Xunta de Galicia. Consellería de SanidadeServizo Galego de Saúde

ENQUISA EUROPEA DE SAÚDE 2009 (EES09)


O obxectivo da Enquisa Europea de Saúde é medir o estado de saúde da poboación, o seu estilo de vida e a utilización dos servizos sanitarios de forma harmonizada na Unión Europea (UE), e garantir con elo un alto grao de comparabilidade entre os estados membros. Esta información permite planificar e avaliar as actuacións en materia sanitaria, tanto europeas como nacionais.

A primeira edición desta enquisa, que será quinquenal, realizouse no período 2006-2009 en 17 países da UE utilizando un cuestionario común. A análise de datos a nivel europeo estará a cargo de Eurostat, organismo ao que se transfiren os datos anonimizados. O cuestionario ten catro módulos: módulo europeo sociodemográfico, módulo europeo de estado de saúde, módulo europeo de asistencia sanitaria e módulo europeo de determinantes da saúde.

En España os organismos responsables da enquisa son o INE e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade en virtude dun convenio de colaboración. A recollida de información iniciouse en abril de 2009 e estendeuse ata marzo de 2010. Realizáronse 22.188 entrevistas. Na páxina web de ambos organismos está dispoñible unha ampla información que inclúe táboas estatísticas das variables investigadas clasificadas polas características sociodemográficas, erros de mostraxe, cuestionario, metodoloxía, análise da falta de resposta e os ficheiros finais de microdatos.

A continuación ofrécese unha selección dos datos dispoñibles por comunidade autónoma e referidos a variables de especial interese para o ámbito de saúde pública.

Son en total 57 táboas: 21 relacionadas co módulo de estado de Saúde, 16 de asistencia sanitaria (prácticas preventivas e satisfacción) e 20 de determinantes da saúde. Pódense consultar nos arquivos: 1-EES09 Estado de saúde, 2- EES09 Prácticas preventivas e satisfacción e 3-EES09 Determinantes da saúde.

Xaneiro 2012

Servizo de Indicadores de Saúde

Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía

Consellería de Sanidade · Servizo Galego de Saúde

Xunta de Galicia