MÁIS DO 64% DOS ASPIRANTES INSCRITOS PRESENTÁRONSE ESTA FIN DE SEMANA AOS EXAMES DA OPE DO SERGAS
Sistema de lectura automática do Sergas
» Axuda
Acudiron 23.377 persoas dun total de 34.696 inscritos nestas categorías
Realizáronse exames a opositoras xestantes que se atopaban ingresadas por esta causa en diferentes centros de Galicia
Debido á alerta laranxa por temporal foi reforzada a dotación de protección civil e do 061 da convocatoria
Silleda,16 de novembro de 2009.- 22.377 aspirantes a 1.670 prazas na sanidade pública galega ?dun total de 34.696 inscritos- presentáronse o pasado fin de semana -14 e 15 de novembro- aos exames da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde que se celebraron no Recinto Feiral de Silleda. Estes datos supoñen unha participación do 64,4%.
Os exames correspondían ás categorías de fisioterapeuta, traballador social, carpinteiro, enxeñeiro técnico, matrona, enfermeiro especialista en saúde mental, persoal de enfermería (ATS/DUE), grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xeras e cociñeiro.
Así mesmo, esta fin de semana realizáronse exames a varias opositoras xestantes que se atopaban ingresadas por esta causa en diferentes centros de Galicia, en cumprimento das previsións da Lei 7/2004, del 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e da Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
Neste sentido, o sábado, no chamamento pertencente á categoría de persoal de enfermería, examináronse dúas aspirantes no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); dúas no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); dúas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI); e unha no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).
O domingo, día 15, catro aspirantes realizaron pola mañá as probas de acceso á categoría de Auxiliar administrativo e, pola tarde, as correspondentes á categoría de persoal de servizos xerais. Os centros nos que se realizaron estes exercicios foron o CHUAC, o CHUS, o CHUVI e o Hospital Comarcal de Valdeorras. Todos estes exercicios foron realizados sen ningún incidente e con total normalidade.
Ademais, cómpre sinalar que como consecuencia da alerta laranxa polo temporal, procedeuse á apertura das portas media hora antes no chamamento da mañá e unha hora antes no da tarde, por non remitir el temporal e para permitir aos asistentes guarnecerse da choiva e do vento. Así mesmo, e coa mesma causa, foi reforzada a dotación de protección civil e do 061 da convocatoria.
En total, 72.518 aspirantes inscribíronse para optar a unha das 2.911 prazas das 36 categorías estatutarias da OPE das que se celebraron probas selectivas nas últimas semanas. Os exames da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde comezaron o pasado mes de xuño, cando se ofertaron 1.002 prazas da categoría de persoal facultativo. Tras estas probas e a convocatoria do correspondente concurso de traslados, se comezará a traballar na seguinte OPE do ano 2010, continuando co cumprimento do compromiso de estabilidade asumido pola Administración.