logo Conselleria logo SERGAS
xoves, 29 de xullo 2010
VOLVE A SITUACIÓN DE NORMALIDADE NOS CONCELLOS GALEGOS QUE ESTABAN EN SITUACIÓN DE PREALERTA POLAS ALTAS TEMPERATURAS

Sistema de lectura automática do Sergas


» Axuda

Tal e como se preveía na xornada de onte, no día de hoxe a masa de aire procedente do norte de África moveuse algo cara ao sur, o que propicia un lixeiro descenso nas temperaturas
Nas primeiras horas da mañá constatouse que as mínimas nesta madrugada foron algo máis frescas que en xornadas anteriores, quedando, en xeral, un pouco por baixo dos 20ºC, sendo o descenso particularmente notorio nas Rías Baixas
A sensación de calor continuará, pero non será tan abafante

Santiago, 29 de xullo de 2010.- A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor 2010, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, sinala que deixan de estar en pre-alerta (nivel 1a), e, por tanto, volven á situación de normalidade, os concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e Vigo.

Así, tal e como se preveía na xornada de onte, no día de hoxe a masa de aire procedente do norte de África moveuse algo cara ao sur, o que propicia un lixeiro descenso nas temperaturas. Nas primeiras horas da mañá constatouse que as mínimas nesta madrugada foron algo máis frescas que en xornadas anteriores, quedando, en xeral, un pouco por baixo dos 20ºC, sendo o descenso particularmente notorio nas Rías Baixas, pola entrada de brisas. As máximas tamén descenderán lixeiramente, polo que a sensación de calor continuará, pero non será tan abafante.

Nas seguintes dúas xornadas, venres e sábado, a situación apenas variará con respecto a hoxe, quedando as mínimas, en xeral, algo por debaixo dos 20ºC (soamente se superará esta valor de forma moi local), e as máximas semellantes ás de hoxe, é dicir, en valores non tan extremos como ao principio de semana.

Tendo en conta esta situación, aínda que as temperaturas seguerán a ser altas no sur de Galicia, xa non se darán as condicións de superación dos umbrais previstos para a vaga de calor.

Recomendacións
Non obstante, a Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, reitera, unha vez máis, unha serie de diferentes consellos que poden ser moi útiles para afrontar as altas temperaturas destes días. Con eles, contribúese ao espallamento da información máis relevante e das recomendacións sanitarias máis efectivas fronte ao calor, co obxectivo de facilitar a súa aplicación tanto polas propias persoas cun maior risco, como por todo tipo de coidadores destas, ben sexa familiares, profesionais ou voluntarios.

Para protexerse da calor destes días, Sanidade recomenda beber máis líquido do habitual, sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té, e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas en abundancia, e evitaranse as comidas copiosas.
Respecto da vestimenta, convén usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios aconséllase permanecer, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores ou aparellos de aire acondicionado. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a anciáns.

Cando se vaia desfrutar da praia convén evitar as horas do mediodía e as primeiras da tarde. Asemade, a Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as que teñan un índice non inferior a quince.
Información de contacto
imaxe

Consellería de Sanidade · Servizo Galego de Saúde
Xunta de Galicia