Lei
7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia.
A
Constitución española recoñece, no seu artigo 43, o dereito dos cidadáns á
protección da saúde, e responsabiliza os poderes públicos da organización e
tutela da saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e
servicios necesarios, establecendo no mesmo precepto que a lei determinará os
dereitos e deberes de todos ó respecto. En desenvolvemento das devanditas
previsións, as Cortes Xerais dictaron a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de
medidas especiais en materia de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril,
xeral de sanidade; a Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento, e a Lei
15/1997, do 25 de abril, sobre habilitación de novas formas de xestión do
sistema nacional de saúde, que xunto coa Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora
das bases do réxime local, constitúen o marco legal básico ó que debe axustarse
o sistema sanitario no ámbito do Estado español.
Pola súa
parte, o Estatuto de autonomía de Galicia, dentro do marco que prevé a
Constitución nos artigos 148 e 149 no tocante á distribución de competencias
entre o Estado e as comunidades autónomas, confírelle a esta Comunidade plena
capacidade para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación
básica do Estado en materia de sanidade interior.
No
exercicio destas competencias, promúlgase esta lei, que ten por obxecto a
ordenación do sistema sanitario de Galicia -configurado polo conxunto dos
recursos, actividades, servicios e prestacións que teñen por finalidade a
promoción da saúde, a prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria e a
rehabilitación, todo iso nun marco integral-, así como a regulación de cantas
actuacións permitan facer efectivo o dereito dos cidadáns á protección da saúde
no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para
estes efectos, a lei vertebra o sistema sanitario de Galicia -que se sitúa baixo
a dirección da Consellería de Sanidade da Xunta- ó abeiro dos principios de
orientación ós cidadáns e participación social, concepción integral da saúde,
universalidade do dereito ás prestacións de cobertura pública, promoción da
equidade e do equilibrio territorial no acceso ás prestacións e servicios
sanitarios, calidade dos servicios -tanto na vertente clínica e organizativa
coma na atención ós cidadáns-, cooperación entre tódolos axentes que integran o
sistema e mais seguridade, efectividade e eficiencia no desenvolvemento das súas
actuacións, entre outros.
Nesa
vertebración recoñécese a importancia da actividade sanitaria privada para a
universalidade do exercicio dos dereitos á prestación dos servicios de saúde, a
promoción e o exercicio da equidade e o seu necesario equilibrio
territorial.
Configúrase
así o sistema como mixto, de tal forma que a lei establece e regula a rede
galega de atención sanitaria de utilización pública, configurada polos recursos,
actividades, servicios e prestacións, de natureza pública ou privada,
financiados publicamente, como instrumento ordenado para facer efectivo o
dereito constitucional á protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito da
Comunidade Autónoma de Galicia.
Igualmente,
a lei determina as competencias sanitarias das diferentes administracións
públicas de Galicia, así como as actuacións da Xunta en relación coa Comunidade
Europea, as relacións de cooperación co Estado e con outras comunidades
autónomas e coas comunidades galegas no exterior, todo iso en materia
sanitaria.
Do mesmo
xeito, esta lei establece a ordenación e regulación do Servicio Galego de Saúde,
a planificación sanitaria e as actuacións en materia de saúde pública e saúde
laboral, a ordenación das prestacións e servicios sanitarios que configuran o
dereito á protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito territorial de
Galicia, a participación comunitaria nas actividades sanitarias, a fixación dos
dereitos e obrigas dos cidadáns respecto dos servicios sanitarios -que inclúe o
establecemento e a regulación da figura do Vedor do Paciente- e as infraccións e
sancións, así como a formación e investigación sanitarias.
Neste
contexto, o título I da lei, relativo ás disposicións preliminares, define o seu
obxecto e alcance, así como o papel institucional atribuído á Xunta de Galicia
e, máis en concreto, á Consellería de Sanidade, dentro do marco das obrigas que
corresponden ós poderes públicos en materia sanitaria, e na súa necesaria
cooperación coas institucións responsables en materia de servicios sociais para
dar adecuada cobertura ás crecentes necesidades sociosanitarias da
poboación.
