especialistasComunitarios/solicitud.htm

A documentación principal requirida para recoñecementos consiste en:

  • Solicitude da persoa interesada.
  • Copia do DNI/pasaporte ou documentación equivalente.
  • Copia do título ou títulos académicos e, no seu caso, profesionais.
  • Certificado da autoridade competente do Estado membro de procedencia que acredite que o título permite o exercicio profesional no país de orixe e que cumpre coa Directiva 2005/36/CE.
  • Certificación da autoridade competente do Estado membro de procedencia da boa práctica profesional, que acredite que o interesado é un profesional que non se atopa inhabilitado para o exercicio da profesión.

Adicionalmente, en función do recoñecemento da especialidade solicitada, tería que achegarse documentación relativa ao programa de formación realizado, ou do contido concreto del exercicio profesional ou das actividades desenvolvidas, e, no seu caso, equivalencia e recoñecemento da titulación estranxeira e acreditación dun coñecemento suficiente do español para nacionais cunha lingua oficial diferente.

Para esta e calquera outra documentación complementaria que sexa necesaria, ou cuestións de tramitación e de presentación, recoméndase consultar a seguinte ligazón https://www.sanidad.gob.es/areas/profesionesSanitarias/profesiones/especialistasComunitarios/docs/2020Nota_InformativaRecoUE.pdf

así como contactar previamente co correo electrónico: reconocimientoue@sanidade.gob.es

Debe terse en conta que dende o pasado 1 de outubro de 2022, a tramitación de todas as fases do procedemento será exclusivamente electrónica.

<
¿NECESITO RECOÑECEMENTO DA TITULACIÓN OBTIDA FORA DA UNIÓN EUROPEA?

 

O recoñecemento en España de efectos profesionais aos títulos de especialista obtidos en Estados non membros da Unión Europea, lévase a cabo polo procedemento regulado no Real Decreto 459/2010 do 16 abril que desenvolve o artigo 18 da Lei 44/2003, de Ordenación das Profesións Sanitarias. Pode obterse información na seguinte ligazón: https://www.sanidad.gob.es/areas/profesionesSanitarias/profesiones/especialistasExtracomunitarios/home.htm

Nesta web do Ministerio de Sanidade (Paseo del Prado 18 - 20, 28014 Madrid - Tlf. 91 596 10 00) atoparemos as ligazóns para Solicitude, Servizo de notificacións electrónicas, Proba Teórico-Práctica, Medidas en relación ao Brexit para profesionais sanitarios, Enlaces de interese, Normativa de interese e, en especial, as Preguntas frecuentes.

Procedemento:

Con carácter previo, ten que estar homologado o título de ensino superior estranxeiro a títulos universitarios oficiais españois que dean acceso á formación especializada en España, que é competencia do Ministerio de Universidades. Pode obterse información nas seguintes ligazóns:

Homologación de títulos extranjeros de educación superior a títulos oficiales españoles de Grado o Máster que den acceso a profesión regulada en España, según RD 967/2014 de 21 de noviembre - (universidades.gob.es)

https://universidades.sede.gob.es/procedimientos/portada/ida/3513/idp/1029

Unha vez que se teña a homologación do título, debe solicitarse ao Ministerio de Sanidade o recoñecemento da especialidade, co requisito previo de ter realizado un programa formativo.

A documentación principal requirida para recoñecementos consiste en:

  • Solicitude da persoa interesada.
  • Copia compulsada do documento que acredite a identidade e nacionalidade do/a solicitante.
  • Consentimento expreso para que sexa efectuada consulta ao Sistema de Verificación de Datos de identidade.
  • Copia compulsada do título estranxeiro de Especialista e tradución oficial, no seu caso.
  • Copia compulsada da Resolución de homologación /recoñecemento do título universitario requirido para acceder á Especialidade.
  • Certificación expedida pola autoridade competente do país expedidor do título de Especialista, de que dito título ten carácter oficial e habilita no seu país para o exercicio profesional.
  • Certificación expedida pola autoridade competente do país expedidor do título relativa a que a formación especializada realizouse nun centro universitario, centro hospitalario docente ou centro sanitario acreditado para tal fin.
  • Historial profesional.
  • Acreditación dun coñecemento suficiente do español para nacionais cunha lingua oficial diferente.
  • Declaración xurada ou promesa da persoa interesada de que o título estranxeiro non foi obxecto de anterior recoñecemento ou homologación favorable que implique habilitación profesional do mesmo ou outro título de Especialista, tanto por España como por outro país da Unión Europea.
  • Certificación da autoridade competente do Estado onde exerceuse a profesión de especialista de que a persoa solicitante non está inhabilitada para o exercicio da mesma ou que habéndoo estado non solicita o recoñecemento nese tempo.

