Xunta de Galicia. Consellería de SanidadeServizo Galego de Saúde

Medicina Xeral ou de Familia e Pediátrica


O médico de familia presta atención a un conxunto de persoas que residen preto do Centro de saúde.
A fin de garantir unha asistencia personalizada e próxima, os facultativos teñen un número máximo de poboación ao seu cargo.
Desenvolven as súas actividades nun Centro de saúde ou varios, durante unha xornada na que poden estar de presenza ou a disposición dos pacientes que precisen da súa atención.

Funcións

Os profesionais especialistas en Medicina de familia e Pediatría proporcionan a atención sanitaria esencial que a cidadanía e os pacientes precisan, baseada no coñecemento das características do individuo, do entorno e na confianza mutua.
As áreas nas que centran a súa actividade son:
  • Atención ao adolescente, adulto e ancián
  • Actividades preventivas
  • Atención ao paciente crónico
  • Atención domiciliaria concertada/programada
  • Educación sanitaria
  • Atención á muller
  • Atención ao neno san

Tamén realizan outros servizos:
  • Atención continuada
  • Cirurxía menor
  • Fisioterapia
  • Traballo Social

Apóianse noutras unidades especializadas, cando o consideran oportuno.

Libre Elección

É importante elixir a un facultativo co que se manteña unha boa sintonía, en tanto que atenderá os problemas de saúde comúns e, en termos xerais, manterá unha longa relación cos pacientes e coa comunidade ao seu cargo.
A libre elección de médico ou pediatra pode exercerse no Centro de saúde máis próximo ao seu lugar de residencia.
Se o profesional elixido ten acadada a cota máxima de poboación, o solicitante deberá obter a conformidade previa do facultativo seleccionado. En centros cunha importante poboación asignada, aplícanse criterios de ordenación á atención pediátrica, de forma que elección de pediatra está condicionada á elección de médico de familia.
O sistema recomenda a elección dun profesional que traballe nun Centro de saúde do concello de residencia da cidadá ou cidadán, pero non limita esta elección. Non obstante, os profesionais desenvolven as súas actividades dentro dun ámbito xeográfico concreto, polo que resulta aconsellable que o médico de cabeceira traballe dentro do ámbito do noso domicilio.
O conxunto de persoas asignadas a un médico de familia ou pediatra identifícase cun número denominado cota que figurará na súa tarxeta sanitaria.

Asistencia de apoio

Cada médico de cabeceira ou pediatra conta cun número determinado de Unidades Funcionais de Apoio que poden situarse ou non no Centro de Saúde, tales como: atención bucodental, matronas, fisioterapia, dispositivos de saúde mental, Centros de orientación familiar.
catálogo servizos atención primaria

Consellería de Sanidade · Servizo Galego de Saúde

Xunta de Galicia