A TERCEIRA PLANTA DO HOSPITAL DO SALNÉS PORASE EN FUNCIONAMENTO A FINAIS DO MES DE XANEIRO
Sistema de lectura automática do Sergas
» Axuda
Servirá para mellorar a asistencia prestada aos cidadáns e a dispoñibilidade de espazo das instalacións do centro arousán
A Consellería de Sanidade traballa para duplicar tanto a área de Urxencias como o bloque cirúrxico do hospital, que grazas a esta intervención pasará de ter tres quirófanos a ter seis
Vilagarcía de Arousa, 11 de decembro de 2009.- O terceiro andar do Hospital do Salnés porase en funcionamento a finais do mes de xaneiro. Coa entrada en funcionamento desta planta no centro sanitario arousán mellorará a asistencia prestada aos cidadáns, así como a dispoñibilidade de espazo das súas instalacións.
Cómpre lembrar que a terceira planta do Hospital do Salnés, cunha superficie de arredor de 1.200 m2, prevé acoller tres unidades: a de Coidados Paliativos, a de Hospitalización polivalente e a de infecciosos ou pacientes que requiren illamento. A unidade de Hospitalización polivalente acollerá 24 camas en 12 habitacións dobres, mentres que a de infecciosos contará con catro habitacións individuais, igual que a de Coidados paliativos, que incluirá tamén cama para o acompañante.
O deseño arquitectónico desta nova área conta cun concepto moderno no que se ten priorizado a súa funcionalidade. O andar está dividido en dúas partes, cun espazo central no medio por onde se comunican e onde están situadas as áreas de apoio, como o control de enfermería, almacéns, despachos médicos, secretaría, sala de pre-altas e salas de estar de familiares.
A un lado estarán as unidades de Coidados paliativos e infecciosos e ao outro a de hospitalización polivalente, de xeito que se garanta a tranquilidade e intimidade dos doentes e familiares que se atopan en situacións tan delicadas como as que se poden atopar en paliativos.
Desta maneira, a Consellería de Sanidade continúa co cumprimento dos seus compromisos coa Área Sanitaria do Salnés, mellorando ademais as súas dotacións para garantir o acceso á información clínica dos pacientes polos profesionais tanto de Atención Primaria como de Especializada, o que redundará na calidade da asistencia prestada.
Duplicar a área de urxencias e o bloque cirúrxico
Doutra banda, a próxima semana celebrarase unha xuntanza entre a Dirección do Hospital, arquitectos da Xunta e os arquitectos responsables do proxecto arquitectónico para estudar o proxecto de obra que permitirá duplicar tanto a área de Urxencias como o bloque cirúrxico. Así, grazas a esta intervención, o centro pasará de ter tres quirófanos a ter seis.
Estas iniciativas do Servizo Galego de Saúde confirman a vontade da Administración por garantir unha sanidade pública de calidade, co paciente como centro do sistema. Ademais, o departamento que dirixe Pilar Farjas quere cumprir o obxectivo do Goberno autonómico de prestar uns servizos públicos próximos e eficientes, ademais de ser protagonistas activos na contribución da recuperación económica.
En definitiva, a través deste proxecto destinado á mellora de infraestruturas e tecnoloxía, Sanidade fai unha aposta clara polos profesionais sanitarios, pola dinamización da economía e polo fortalecemento do sistema sanitario.