logo Conselleria logo SERGAS

Registro gallego de instrucciones previas


1. Que é o documento de instrucións previas?

É o documento en que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre aquelas actuacións médicas a recibir ou non, co fin de que esta sexa respectada e cumprida no momento en que por determinadas circunstancias non sexa quen de expresala persoalmente.

2. Cal é o contido deste documento?


O documento deberá ter en todo ou parte o seguinte contido:


a) Instrucións e opcións acerca dos coidados e o tratamento da saúde da persoa outorgante, chegada unha situación en que polas circunstancias non sexa quen de expresala persoalmente.


b) Instrucións sobre o destino do corpo e dos seus órganos, unha vez chegado o falecemento.


No documento tamén pode aparecer o nome dun representante do outorgante, para que, chegado o caso, actúe como interlocutor co médico ou co equipo sanitario na procura do cumprimento das instrucións previas.

3.Que é o Rexistro Galego de instrucións previas (REGAIP)?


É un rexistro dependente da Consellería de Sanidade, no cal os outorgantes , se así o desexan e cumprindo os requisitos establecidos, poderán inscribir o seu documento de instrucións previas, ou se é o caso, a súa substitución ou a súa revogación.


Este rexistro é de natureza administrativa, sendo a inscrición das instrucións previas de carácter voluntario e declarativo.

4. Cal é a función do REGAIP?


A finalidade do rexistro é facilitar o coñecemento da existencia do documento de instrucións previas aos profesionais que prestan a asistencia sanitaria, así como a consulta do seu contido chegada a situación en que sexa necesario telo en conta.


A ausencia de inscrición dun documento de instrucións previas validamente outorgado non impide a súa aplicabilidade no ámbito sanitario.


Co fin de garantir a súa eficacia en todo o territorio nacional, o Rexistro galego de instrucións previas estará interconectado co Rexistro nacional onde se recollen as instrucións previas inscritas nos distintos rexistros autonómicos.

5. En que circunstancias se pode acceder ao REGAIP?


Chegada unha situación en que o paciente non sexa quen de expresar persoalmente a súa vontade, o médico ou o equipo sanitario que presta a asistencia deberán acceder ao rexistro para comprobar a existencia ou non dun documento de instrucións previas.


Sen prexuízo de que na historia clínica exista copia do mesmo, tamén deberá acceder ao rexistro para verificar se foi inscrito un documento cunha data posterior e, de ser o caso, coñecer o seu contido.


Así mesmo, o médico poderá acceder ao rexistro cando sexa autorizado pola persoa outorgante.

6. Como se accede ao REGAIP?

O acceso dos facultativos do Servizo Galego de Saúde ao Rexistro galego de instrucións previas farase a través da historia clínica electrónica (IANUS). No caso de que o paciente teña inscrito un documento no rexistro, farase referencia á existencia do mesmo na citada historia clínica electrónica tal e como se mostra a continuación (Imaxe 1).

De non constar tal referencia, será preciso realizar unha consulta ao Rexistro nacional de instrucións previas -a través de IANUS- para comprobar a existencia ou non dun documento rexistrado noutra comunidade autónoma.


Para recoñecer aos pacientes que teñen un documento de instrucións previas inscrito no rexistro, dende as unidades de admisión e a través do Sistema de Información Hospitalaria de Galicia (SIHGA) identificarase cun aviso a aqueles que teñan un documento de instrucións previas rexistrado (Imaxe 2). Cada hospital establecerá os circuítos necesarios para achegar esta información aos servizos clínicos e aos facultativos responsables dos pacientes.
Os facultativos que traballen en centros que non pertenzan ao Servizo Galego de Saúde accederan ao sistema a través dunha comunicación telemática segura, e para iso deberán ter solicitado á Consellería de Sanidade autorización para uso da aplicación e dispor dun certificado de sinatura electrónica recoñecida (Imaxes 3 e 4).
As actuacións relativas á aplicación ou non do contido no documento de instrucións previas faranse constar razoadamente na historia clínica do paciente.
Consellería de Sanidade · Servizo Galego de Saúde
Xunta de Galicia