O título
II define o sistema sanitario de Galicia, que engloba, consonte se dixo, toda a
sanidade galega, pública e privada; enumera as funcións que neste ámbito xeral
competen á Xunta de Galicia, e establece os principios que inspiran o sistema
sanitario da Comunidade -ós que se fixo referencia xenérica con anterioridade- e
a fixación do cal responde a unha clara vontade de situa-los cidadáns no
epicentro do sistema, enfatizando na cooperación de tódolos axentes que o
integran -fronte á idea de competencia entre estes, cada vez máis deostada e
promovendo a garantía de calidade dos servicios, todo iso nun esforzo decidido
de evitar que se produzan desigualdades en saúde e asegurar un sistema sanitario
eficaz, equitativo e solidario. Neste contexto, un elemento esencial para a
configuración do sistema sanitario de Galicia constitúeo, como non pode ser
doutro modo, a súa ordenación territorial, que tamén se aborda neste
título.
A
ordenación territorial da sanidade, organizada en áreas sanitarias e, dentro do
seu ámbito, en distritos hospitalarios e zonas de atención primaria, é coherente
coa realidade sanitaria de Galicia, e permite desenvolvementos flexibles para a
adecuada atención sanitaria da poboación en termos de equidade no acceso e
equilibrio territorial consonte as necesidades dos cidadáns da Comunidade, tanto
no ámbito da atención primaria coma no ámbito da atención especializada e das
restantes modalidades da atención sanitaria. Ademais, neste título II
introdúcese o concepto de rede galega de atención sanitaria de utilización
pública como instrumento, no marco do sistema sanitario de Galicia, para
garanti-los servicios e as prestacións que configuran o dereito constitucional á
protección da saúde e á atención sanitaria dos cidadáns, conforme as premisas de
financiamento público e aseguramento único e público, con especial referencia ós
hospitais integrados na rede para unha óptima ordenación da atención
especializada de cobertura pública.
O título
III establece as competencias sanitarias das distintas administracións públicas,
tanto polo que se refire á Xunta de Galicia -e dentro desta, en concreto, ó
Consello da Xunta e á Consellería de Sanidade- coma ás entidades locais,
respectando para o efecto o ámbito funcional que lles confiren respectivamente o
bloque da constitucionalidade e a lexislación básica a que se fixo referencia
con anterioridade. Ademais, este título regula, segundo se dixo, as actuacións
da Xunta en relación coa Unión Europea, as relacións de cooperación co Estado e
con outras comunidades autónomas e coas comunidades galegas no exterior en
materia sanitaria, todo iso con estricta suxeición ó prevido na Constitución e
no Estatuto de autonomía de Galicia e na interpretación que dos preceptos
constitucionais e estatutarios relativos ós ámbitos de referencia dictou o
Tribunal Constitucional. Preténdese con iso articular un sistema sanitario no
marco da Comunidade Autónoma de Galicia axustado ás directrices establecidas
polos poderes públicos supracomunitarios ás que este sistema debe cinguirse por
imperativo das leis e das convencións internacionais, e de cooperar
estreitamente co Estado e coas outras comunidades autónomas na configuración dun
sistema nacional de saúde autenticamente coherente, harmónico e solidario, todo
iso sen abandonar nin un chisco o exercicio das responsabilidades institucionais
que o ordenamento xurídico lle confire á nosa Comunidade. Cómpre sinalar, polo
demais, que esta regulación non ten precedente na lexislación sanitaria
autonómica dictada ata o de agora e constitúe, por iso, unha das principais
novidades e achegas desta lei á construcción do novo escenario no que se
inscribe o sistema nacional de saúde unha vez transferidos os servicios de
asistencia sanitaria da Seguridade Social a tódalas comunidades
autónomas.
Para o
adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle
corresponden á
Comunidade
Autónoma de Galicia, establécese o Servicio Galego de Saúde, á regulación do cal
se ordena o título IV desta lei. O Servicio Galego de Saúde -seguindo a positiva
experiencia alcanzada en Galicia nos últimos anos baixo tal fórmula e de acordo
co modelo organizativo máis xeneralizado entre as comunidades autónomas-
configúrase como un organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de
personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus
fins, adscrito á Consellería de Sanidade -que exerce sobre aquel as funcións de
dirección, vixilancia e tutela e integrado por tódolos centros, servicios e
establecementos sanitarios de titularidade da Administración autonómica galega,
ó que corresponde a dobre función de compra e provisión de servicios sanitarios,
que se exercerán de forma separada. Ademais, as previsións deste título
complétanse coa regulación do réxime patrimonial, financeiro, orzamentario,
contable e de recursos humanos aplicable ó servicio, coa regulación básica dos
órganos de dirección técnicos e colexiados dos centros asistenciais e das
distintas formas de xestión de servicios sanitarios con personalidade xurídica
propia -fundacións públicas sanitarias e outras- que recollen a positiva
experiencia que ó respecto se produciu en Galicia nos últimos anos, así como os
avances que nesta materia introduciron tanto a Lei estatal 15/1997, do 25 de
abril, sobre habilitación de novas formas de xestión do sistema nacional de
saúde, coma diversas leis autonómicas con resultados satisfactorios, todo iso co
obxectivo de conseguir unha xestión máis eficiente dos recursos públicos e un
maior grao de eficacia e calidade na prestación dos servicios sanitarios de
titularidade pública.
