A XUNTA DE GALICIA, NO MARCO DE ACTUACIÓNS FRONTE ÁS ALTAS TEMPERATURAS, SINALA O NIVEL DE PRE-ALERTA PARA DIVERSOS CONCELLOS GALEGOS
Sistema de lectura automática do Sergas
» Axuda
Santiago, 28 de xullo de 2010.- A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor 2010, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, vén de declarar a situación de pre-alerta (nivel 1a), nos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e Vigo.
O resto de concellos galegos están en situación de normalidade (nivel 0).
En días anteriores, as temperaturas mínimas superaron moi puntualmente os 20º, e durante curtos espazos de tempo. Para os días seguintes, darase esa superación xa en áreas máis amplas. Para mañá xoves retirarase lixeiramente a masa de aire cálido africano, aínda que, xa para o venres, novamente darase un ascenso térmico.
Sistemática de intervención
O Comité de Plan de Calor 2010 está formado, ademais de pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, polas Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Traballo e Benestar; e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Este plan, que está operativo dende o un de xuño, recolle as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás vagas de calor, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, ademais, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta establecidos. Por outro lado, tamén contempla as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.
Recomendacións
A Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, informa á cidadanía sobre diferentes consellos que poden ser moi útiles para afrontar as altas temperaturas destes días. Con eles, contribúese ao espallamento da información máis relevante e das recomendacións sanitarias máis efectivas fronte ao calor, co obxectivo de facilitar a súa aplicación tanto polas propias persoas cun maior risco, como por todo tipo de coidadores destas, ben sexa familiares, profesionais ou voluntarios.
Para protexerse da calor destes días, Sanidade recomenda beber máis líquido do habitual, sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té, e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas en abundancia, e evitaranse as comidas copiosas.
Respecto da vestimenta, convén usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.
No interior dos edificios aconséllase permanecer, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores ou aparellos de aire acondicionado. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.
No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a anciáns.
Cando se vaia desfrutar da praia convén evitar as horas do mediodía e as primeiras da tarde. Asemade, a Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as que teñan un índice non inferior a quince.