Para esta e calquera outra documentación complementaria que sexa necesaria, ou cuestións de tramitación e de presentación, recoméndase consultar a seguinte ligazón e os seus anexos

https://www.sanidad.gob.es/areas/profesionesSanitarias/profesiones/especialistasExtracomunitarios/solicitud.htm

así como contactar previamente co correo electrónico: recontitextracom@sanidade.gob.es

<
COMO CARGO OS TÍTULOS DE MÁSTER, EXPERTO E ESPECIALISTA UNIVERSITARIO?

 

Aínda que forman parte da formación académica, e mesmo se valoran como tal, deben introducirse no apartado da formación continuada / máster, do mesmo xeito que se introduce o resto de cursos da formación continuada recibida.

<
COMO CARGO OS CURSOS DE FORMACIÓN CONTINUADA?

 

Para introducir un curso de formación continuada deberanse cubrir os campos obrigatorios coas horas ou créditos e as datas de inicio e fin.

A continuación púlsase en “Buscar” para tratar de comprobar se xa existe o mesmo curso na base de datos do sistema. Se existe coincidencia, elixa o mesmo curso que o seu de entre os que figuran na lista. De non ser así, seleccione “ Non catalogado – propoñer novo” e a continuación introduza manualmente todos vos datos relativos ao curso: título, entidade convocante e impartidora e categorías destinatarias.

Finalmente prémese en gardar para rematar a introdución.

<
COMO ACREDITAR A FORMACIÓN CONTINUADA?

 

Achegarase o orixinal ou unha copia compulsada do diploma/certificado, no que é indispensable que consten: os datos do interesado/a, a entidade acreditadora da actividade ou as entidades que convocaron/impartiron o curso, os destinatarios do mesmo ou o programa da actividade formativa, as datas, os créditos e/ou horas de duración. Para os cursos acreditados pola Comisión de Formación Continuada nacional/autonómica do Sistema Nacional de Saúde é preciso ademais que figure impreso o número de expediente e o logotipo da dita comisión se o curso é posterior a abril do 2007.

Os diplomas/certificados que non estean en castelán ou nun dos idiomas cooficiais do Estado deberan achegar tradución xurada.

<
QUE FAGO SE OS MEUS CURSOS NON TEÑEN DATA DE INICIO NIN DE FIN?

 

Debe introducir nos campos de inicio e fin a data de expedición que figure no diploma ou certificado. Se as datas figuran por meses ou anos, consignará como data de inicio o primeiro día do mes/ano e como data de fin o último día natural do dito mes/ano.

<
PODO INCORPORAR O CURSO DE ADAPTACIÓN PEDAGÓXICA?

 

O dito curso non está recollido en ningún dos baremos.



ACHEGA DA DOCUMENTACIÓN


<
ONDE ACHEGAR A DOCUMENTACIÓN?

 

A documentación achegarase en calquera rexistro dun órgano administrativo, ou mediante calquera dos procedementos indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, dirixíndoa a calquera das Unidades de Validación do Sergas.

A acreditación realizarase mediante a achega dos orixinais ou copias compulsadas dos méritos no rexistro administrativo. Xunto a eles, debe acompañar a relación de tódolos méritos que vostede vai achegar (“Solicitude de validación de méritos”), que poderá xerar no apartado Informe > Entregar méritos, do Expedient-e.

<
QUE DOCUMENTACIÓN SE PRECISA PARA ACREDITAR CORRECTAMENTE CADA MÉRITO?

 

A documentación necesaria para acreditar cada un dos méritos que introduza no Expedient-e determínase nas resolucións das convocatorias de OPE de cada categoría profesional, no seu anexo V. Esta forma de acreditación de méritos rexe tamén para o resto dos procesos convocados.

Por outra banda, os méritos poden estar xa acreditados automaticamente no sistema ou ben, ser de nova incorporación polos interesados/as.