A
convicción de que non pode haber xestión adecuada dos recursos sanitarios
públicos sen que previamente se identificasen as principais necesidades
sanitarias da poboación levou a dedicarlle un capítulo completo dentro do título
V ó Plan de saúde de Galicia, que se configura como o instrumento superior de
planificación e dirección do sistema sanitario de Galicia no que se integran as
actuacións intersectoriais que teñen relación cos factores determinantes da
saúde da poboación. Por primeira vez fíxanse os contidos mínimos que debe te-lo
Plan de saúde, que culmina coa determinación de obxectivos de saúde programados
no tempo. Este instrumento, cunha vixencia ordinaria de catro anos, será
aprobado polo Consello da Xunta, e establécense ademais os mecanismos adecuados
para a súa avaliación e seguimento. Neste mesmo título abórdanse as actuacións
en materia de saúde que efectúan as administracións sanitarias de Galicia,
ordenándose a coordinación dos programas intersectoriais en materia de saúde
pública que poidan desenvolverse e fixándose unha serie de actividades no campo
da saúde pública que van desde a identificación dos principais problemas de
saúde ata o establecemento de programas e actuacións específicos para
minimizalos ou eliminalos. Polo que se refire á saúde laboral, recóllese o marco
legal que é de aplicación
e as
funcións que especificamente lle corresponden á Xunta de Galicia nesta materia.
Finalmente, regúlanse as medidas de intervención administrativa en materia de
protección da saúde e prevención da enfermidade, que adquiren nesta lei unha
relevancia moi especial, así como o exercicio das funcións de autoridade
sanitaria e inspección.
Os
obxectivos de garantía e seguridade xurídica que inspiran esta lei esixen que se
determinen as prestacións sanitarias financiadas pola Xunta de Galicia nas súas
modalidades asistenciais, ámbito ó que se dedica o título VI desta lei. Dentro
deste ámbito inclúense a atención primaria, a atención especializada e as
prestacións farmacéuticas e complementarias, así como os servicios de
información e documentación sanitaria, respecto dos que se salienta
especialmente a necesidade de preserva-la confidencialidade dos datos de saúde
dos cidadáns. A atención pediátrica, a fisioterapia e a atención á saúde
bucodental aparecen especificamente recollidas como modalidades prestacionais da
atención primaria. Noutra orde de cousas, regúlanse tamén neste título a
atención sociosanitaria, a atención en materia de drogodependencias e a atención
continuada e de emerxencias.
Non se
pode abeira-la esixencia constitucional que entraña a participación do cidadán
no sistema sanitario, polo que se fai necesario dar camiños para esa
participación a través dos distintos mecanismos que se establecen no título VII,
que prevé a existencia do Consello Galego de Saúde e as comisións de
participación cidadá no ámbito das áreas sanitarias, cunhas normas de
organización e de funcionamento que se establecerán regulamentariamente, sen
prexuízo de que tamén se poidan establecer órganos de participación comunitaria
a outros niveis territoriais ou funcionais do sistema sanitario de Galicia.
Verbo da participación dos profesionais, créase o Consello Asesor do Sistema
Sanitario de Galicia, que se verá complementado, se é o caso, mediante a
designación de asesores sectoriais en materias específicas relacionadas coa
asistencia e organización sanitarias, a saúde pública, a docencia e
investigación e as ciencias da saúde e, en xeral, en calquera outra materia de
interese sanitario, a criterio do conselleiro de Sanidade.
O título
VIII está dedicado en toda a súa extensión ó establecemento e regulación dos
dereitos e deberes dos cidadáns no ámbito do sistema sanitario de Galicia.
