O COMITÉ DE PANDEMIA DE GRIPE A REUNIUSE PARA REVISAR ASPECTOS RELACIONADOS COA PREPARACIÓN DA VINDEIRA TEMPADA GRIPAL
Sistema de lectura automática do Sergas
» Axuda
Baixo a presidencia da directora xeral de Saúde Pública e Planificación, Sagrario Pérez Castellanos
Este comité constatou que a situación epidemiolóxica da gripe pandémica en Galicia segue a ser de normalidade, cunha incidencia baixa propia dos meses de verán
Na reunión acordouse convocar ao Comité Científico para a primeira quincena de setembro, coa fin de abordar as recomendacións dos organismos internacionais
Santiago, 24 de xullo de 2010.- O Comité de Pandemia da Gripe A vén de reunirse esta semana baixo a presidencia da directora xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez Castellanos, para revisar determinados aspectos relacionados coa preparación da próxima tempada gripal.
Nesta reunión, os membros do comité coordinador galego trataron, entre outros temas, dos grupos de risco aos que se recomendará a vacinación; dos antivirais e a súa distribución; das recomendacións cara ao control da transmisión de gripe e outras enfermidades respiratorias nos centros sanitarios, e, ademais, da sistemática a seguir no uso das probas diagnósticas.
Acordouse, así mesmo, convocar ao Comité Científico para a primeira quincena de setembro, coa fin de revisar a situación epidemiolóxica e abordar as recomendacións dos organismos internacionais, así como as da Comunidade Autónoma galega.
Cómpre sinalar que o Comité de Emerxencia da Organización Mundial da Saúde mantén o nivel máximo de alerta pandémica pola gripe A. Dito Comité está pendente aínda de reunirse á espera da avaliación do comportamento do virus durante o inverno do hemisferio sur.
Na reunión do Comité galego, baixo a presidencia de Sagrario Pérez, estiveron presentes, así mesmo, xunto cos responsables da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, o vicesecretario xeral da Consellería de Sanidade, representantes do Servizo Galego de Saúde, así como o director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.