Preguntas Frecuentes Carreira Profesional Solicitude Encadramento Excepcional 2018

Preguntas Frecuentes Carreira Profesional Solicitude Encadramento Excepcional 2018

 

SOLICITUDE DE ENCADRAMENTO EXCEPCIONAL 2018


Punto 14 do Acordo de carreira profesional asinado pola Administración sanitaria  e as organizacións sindicais CIG, CESM, UGT, CSIF e SATSE (Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo de 2018).

Resolución do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia do 6 de agosto), pola que se inicia o procedemento para solicitar un grao de carreira consonte o réxime transitorio e excepcional de encadramento.

 

En que consiste o encadramento excepcional 2018?

En que categoría/especialidade podo solicitar o grao?

Cales son os requisitos básicos para presentar unha solicitude de grao (I a IV)?

Xa teño algún grao recoñecido na miña actual categoría/especialidade. Cales son os requisitos para acceder ao seguinte?

Non teño ningún grao recoñecido na miña actual categoría/especialidade. Cales son os requisitos para acceder ao grao I?

Teño que presentar algún documento para demostrar que cumpro os requisitos?

En que prazo e como debo solicitar o grao?

Para acceder ao grao é preciso superar unha avaliación? Que se valora?

Teño que presentar algunha documentación para acreditar os méritos?

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 



En que consiste o encadramento excepcional 2018?

Este procedemento extraordinario, acordado pola Administración sanitaria  e as organizacións sindicais CIG, CESM, UGT, CSIF e SATSE, posibilita que o persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ADOS, ACIS, Galaria e INGO solicite neste ano 2018 un grao de carreira profesional (o grao I ou o seguinte a aquel que o/a profesional xa teña recoñecido).


En que categoría/especialidade podo solicitar o grao?

Unicamente na que estivera na situación de activo (ou con reserva de praza) o 1 de xullo de 2018.

Se accedeu a esa categoría/especialidade nunha OPE (normalmente pola quenda de promoción interna fixa) e ten recoñecidos graos noutra categoría/especialidade, o punto 11 do Acordo de carreira profesional (Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo de 2018)  garante o seu dereito a manter os graos e o complemento de carreira da categoría de orixe.

Recorde que o persoal estatutario en situación de promoción interna temporal sempre mantén a situación de servicio activo na categoría de orixe. É nesta última -a categoría de orixe- na que deberá solicitar o grao neste réxime extraordinario de encadramento.

Por outra parte, se o 7 de agosto de 2018, ou en calquera momento posterior, desempeña ou pasa a desempeñar unha praza vacante doutra categoría/especialidade, por promoción interna temporal, poderá solicitar tamén o grao inicial nesa categoría/especialidade (vexa as preguntas frecuentes sobre a solicitude do grao inicial).



Cales son os requisitos básicos para presentar unha solicitude de grao (I a IV)?

Están relacionados no punto 14 do Acordo de carreira profesional (Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo de 2018), deben cumprirse o 1 de xullo de 2018 e poden resumirse nos seguintes:

- Ser persoal estatutario fixo en situación de servizo activo (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza).

- Ter destino definitivo no Servizo Galego de Saúde ou entidade adscrita.

Como excepción, poderá solicitar un grao o/a profesional en situación de reingreso provisional nunha praza do organismo ou entidade.


Xa teño algún grao recoñecido na miña actual categoría/especialidade. Cales son os requisitos para acceder ao seguinte?

Ademais de cumprir os requisitos básicos, é preciso:

1.  Acreditar un período de permanencia de alomenos un ano no último grao recoñecido.

Período de permanencia: tempo transcorrido en situación de servizo activo ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza.

2. Acreditar un mínimo de servizos prestados -distintos para cada grao- como persoal estatutario (fixo ou temporal).  Non só se teñen en conta os servizos na actual categoría/especialidade.

Vexa o punto 14 do Acordo de carreira profesional (Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo de 2018).


Non teño ningún grao recoñecido na miña actual categoría/especialidade. Cales son os requisitos para acceder ao grao I?

Ademais de cumprir os requisitos básicos, é preciso:

1.- Acreditar un ano de servizos prestados como persoal estatutario fixo da categoría/especialidade.

2. Acreditar un mínimo de cinco anos de servizos prestados como persoal estatutario (fixo ou temporal). Non só se teñen en conta os servizos na actual categoría/especialidade.

Vexa o punto 14 do Acordo de carreira profesional (Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo de 2018).

Teño que presentar algún documento para demostrar que cumpro os requisitos?

Non. Non ten que presentar ningún documento.

Vexa a Resolución do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia do 6 de agosto), pola que se inicia o procedemento para solicitar un grao de carreira consonte o réxime transitorio e excepcional de encadramento.

Como excepción, se o seu último grao da categoría/especialidade foi recoñecido noutro servizo de saúde, ou pretende facer valer servizos prestados noutros servizos de saúde que non estean debidamente rexistrados, atenda ás normas específicas que establece a dita resolución.


En que prazo e como debo solicitar o grao?

Se vostede cumpre os requisitos, e quere solicitar o grao, deberá presentar a solicitude entre o 7 de agosto e o 28 de setembro.

A solicitude debe presentarse en modelo normalizado a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES/expediente-e/”solicitudes”), consonte o procedemento que se establece na resolución do 31 de xullo de 2018, pola que se inicia o procedemento para solicitar un grao de carreira consonte o réxime transitorio e excepcional de encadramento (Diario Oficial de Galicia do 6 de agosto).

Recorde que para completar o proceso (presentación e rexistro da solicitude) requirirase un certificado dixital válido. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Camerfirma e o DNI electrónico (DNIe).

Nesta mesma páxina Web ten á súa disposición un Manual de rexistro de solicitudes.

Para acceder ao grao é preciso superar unha avaliación? Que se vai valorar?

Efectivamente, hai que superar unha avaliación (punto 14 do Acordo de carreira profesional, Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo de 2018), con méritos que se axustan ao carácter excepcional deste procedemento.

As actividades (méritos) que se valoran dependen da súa categoría profesional. Pode consultalas no Anexo IV do Acordo.

Serán valoradas calquera das actividades ou situacións, especificadas no dito Anexo para cada colectivo profesional, realizadas ou causadas entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 28 de setembro de 2018.

Excepción respecto á data inicial: as actividades de formación universitaria de posgrao valoraranse, nas categorías para as que se require formación universitaria, con independencia da data da súa realización.

Nese Anexo IV poderá comprobar que a formación continuada (cursos) valórase en todas as categorías. Con 4 créditos/40 horas de formación -sempre realizada entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 28 de setembro de 2018 e debidamente acreditada- sería suficiente para superar a avaliación.


Teño que presentar algunha documentación para acreditar os méritos?

Lea atentamente os puntos “cuarto” e “quinto” da  resolución do 31 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia do 6 de agosto).

Aí pode comprobar que hai actividades (méritos) respecto aos cales non ten que presentar documentación algunha, e que mesmo poderían ser suficientes para que vostede supere a avaliación.

Outras actividades, como a formación continuada (agás a impartida pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde-ACIS), deberá rexistralas -se non están xa rexistradas- no sistema informático Fides/expedient-e e acreditalas documentalmente antes do 28 de setembro de 2018.

O punto “quinto” da citada resolución do 31 de xullo de 2018 establece como debe proceder para a comprobación, rexistro e acreditación dos seus méritos.