Trátase dunha exhaustiva relación de dereitos que afectan tanto ó ámbito da
promoción da saúde e a protección da enfermidade coma ó ámbito das prestacións
asistenciais. Algúns deles, enunciados na lexislación básica á que nos referimos
con anterioridade, son agora obxecto de desenvolvemento, mentres que outros son
recoñecidos ex novo por esta disposición legal, como é o caso dos dereitos á
educación sanitaria e á información adecuada que propicien a adopción de hábitos
e estilos de vida saudables, ou o dereito á protección da saúde fronte a riscos
ambientais e laborais, xerais e específicos, ou a medidas de prevención da
enfermidade de probada eficacia e seguridade, así como o dereito a unha segunda
opinión médica -nos termos que se establezan regulamentariamente- e o dereito a
que determinadas prestacións sanitarias lles sexan dispensadas ós cidadáns nuns
prazos previamente definidos e coñecidos, tamén establecidos
regulamentariamente, dereitos todos eles dun indubidable interese, cun
recoñecemento que supón un fito importante na liña da profundación e mellora da
calidade da atención sanitaria. Ademais, esta relación de dereitos predicables
de tódolos cidadáns en xeral complétase con algúns dereitos especificamente
recoñecidos a determinados colectivos dignos de especial protección como son os
enfermos mentais ou os pacientes drogodependentes, entre outros. Como
contrapunto ós dereitos que se establecen nesta lei, que sitúan o sistema
sanitario de Galicia entre os sistemas sanitarios máis garantistas do noso
contorno socioeconómico, fíxanse tamén as obrigas dos cidadáns en relación coas
institucións e cos servicios sanitarios. Finalmente, créase a figura do Vedor do
Paciente, encargada de velar polo cumprimento dos dereitos recoñecidos ós
cidadáns nesta lei e mediar activamente nos conflictos que en relación co
exercicio efectivo destes se poidan presentar.
Ademais,
o título IX regula de forma exhaustiva as infraccións e sancións, a súa
tipificación, cualificación e gradación, a competencia para a imposición destas
e as medidas cautelares para asegura-lo cumprimento das sancións, así como a súa
prescrición e caducidade.
Finalmente,
o título X, dedicado á docencia, formación e investigación sanitarias, precisa o
papel dos distintos axentes que interveñen nestes ámbitos e regula a
colaboración entre os centros sanitarios e as universidades como eixe central e
premisa indispensable para o desenvolvemento destas actividades, que son
inseparables das estrictamente asistenciais para o adecuado funcionamento do
sistema sanitario. Dentro deste título regúlase a Escola Galega de
Administración Sanitaria, fundación pública adscrita á Consellería de Sanidade
da Xunta de Galicia, á que lle competen labores tan importantes como a docencia
e a investigación en administración e xestión sanitaria, sociosanitaria e de
saúde pública.
En
definitiva, a implantación do modelo que esta lei configura -que recolle en boa
medida as liñas directrices da política sanitaria da Xunta de Galicia desde o
seu establecemento- axudaranos a avanzar na adecuada distribución dos recursos
sanitarios, na optimización dos medios económicos que se destinan ó seu
sostemento, na coordinación de tódolos dispositivos sanitarios, calquera que
sexa a súa titularidade, no achegamento e a participación dos cidadáns -que se
constitúen no eixe central do sistema sanitario- e na mellora da calidade dos
servicios, co obxectivo último de protexer e mellora-la saúde de todos no ámbito
da nosa Comunidade.
Por todo
o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º
do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro,
reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de
ordenación sanitaria de Galicia.
Título
I
Disposicións
preliminares
Artigo 1.
Obxecto.
Esta lei
ten por obxecto a ordenación sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, a
través da delimitación xeral das actuacións que permitan facer efectivo no seu
ámbito territorial o dereito dos cidadáns á protección da saúde previsto no
artigo 43 e concordantes da Constitución española, no marco das competencias que
lle atribúe o Estatuto de autonomía.
Artigo 2.
Alcance da lei.
Esta lei
comprende os ámbitos seguintes:
1. O
establecemento e a ordenación do sistema sanitario de Galicia, no que se integra
e articula funcionalmente o conxunto de recursos, actividades, servicios e
prestacións que teñen por finalidade a promoción e a protección da saúde, a
prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria e a rehabilitación, todo iso
nun marco integral.