Os méritos dos que xa dispón o sistema, visibles para aspirantes e profesionais, e que polo tanto, non é preciso volver acreditar son:

  • Servizos prestados no Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.
  • Cursos coma docente e discente na programación da ACIS e da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.

Os méritos achegados e baremados polo Servizo Galego de Saúde en convocatorias anteriores, non precisarán tampouco de acreditación.

Os méritos de nova incorporación introducidos polos interesados/as deberán acreditarse documentalmente. Estes, non recibiran puntuación no baremo mentres non sexan correctamente acreditados polo/a interesado/a e validados polo persoal específico autorizado e nomeado para esta tarefa.

Se a documentación figurase nun idioma distinto dos idiomas oficiais e cooficiais do Estado Español, terá que achegar tamén a súa tradución xurada.

A resolución da convocatoria de cada proceso indicará tamén a data límite para cargar e acreditar os requisitos de participación e os méritos das persoas aspirantes.

<
INCIDENCIAS NA XERACIÓN DO “INFORME” (SOLICITUDE DE VALIDACIÓN DE MÉRITOS)

 

Para a correcta xeración do informe, compre que teña instalado no seu equipo a aplicación Adobe Acrobat Reader compatible coa lectura de arquivos pdf. É posible tamén que a nova pestana que se abre automaticamente ao premer no botón Gardar, sexa bloqueada polo mesmo explorador de Internet se ten activada a ferramenta de bloqueo de pestanas emerxentes. Permita a apertura da fiestra emerxente cando lle salte o aviso na esquina superior dereita, ou ténteo utilizando outro explorador de Internet (Mozilla Firefox, Google Chrome, Internet Explorer).



PAGO DE TAXAS


<
COMO REALIZAR O PAGAMENTO DAS TAXAS?

 

Existen dúas vías alternativas para realizar o pago das taxas:

A TRAVÉS DE FIDES:

Para realizar o pago por esta vía, logo de ter CONFIRMADA a solicitude de participación no proceso, poderá acceder ao módulo de pago electrónico de taxas premendo na icona da tarxeta de crédito que aparecerá á dereita do resumo da solicitude no apartado de Procesos do Expedient-e.

Abrirase unha pantalla que amosará o tipo de pago da taxa elixido no formulario de inscrición, xunto co importe que o aspirante deberá aboar. Nesta modalidade non é preciso introducir os códigos asociados á taxa correspondente, xa que o sistema cargaraos automaticamente. Logo de encher o primeiro impreso (modelo 739) e efectuado o pago coa entidade bancaria, facilitaranlle o código autonumérico ou NRC para poder completar, xerar e imprimir o xustificante válido de ter aboado a taxa (modelo 730).

É importante ter en conta que este procedemento de pago telemático a través de Fides, pode non excluír a necesidade de ir á entidade financeira autorizada para conseguir o código NRC, ademais de ter que completarse en dous pasos (cando a entidade bancaria lle facilite o dito código da operación).

A TRAVÉS DA OFICINA VIRTUAL DA AXENCIA TRIBUTARIA DE GALICIA:

Accedendo á sección Pago de Taxas e Prezos, na Oficina Virtual da Axencia Tributaria de Galicia, poderá efectuar o pago de varios xeitos:

  • DE XEITO PRESENCIAL: Para realizar o pago de forma presencial, poderá acceder á Oficina virtual Tributaria e descargar o Modelo AI en branco, que deberá cubrir por triplicado cos seus datos persoais, o importe total e os códigos indicados na resolución da convocatoria. O dito modelo tamén pode ser solicitado polas persoas interesadas nos centros da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde. Tamén poderá optar por xerar en liña o Modelo 731 cumprimentado cos seus datos para efectuar o pago presencial nunha entidade financeira colaboradora.

     

  • DE XEITO TELEMÁTICO: Mediante o cargo á conta ou con tarxeta. Neste caso, debe consultar a listaxe das entidades colaboradoras e o servizo que ofrecen, que poderá variar en función do tipo de acceso (con certificado dixital ou sen el).
<
CAL É O XUSTIFICANTE VÁLIDO DE TER FEITO O PAGO DE TAXAS?

 

Dependendo do modelo escollido, o xustificante que debe achegar na administración para xustificar o pago, é un dos seguintes:

  • Modelo AI.
  • Modelo 731.
  • Modelo 730.

