logo Conselleria logo SERGAS
luns, 30 de novembro 2009
A CONVOCATORIA PARA VINCULACIÓNS TEMPORAIS NO SERGAS ESTASE A REALIZAR NUN PRAZO REDUCIDO E CON MÁIS AXILIDADE QUE EN ANTERIORES OCASIÓNS

Sistema de lectura automática do Sergas


» Axuda
Neste momento, todos os expedientes atópanse baremados
A publicación das listas provisionais está pendente do volcado dos datos relativos ao desemprego pola Tesourería Xeral da Seguridade Social, que se producirá nos vindeiros días

Santiago, 30 de novembro de 2009.- Todos os expedientes correspondentes á actual convocatoria para incorporar novos méritos e á selección de novos aspirantes para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde foron xa baremados, o que supón que o proceso se está a realizar nun prazo moi reducido en comparación con anteriores ocasións.

Esta convocatoria publicouse o pasado 1 de abril de 2009, e permite acceder ao emprego temporal no Servizo Galego de Saúde nas categorías de médico de familia, pediatra, médico de urxencias hospitalarias, odontólogo, persoal de enfermería (DUE), matrona, auxiliar de enfermería e cociñeiro.

O prazo de presentación de solicitudes rematou o 9 de maio, e neste momento a publicación das listas provisionais está unicamente pendente do volcado dos datos relativos ao desemprego pola Tesourería Xeral da Seguridade Social, que se producirá nos vindeiros días.

Polo tanto, a baremación destes expedientes produciuse con máis axilidade do que era habitual, tendo en conta o número de persoas que presentaron solicitude (20.131), a complexidade da baremación e a cantidade e variedade de méritos presentados polos aspirantes.

Dende que rematou o prazo de presentación de solicitudes ata a publicación das listas -que se prevé que se produza ao longo das vindeiras semanas- transcorrerán ao redor de sete meses. Cómpre lembrar que a anterior convocatoria, de 17 de abril de 2007, do mesmo xeito que sucedeu coas anteriores convocatorias realizadas ao abeiro do pacto, resolveuse coa publicación das listaxes provisionais máis de un ano e medio máis tarde, o 15 de decembro de 2008.

O pacto vixente de selección temporal, que data de xuño de 2004, posibilita a presentación dunha grande diversidade de méritos de experiencia profesional, formación académica e continuada así como méritos derivados doutros aspectos da vida profesional.

Próxima xuntanza
O próximo día 4 de decembro celebrarase unha xuntanza do grupo de traballo sobre a reforma do pacto de vinculacións temporais, que nace pola necesidade dunha maior axilidade detectada tanto pola Administración como polas organizacións sindicais.

Neste sentido, a cada vez máis complexa estrutura dos baremos utilizados para a confección das listas de vinculacións temporais, unida ao incesante incremento de aspirantes, deu lugar a que o sistema actual de listas de contratación temporal resulte especialmente complexo e non responda con axilidade ás expectativas dos aspirantes nin aos criterios de eficacia e eficiencia que deben presidir toda actuación administrativa.

Na última reunión mantida, a Administración sanitaria propuxo á representación sindical a utilización das listas resultantes dos procesos selectivos que, cada dous anos, se convocan para o acceso a prazas de persoal estatutario fixo do organismo. Desta maneira disporíase dunha lista de aspirantes que permitiría valorar, ademais da superación do proceso selectivo, a súa experiencia profesional, formación académica e formación continua.

Na reunión do venres continuarase o diálogo sobre a reforma do pacto de vinculacións temporais.
Información de contacto
imaxe

Consellería de Sanidade · Servizo Galego de Saúde
Xunta de Galicia