2. O
establecemento e a regulación da rede galega de atención sanitaria de
utilización pública, configurada por cantos recursos, actividades, servicios e
prestacións, de natureza pública ou privada, financiados publicamente,
contribúen a facer efectivo o dereito constitucional á protección da saúde e á
atención sanitaria no ámbito da Comunidade Autónoma de
Galicia.
3. A
regulación xeral das competencias sanitarias das diferentes administracións
públicas de Galicia, das actuacións da Xunta de Galicia en relación coa Unión
Europea e das relacións de cooperación co Estado, con outras comunidades
autónomas e coas comunidades galegas no exterior en materia
sanitaria.
4. A
ordenación e a regulación do Servicio Galego de Saúde.
5. A
planificación sanitaria, as actuacións en materia de saúde pública e saúde
laboral e a intervención pública en materia de saúde.
6. A
ordenación das prestacións e servicios sanitarios que configuran o dereito á
protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito territorial de
Galicia.
7. A
participación comunitaria nas actividades sanitarias.
8. A
fixación dos dereitos e obrigas dos cidadáns respecto dos servicios sanitarios
en Galicia.
9. As
infraccións e sancións.
10. A
formación e a investigación sanitarias.
Artigo 3.
Marco institucional.
1.
Correspóndelle á Xunta de Galicia vixia-la evolución dos factores determinantes
da saúde e da enfermidade e fixa-las medidas que aseguren, no conxunto das
actuacións sectoriais da Administración autonómica, a adecuada atención que
demandan a protección e o fomento da saúde dos cidadáns.
2. A
Consellería de Sanidade promoverá a cooperación necesaria coas institucións
responsables en materia de servicios sociais para que a atención ós problemas e
necesidades sociais e as accións de prevención e asistencia sanitaria se
complementen de forma adecuada. Igualmente, fomentará actuacións integrais
sociais e sanitarias ante aqueles problemas de dependencia, cronicidade ou
outros nos que a cooperación de ámbolos sistemas comporte vantaxes sociais e
asistenciais.
Título
II
Sistema
sanitario de Galicia
Capítulo
I
Disposicións
xerais
Artigo 4.
Definición.
O sistema
sanitario de Galicia é o conxunto de tódolos recursos, funcións, actividades,
actuacións, servicios e prestacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou
privadas, no territorio de Galicia, que teñen por finalidade o coidado da saúde
e a realización plena deste ben individual e colectivo mediante actuacións de
promoción e protección da saúde, prevención da enfermidade, asistencia sanitaria
e rehabilitación, todo iso nun marco integral.
Artigo 5.
Dirección.
A
dirección do sistema sanitario de Galicia é competencia da Xunta de Galicia a
través da Consellería de Sanidade, e ten como principais funcións de carácter
estratéxico as seguintes:
1. As
intervencións que supoñan exercicio de autoridade necesarias para garanti-la
tutela xeral da saúde pública.
2. A
ordenación das relacións coas persoas que gozan do dereito ás prestacións
sanitarias de cobertura pública.
3. A
fixación de obxectivos de mellora da saúde.
4. A
delimitación do dispositivo de medios de titularidade pública ou adscritos ó
sistema, segundo as necesidades de saúde da poboación.
Artigo 6.
Principios.
Informan
o sistema sanitario de Galicia os principios seguintes:
1.
Orientación cara ós cidadáns e a participación social.
2. A súa
concepción integral, que inclúe a promoción da saúde, a protección fronte a
situacións e circunstancias que supoñen risco para a saúde e en particular a
protección fronte a riscos ambientais, a prevención da enfermidade e a
asistencia sanitaria, así como a rehabilitación.
3.
Universalidade do dereito ós servicios e prestacións de cobertura pública, na
forma e condicións previstas na lexislación vixente.
4.
Promoción, con carácter xeral, da saúde dos traballadores.
5.
Promoción da equidade e do equilibrio territorial no acceso ós servicios e
prestacións sanitarios.
6.
Calidade dos servicios, cunha énfase especial na calidade da atención clínica e
da organización dos servicios e nunha atención personalizada e
humanizada.
7.
Cooperación intersectorial como elemento de cohesión das políticas de tódolos
sectores con responsabilidades sobre a saúde.
8.
Seguridade, efectividade e eficiencia no desenvolvemento das actuacións, que
deberán basearse na evidencia científica dispoñible e nos valores éticos,
sociais e culturais.
9.