O modelo 739 non resulta un modelo válido de xustificante porque se trata dun paso intermedio que o/a interesado/a debe completar co código NRC da operación, para xerar o modelo 730.

<
TEÑO QUE VOLVER A PAGAR TAXAS PARA SEGUIR FIGURANDO NAS LISTAXES DE CONTRATACIÓN?

 

Se continúa como aspirante na mesma categoría profesional, aínda que realice cambios na súa solicitude, non terá que pagar de novo as taxas. Se cambia de categoría, se inscribe nunha nova ou non figuraba inscrito no ciclo anterior, terá que aboar as taxas correspondentes.

Os novos aspirantes que non figuraban na listaxe anterior terán que pagar as taxas de acordo coa Lei.

<
CALES SON AS EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS AO PAGO DE TAXAS?

 

Estarán exentos do pagamento da taxa por dereito de inscrición:

  • As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
  • As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. 

Aplicarase unha bonificación do 50% á inscrición solicitada:

  • Para as persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.
  • Para as persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
  • As vítimas do terrorismo, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, permitindo a consulta dos seus datos entre administracións (se existe esta posibilidade, coma nos formularios de inscrición en OPE) ou ben presentando xunto coa solicitude de inscrición no proceso, a documentación correspondente:

* Copia compulsada da cualificación de discapacidade

* Copia compulsada do título oficial de familia numerosa, de carácter ordinario ou especial

* Certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

* Sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza a condición de vítima do terrorismo.

<
QUEN TEN DEREITO Á DEVOLUCIÓN DAS TAXAS?

 

As persoas excluídas, disporán do prazo dun mes, contado a partires do día seguinte ao da data da publicación da resolución definitiva de aspirantes excluídos, para solicitar a devolución das taxas aboadas para a inscrición.

Os/as aspirantes que renuncien despois de publicarse as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as non terán dereito á devolución das taxas ingresadas.

<
COMO SOLICITO A DEVOLUCIÓN DE TAXAS?

 

As solicitudes deben dirixirse á Subdirección Xeral de Selección de Persoal do Servizo Galego de Saúde en Santiago de Compostela.

Na solicitude de devolución deberá consignarse o nome, apelidos, NIF, número de conta bancaria e localidade ou datos de contacto do interesado, así mesmo debe achegar unha copia compulsada do impreso de autoliquidación das taxas aboadas (consulte os modelos de xustificantes válidos neste mesmo apartado).



LISTAXES DE CONTRATACIÓN


<
COMO INSCRIBIRSE POR PRIMEIRA VEZ?

 

As persoas que por primeira vez soliciten a súa inscrición nunha categoría con listaxes elaboradas consonte o pacto de contratación, así como aquelas persoas que non tivesen participado no proceso de xeración inmediatamente anterior, deberán formalizar a súa inscrición, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES), no apartado de “PROCESOS”.

Logo de formalizala e gardala, a súa solicitude pasará ao estado ”Borrador”, por se quere realizar algunha modificación posterior na mesma antes de confirmala. Non serán admitidas no respectivo proceso as solicitudes que consten en estado borrador na data de finalización do prazo de inscrición.

Premendo na icona con forma de ollo vólvese a cargar a solicitude gardada. Se precisa facer algunha modificación antes de confirmar, terá que premer en “Modificar” para que se garden os cambios. Unha vez que comprobe que todos os datos son correctos deberá confirmar a solicitude. Logo de confirmada, non resulta posible realizar ningunha modificación na mesma.

Premendo en “Confirmar Solicitude”, terá a opción de elixir entre presentar a solicitude nun rexistro presencial ou presentala de xeito telemático mediante certificado dixital.

Para presentala de xeito presencial, imprima a solicitude, asínea e achéguea nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

No caso de que opte por presentala telematicamente debe dispoñer dun certificado dixital válido (FNMT, DNIe ou Camerfirma) e comprobar se o seu equipo cumpre cos requisitos técnicos para a inscrición, publicados na Oficina do Profesional de Expedient-e. Aínda que elixa a presentación telemática, sempre terá dispoñible a opción de imprimir e achegar de xeito presencial nun rexistro administrativo, se telematicamente non é posible ou cambia de idea. As solicitudes “Confirmadas Pendentes de Rexistrar” indican que o rexistro telemático non foi posible.

Lembre consultar as bases da convocatoria para achegar no rexistro o resto de documentación requirida, de selo caso (xustificante de pago de taxas, solicitude de validación de méritos, requisitos e méritos...).

