O pediatra de Atención primaria presta atención ás nenas e nenos que residen preto do Centro de saúde.
Nalgúns concellos, a atención da infancia realízase por especialistas en Medicina de familia, co apoio a tempo parcial dun pediatra.
A fin de garantir unha asistencia personalizada e próxima, teñen un número máximo de poboación infantil ao seu cargo.
Desenvolven as súas actividades nun Centro de saúde ou varios, durante unha xornada na que poden estar de presenza ou a disposición dos pacientes que precisen da súa atención.
A Pediatría do primeiro nivel asistencial encárgase do coidado integral da saúde, tendo en conta os aspectos asistenciais, preventivos e sociais.
Coñece ao neno desde o nacemento ata a adolescencia, integrado no seu entorno familiar e comunitario, e realiza unha atención enfocada no só á curación e solución de problemas, se non que pode anticiparse ao diagnóstico e prevención de enfermidades. En caso de que presente problemas crónicos, o pediatra convértese no garante da continuidade da asistencia e no coordinador da asistencia entre os distintos profesionais e niveis sanitarios.
A súa actividade está enfocada ao coidado do neno normal e na repercusión de calquera acontecemento no seu futuro biopsicosocial. Os programas máis relevantes son:
- vacinacións infantís de 0 a 14 anos
- programa do neno sano:
- revisións de 0 a 23 meses
- revisións de 2 a 5 anos
- revisións de 6 a 14 anos
- educación para a saúde
- saúde bucodental
É importante elixir a un facultativo co que se manteña unha boa sintonía, en tanto que atenderá os problemas de saúde comúns e, en termos xerais, manterá unha longa relación cos pacientes e coa comunidade ao seu cargo.
A libre elección de pediatra pode exercerse no Centro de saúde máis próximo ao seu lugar de residencia.
Se o profesional elixido ten acadada a cota máxima de poboación, o solicitante deberá obter a conformidade previa do facultativo seleccionado. En centros cunha importante poboación asignada, aplícanse criterios de ordenación á atención pediátrica, de forma que elección de pediatra está condicionada á elección de médico de familia.
O sistema recomenda a elección dun profesional que traballe nun Centro de saúde do concello de residencia da cidadá ou cidadán, pero non limita esta elección. Non obstante, os profesionais desenvolven as súas actividades dentro dun ámbito xeográfico concreto, polo que resulta aconsellable que o médico de cabeceira traballe dentro do ámbito do noso domicilio.
O conxunto de persoas asignadas a un pediatra identifícase cun número denominado cota que figurará na súa tarxeta sanitaria.