Promoción do interese e corresponsabilidade individual, familiar e social pola
saúde mediante unha axeitada educación e unha correcta información, sobre as
formas de vida saudables, os recursos e os servicios
existentes.
10.
Promoción da investigación básica e clínica no ámbito das ciencias da
saúde.
11.
Respecto á intimidade dos cidadáns en relación con todo o seu proceso
asistencial, así como á confidencialidade dos seus datos persoais de
saúde.
12.
Promoción da superación das desigualdades sociais en
saúde.
13.
Defensa da cultura da excelencia, da ética profesional, da ética do servicio
público e do compromiso social.
Capítulo
II
Ordenación
territorial da sanidade
Artigo 7.
Ordenación territorial.
1. No
ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a sanidade estructúrase
territorialmente en áreas sanitarias.
2. As
áreas sanitarias constitúen a demarcación territorial equivalente ás áreas de
saúde previstas no artigo 56 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de
sanidade.
3. O
ámbito xeográfico de cada unha das áreas sanitarias determinarase por decreto do
Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Sanidade, en función das
necesidades sanitarias da Comunidade Autónoma e tendo en conta factores
xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, meteorolóxicos e de
dotación de vías e medios de comunicación.
4.
Correspóndelles ás áreas sanitarias a xestión unitaria dos recursos sanitarios
públicos do seu ámbito territorial, así como das prestacións e programas
sanitarios que estas desenvolvan.
5. Para
os efectos previstos no apartado anterior, a totalidade dos dispositivos e
recursos sanitarios de utilización pública de cada ámbito xeográfico estarán
adscritos á área sanitaria correspondente.
6. En
función das súas características xeográficas e socioeconómicas, así como das
necesidades sanitarias e dos recursos sanitarios públicos existentes en cada
ámbito xeográfico, as áreas sanitarias poderán organizarse á súa vez en
dispositivos sanitarios ós que, dependendo destas, se lles encomende a xestión
unitaria de hospitais ou complexos hospitalarios e/ou a xestión integral dos
recursos asistenciais de atención primaria do ámbito
correspondente.
7. A
estructura e as funcións dos órganos de dirección e xestión das áreas sanitarias
e dos dispositivos sanitarios dependentes destas, se é o caso, determinaranse
regulamentariamente.
8. As
áreas sanitarias contarán cos órganos de participación comunitaria a que se
refire o capítulo III do título VII desta lei.
Artigo 8.
Distritos hospitalarios.
Os
distritos hospitalarios son divisións funcionais das áreas sanitarias e
constitúen o marco territorial para a prestación da atención
especializada.
A
delimitación dos distritos hospitalarios terá carácter funcional e realizaraa o
Servicio Galego de Saúde, atendendo criterios de demarcación territorial que
permitan o adecuado desenvolvemento das súas funcións.
Artigo 9.
Zonas de atención primaria.
As zonas
de atención primaria son divisións funcionais das áreas sanitarias e constitúen
as unidades elementais onde se presta a atención primaria de saúde de acceso
directo ós usuarios. Unha ou varias zonas de atención primaria poderán estar
agrupadas ou interrelacionadas para a prestación de servicios de apoio,
incluíndo a atención continuada.
A
delimitación das zonas de atención primaria terá carácter funcional e efectuaraa
o Servicio Galego de Saúde, conforme criterios funcionais de índole xeográfica,
demográfica, epidemiolóxica e de accesibilidade, tendo en conta, en todo caso,
as necesidades sanitarias da poboación.
Capítulo
III
Actividade
sanitaria privada
Artigo
10. Principios.
1. Dentro
do sistema sanitario de Galicia e para a súa concepción integrada recoñécese a
importancia da actividade sanitaria privada para o exercicio da universalidade
dos dereitos á prestación dos servicios de saúde, a promoción e exercicio da
equidade e o seu necesario equilibrio territorial na Comunidade
Autónoma.
2. Para a
cooperación da actividade sanitaria privada coa rede galega de atención
sanitaria de utilidade pública, e sen prexuízo do disposto expresamente nesta
lei, o Plan de saúde de Galicia ademais determinará as accións que durante a súa
vixencia sexan susceptibles dunha acción conxunta.
3.
Regulamentariamente, determinaranse os centros, servicios e establecementos
sanitarios de titularidade privada que haberán de ser
acreditados.