<
PODO INSCRIBIRME EN VARIAS CATEGORÍAS AO MESMO TEMPO?

 

Segundo se establece no Pacto de contratación vixente, a inscrición en varias categorías profesionais simultaneamente pode resultar incompatible. Se se inscribe en dúas categorías incompatibles entre si, internamente o sistema admitirá so aquela inscrición que se formalizou en último termo, rexeitando a inscrición no resto de categorías incompatibles.

As categorías profesionais compatibles aparecen recollidas por bloques no Anexo I do Pacto de contratación. Dentro do mesmo bloque as categorías son compatibles entre si, podendo figurar inscrito/a en varias delas simultaneamente.

Outras categorías, pola contra son incompatibles con tódalas demais (Celador, Grupo Auxiliar dá Función Administrativa e PSX, por exemplo).

Logo da actualización periódica das listas, a xeración da listaxe definitiva dunha categoría, dará lugar de forma automática á baixa da persoa aspirante naquelas outras listas xeradas con anterioridade nas cales constaba admitido/a con carácter definitivo e que resulten incompatibles con aquela.

<
CAL É O PRAZO DE INSCRICIÓN?

 

O proceso de inscrición permanece permanentemente aberto ao longo do ano. Con carácter xeral, a inscrición e a achega dos méritos dos/das participantes, ten como data límite o 31 de outubro. Por outra banda, só computarán aqueles méritos con data de obtención ata o 15 de outubro.

Non se pasará a formar parte da listaxe ata que non se produza a actualización periódica da mesma, sempre con posterioridade á data de corte indicada (31 de outubro).

<
PODO RENUNCIAR A UNHA INSCRICIÓN VIXENTE?

 

As persoas aspirantes poderán renunciar a unha inscrición vixente mediante solicitude escrita dirixida á mesma Unidade de validación da inscrición e que deberán presentar nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

<
COMO PODO MODIFICAR A SOLICITUDE SE XA FIGURO INSCRITO/A?

 

As persoas que xa figuraban en lista na anterior xeración e non desexen realizar ningunha modificación sobre a mesma, non terán que realizar ningunha inscrición.

Se se desexa facer algún cambio nas condicións de participación no proceso respecto ás listas vixentes, poderá realizalo na copia editable da súa inscrición, que comezará a estar visible para vostede trala publicación das listaxes definitivas da súa categoría profesional.

No suposto de que as modificacións introducidas requiran a achega de documentación adicional, o sistema informará a persoa aspirante desta circunstancia. O/A aspirante deberá imprimir a solicitude, asinala e achegala xunto coa documentación acreditativa exixida, nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, antes do remate do prazo de inscrición.

<
COMO CAMBIO DE ÁREA SANITARIA?

 

Trala publicación das listaxes definitivas da súa categoría profesional, xerarase no apartado de Procesos de FIDES, a copia editable da súa solicitude, na que poderá efectuar os cambios que considere oportunos. Estas modificacións serán efectivas para a xeración seguinte.

Nas listaxes de ámbito autonómico, agás as correspondentes á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os/as aspirantes poderán indicar a área/s sanitaria/s na/s que solicitan prestar servizos con carácter preferente. De non concretar ningunha, entenderase que optan por figurar en calquera delas. Non obstante, tanto os chamamentos como a orde de prelación nas listaxes autonómicas, é único para todo o territorio da Comunidade Autónoma.

<
CAL É O REQUISITO PARA INSCRIBIRSE EN ÁREAS ESPECIAIS?

 

Para poder participar nunha das áreas especiais das categorías que conten con elas, o/a aspirante deberá acreditar nos termos exixidos no pacto de contratación unha experiencia profesional mínima de dous meses, na/nas referida/s áreas e categoría, dentro do Sistema nacional de saúde e/ou formación práctica específica na categoría e área/s solicitada/s, impartida polo Servizo Galego de Saúde.

Non é necesaria a acreditación documental por parte do/da aspirante do requisito de formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde, posto que se carga automaticamente ao ter superado a mesma.

Poderán equipararse á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde determinadas titulacións académicas nas que a formación práctica estea incluída no programa curricular da propia titulación, previo informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e o acordo da Comisión Central.

