O 061 ACONSELLA EXTREMAR AS PRECAUCIÓNS NA OPERACIÓN SAÍDA DAS VACACIÓNS DO MES DE AGOSTO
Sistema de lectura automática do Sergas
» Axuda
A colaboración con este organismo pode salvar moitas vidas ou evitar lesións moi graves
Santiago, 30 de xullo de 2010. Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na comunidade galega, fai un chamamento á precaución nas estradas tanto aos condutores como aos peóns. En poucas horas iniciarase a saída das persoas que comeza o seu período vacacional do mes de agosto, que coincide coa fin de semana, o que fai prever un notable incremento no número de desprazamentos.
En consecuencia, e tendo en conta que calquera pode ser útil mentres a asistencia sanitaria se atopa en camiño, Urxencias Sanitarias de Galicia aconsella á poboación como actuar no caso de atoparse cun accidente de tráfico, xa que a colaboración co 061 pode salvar moitas vidas ou evitar lesións moi graves.
Ante un accidente
Unha vez se ten producido un accidente é fundamental actuar correctamente para evitar aumentar o número de vítimas. É importante non intervir se non se sabe cómo; e sempre avisar canto antes, para que acudan os servizos de emerxencia, marcando o 061.
O que se debe facer antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, é aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Así mesmo, sinalizarase o accidente 200 metros antes e despois do lugar no que ocorreu. Deberase poñer roupa reflectante ou rechamante, pero nunca escura.
Outra das medidas a realizar será apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado e considerar a existencia de perigos engadidos como pode ser o desprendemento de gases, incendios, cables eléctricos, entre outros. Así mesmo, a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, seguindo as indicacións orientativas transmitidas polo persoal do 061-Galicia ata a chegada dos recursos especializados.
Na chamada ao 061 canto máis datos se dean máis se axudará a este organismo na súa tarefa. Así, cando se chama ao 061, a axuda ponse inmediatamente de camiño. As preguntas que se fan dende a Central de Emerxencias serven para coñecer, exactamente, o estado das vítimas e achegar máis equipos se son necesarios, así como para explicar, correctamente, como actuar para manter as vítimas da mellora maneira ata a chegada do auxilio, pero, en ningún caso, retrasan a asistencia.
É necesario facilitar o emprazamento exacto e correcto do lugar do accidente e o estado dos feridos, para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios dependendo da gravidade do suceso.
O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender aos accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade axeitadas, xa que de nada serviría aumentar o número de vítimas. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.
Unha vez valorada a situación do accidente e informado o 061-Galicia, hai algunhas cousas que se poden facer para axudar no sinistro, sempre baixo a supervisión do profesional médico de Urxencias Sanitarias que, en cada momento, indicará cómo actuar. Deberase actuar sempre mantendo as medidas de seguridade e de autoprotección para evitar novos accidentes.
Prevención
Ante este incremento de desprazamentos Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da Consellería de Sanidade, recomenda aumentar as medidas de prevención nestas datas, e lembra a conveniencia de empregar os sistemas de seguridade activa, como os cintos, o casco ou as cadeiras infantís. A ausencia destes elementos fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente.
A velocidade é outro dos factores que intervén nun accidente. Case un terzo das intervencións por accidente de tráfico que atende o 061-Galicia teñen a súa orixe no exceso de velocidade, ou velocidade inadecuada.
O 061 de Galicia recomenda, ademais, evitar o consumo de alcohol nos condutores, e lembra que os efectos do mesmo non só incrementa o risco de sufrir accidentes, senón que, en caso de ter un, dificulta as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir o alcohol cos fármacos subministrados.
Tamén e importante lembrar aos peóns a importancia de facerse ver se circulan ou cruzan por estradas. Preto dun 10 por cento das vítimas dos accidentes de tráfico son peóns e as súas lesións adoitan ser moi graves pola fraxilidade do corpo ante os vehículos en movemento.
Dende a Consellería de Sanidade recoméndase, unha vez máis, extremar as precaucións nas estradas e, no caso de atoparse cun accidente de tráfico, chamar ao 061 (número de Urxencias Sanitarias común para toda Galicia). Informe, con precisión, do lugar exacto do accidente, para poder enviar a axuda o máis axiña posible. Facilítelle, á persoa que o atenda, toda a información que lle solicite: número e tipo de vehículos implicados, e estado aparente dos feridos.
É importante lembrar que o 061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano, e que moitas vidas pódense salvar se son tratadas dun modo axeitado