Capítulo
IV
A rede
galega de atención sanitaria de
utilización
pública
Sección
1.ª
Concepto
e caracterización
Artigo
11. Concepto.
A rede
galega de atención sanitaria de utilización pública está configurada polo
conxunto de recursos, actividades, servicios e prestacións, de natureza pública
ou privada, financiados publicamente, que contribúen a facer efectivo o dereito
á protección da saúde e á atención sanitaria con suxeición ós principios do
sistema sanitario de Galicia.
Artigo
12. Funcións.
A rede
galega de atención sanitaria de utilización pública desenvolve as funcións
seguintes:
1.
Promoción e protección da saúde, prevención da enfermidade e educación
sanitaria, nos termos que fixe a autoridade sanitaria no seu ámbito de
actuación.
2.
Asistencia sanitaria, con criterios de efectividade, eficiencia, seguridade e
calidade.
3.
Participación nos sistemas de información sanitaria e de vixilancia
epidemiolóxica.
4.
Docencia, formación continuada e investigación no campo das ciencias da
saúde.
5.
Aqueloutras funcións que lle sexan encomendadas.
Artigo
13. Dirección.
A
dirección da rede galega de atención sanitaria de utilización pública
correspóndelle á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, á que
lle compete promove-la equidade no acceso ás prestacións e servicios sanitarios
e asegurar uns niveis de calidade homoxéneos en tódolos dispositivos da rede,
todo iso sen prexuízo da responsabilidade das persoas físicas ou xurídicas que
desempeñan a titularidade e a xestión dos recursos, actividades, servicios e
prestacións que integran a rede.
Artigo
14. Centros e servicios.
1. A rede
galega de atención sanitaria de utilización pública está composta
por:
a) Os
centros, servicios e establecementos sanitarios públicos do Servicio Galego de
Saúde ou adscritos a este.
b) Os
centros, servicios e establecementos sanitarios con personalidade xurídica
propia adscritos ou vinculados á Consellería de Sanidade.
c) Os
centros, servicios e establecementos sanitarios doutras administracións públicas
galegas, nos termos previstos nos respectivos convenios ou acordos subscritos
para o efecto.
d)
Aqueloutros centros, servicios e establecementos sanitarios ós que o Servicio
Galego de Saúde lles contrate a prestación de servicios de asistencia sanitaria
de cobertura pública.
2.
Tódolos centros, servicios e establecementos integrados na rede galega de
atención sanitaria de utilización pública terán que ser acreditados, atendendo a
súa tipoloxía, consonte as normas que se establezan para tal efecto por decreto
do Consello da Xunta, co fin de asegurar uns niveis de calidade
homoxéneos.
3. A
inclusión na rede galega de atención sanitaria de utilización pública implica o
sometemento dos centros, servicios e establecementos correspondentes ós plans,
programas, directrices e criterios de actuación, así como á supervisión,
inspección e control que estableza a Consellería de Sanidade, sen prexuízo da
súa titularidade e xestión pública ou privada polas entidades e organismos que a
desempeñen e da titularidade das relacións laborais do persoal que neles preste
os seus servicios.
Sección
2.ª
Aseguramento
Artigo
15. Aseguramento.
O
aseguramento único e público constitúe unha característica da rede galega de
atención sanitaria de utilización pública.
Sección
3.ª
Hospitais
de utilización pública
Artigo
16. Concepto.
Os
hospitais de utilización pública son o instrumento funcional da rede galega de
atención sanitaria de utilización pública para conseguir unha ordenación óptima
da atención especializada que permita o acceso e desfrute polos cidadáns dos
servicios máis adecuados para o diagnóstico e tratamento dos procesos
patolóxicos.
Artigo
17. Hospitais privados integrados na rede.
1.
Integran a rede galega de atención sanitaria de utilización pública os centros e
establecementos hospitalarios de entidades privadas, debidamente acreditados,
que subscriban un contrato de servicios sanitarios a que se refire o artigo 40
desta lei co Servicio Galego de Saúde para a provisión de servicios de atención
especializada de cobertura pública.
2. En
cada contrato de servicios sanitarios que se subscriba quedará establecido que a
atención sanitaria prestada polos hospitais privados ós titulares do dereito á
protección da saúde e á atención sanitaria financiadas publicamente se imparte
en condicións de gratuidade.