Tal e como se recolle na Resolución do 13 de decembro de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se autorizan e se publican diversos acordos adoptados pola Comisión Central de Seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 243, do 22 de decembro de 2016):

I. Titulacións académicas equiparables á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde como requisito de acceso ás áreas especiais na categoría de Persoal de Enfermaría:

Analizados os programas formativos das distintas especialidades de enfermaría relacionadas no anexo I do Real decreto 639/2014, do 25 de xullo, e logo do informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, acórdase equiparar, na categoría de enfermeiro/a, á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde o título oficial de enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica para o acceso ás áreas especiais de Hospital de Día Onco-Pediátrico, Prematuros-Neonatos e UCI Pediátrica.

II. Experiencia profesional mínima de dous meses na/s área/s solicitada/s e categoría:

Para os efectos de acreditación do requisito de experiencia exixido para o acceso ás listas de área especial e co obxecto de homoxeneizar criterios na selección fixa e temporal do persoal estatutario, terán a consideración de experiencia profesional no Sistema Nacional de Saúde os servizos prestados por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do Sistema sanitario público español/Unión Europea/ Espazo Económico Europeo/Suíza.

III. Formación Práctica impartida polo Servizo Galego de Saúde, conforme ao procedemento e instrucións que, en desenvolvemento do Pacto de Contratacións, se elabore no seo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.

<
QUE OCORRE SE SUPERO A FORMACIÓN PRÁCTICA ESPECÍFICA IMPARTIDA POLO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE?

 

A formación, no caso de posuíla, cárgase automaticamente. Se vostede solicita e recibe formación nunha area especial e resulta apto, quedará automaticamente incluído na area especial. Segundo a RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se autorizan e se publican diversos acordos adoptados pola Comisión Central de Seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño de 2016), as persoas aspirantes figurarán dispoñibles para a formalización de nomeamentos da concreta área especial en que recibiron e superaron a formación, na seguinte actualización de listas que se efectúe na respectiva categoría.

<
NON ESTOU DE ACORDO COA PUNTUACIÓN OBTIDA, COMO PODO RECLAMAR?

 

As persoas interesadas poderán presentar reclamación no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación das listaxes provisionais de baremación.

A aceptación ou o rexeitamento das reclamacións presentadas entenderanse implícitos na resolución pola que se declaren con carácter definitivo as puntuacións e a orde de prelación acadadas polas persoas aspirantes.

Contra a resolución de publicación das listas definitivas de baremación, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas potestativamente poderán interpoñer recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación. Poderán interpoñer tamén recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

<
FUN EXCLUÍDO/A DA LISTA PROVISIONAL, QUE RECLAMACIÓN PODO ACHEGAR?

 

As persoas excluídas poden consultar as súas causas de exclusión no seu Expedient-e en el apartado de Procesos. A documentación declarada co estado de incompleta (DI) no apartado correspondente do Expedient-e, así como os erros materiais que cometeran as persoas aspirantes, poden ser emendados no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación da lista provisional de admitidos/as e excluídos/as.

As persoas que, tendo presentado debidamente solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formularen a súa reclamación.

<
FUN EXCLUÍDO/A DEFINITIVAMENTE, QUE RECURSO PODO ACHEGAR?

 

Contra a resolución de publicación das listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas potestativamente poderán interpoñer recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación. Poderán interpoñer tamén recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.



CONTACTA


<
INFORMACIÓN E CONTACTO

 

Toda a información sobre o Pacto de contratación e o Expedient-e pode consultarse na sección de Emprego Público desta mesma páxina web.

A información detallada sobre as Listaxes de Contratación poderá consultala no apartado correspondente desta mesma páxina web. De seguir tendo algunha dúbida sobre as listaxes de contratacións poderá dirixirse ao enderezo de correo electrónico  seleccion.temporal@sergas.es  e seralle respondida á maior brevidade.

Toda a información sobre o concurso de traslados poderá consultala no apartado de Concurso de Traslados desta mesma páxina web. De seguir tendo algunha dúbida sobre o concurso poderá dirixirse á dirección de correo electrónico  concurso.traslados@sergas.es   e seralle respondida á maior brevidade.

Tamén pode atopar os enderezos das principais unidades de referencia do Expedient-e (Unidades de Validación, Puntos de acreditación electrónica PAEs e Puntos de Información) nos Directorios da Oficina do profesional / Expedient-e (FIDES).