3. Son
causas de denuncia do contrato de servicios sanitarios as
seguintes:
a)
Presta-la atención sanitaria que constitúe o seu obxecto transgredindo o
principio de gratuidade.
b)
Infrinxir con carácter grave a lexislación laboral, da Seguridade Social ou
fiscal.
c)
Lesiona-los dereitos establecidos nos artigos 16, 18, 20 e 22 da Constitución
cando así se determine por sentencia.
d) Deixar
de adopta-las medidas legais, de carácter técnico ou organizativo, en materia de
protección e confidencialidade dos datos persoais de saúde dos pacientes,
permitindo con iso a vulneración da súa intimidade.
e)
Calquera outra que derive das obrigas establecidas nesta
lei.
4. Os
hospitais privados que se integren na rede galega de atención sanitaria de
utilización pública estarán sometidos ás mesmas inspeccións e controis
sanitarios, administrativos e económicos cós hospitais públicos, aplicándose
criterios homoxéneos e previamente regulados.
Artigo
18. Incompatibilidades.
Non
poderán ser incluídos na rede galega de atención sanitaria de utilización
pública, nin ser obxecto de contrato de servicios sanitarios ou autorización de
uso, os hospitais e establecementos do sector privado cando nalgún dos seus
propietarios ou dos seus traballadores concorran as causas de incompatibilidade
que establece a lexislación sobre incompatibilidades do persoal ó servicio das
administracións públicas.
Artigo
19. Utilización de centros e servicios que non pertencen á
rede.
Con
carácter excepcional, e por tempo limitado, o Servicio Galego de Saúde poderá
autoriza-lo uso dos centros e servicios que non pertencen á rede galega de
atención sanitaria de utilización pública co obxecto de atender necesidades
asistenciais que non poidan ser satisfeitas cos recursos propios desta. A estes
centros e servicios seralles de aplicación o establecido no artigo 14.3 desta
lei, durante o tempo de vixencia da súa autorización de
uso.
Título
III
Das
competencias sanitarias das administracións
públicas
de Galicia, das actuacións da Xunta
en
relación coa Unión Europea e das relacións
de
cooperación co Estado, con outras comunidades
autónomas
e coas comunidades galegas no exterior
Capítulo
I
Competencias
da Administración autonómica
Artigo
20. Competencias do Consello da Xunta de Galicia.
Correspóndelle
ó Consello da Xunta de Galicia o exercicio das competencias
seguintes:
1. O
establecemento das directrices da política sanitaria e sociosanitaria da
Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O
establecemento e a delimitación das áreas sanitarias a que se refire o artigo 7
desta lei.
3. A
aprobación do Plan de saúde de Galicia.
4. A
aprobación da estructura orgánica da Consellería de
Sanidade.
5. A
aprobación da estructura orgánica do Servicio Galego de
Saúde.
6. A
aprobación do proxecto de orzamento do Servicio Galego de
Saúde.
7. O
nomeamento e cesamento dos altos cargos da Administración pública sanitaria da
Xunta de Galicia.
8. Os
acordos de creación de hospitais públicos en Galicia.
9. A
autorización para a constitución ou participación da Xunta de Galicia ou do
Servicio Galego de Saúde en entidades de nova creación ou xa existentes que
actúen no ámbito sanitario ou sociosanitario.
10. A
aprobación das normas de acreditación que deben cumpri-los centros, servicios e
establecementos para os efectos da súa inclusión na rede galega de atención
sanitaria de utilización pública.
11. As
restantes competencias que lle atribúe a normativa
vixente.
Artigo
21. Competencias da Consellería de Sanidade.
Correspóndelle
á Consellería de Sanidade o exercicio das competencias
seguintes:
1. O
desenvolvemento e a coordinación da política sanitaria e sociosanitaria da
Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A
determinación dos criterios xerais da planificación sanitaria e
sociosanitaria.
3. A
elaboración do proxecto de Plan de saúde de Galicia e a súa remisión ó Consello
da Xunta de Galicia.
4. A
elaboración, o desenvolvemento e a avaliación dos programas de saúde
pública.
5. O
nomeamento e cesamento dos vocais do Consello Galego de
Saúde.
6. A
aprobación do regulamento de funcionamento interno do Consello Galego de
Saúde.
7. O
nomeamento e cesamento do persoal directivo da Consellería de Sanidade e do
Servicio Galego de Saúde.
8.
Formula-lo anteproxecto de orzamento do Servicio Galego de Saúde e das outras
entidades con personalidade xurídica propia a el
adscritas.
9.
Aproba-los módulos económicos para a prestación de servicios propios,
conveniados ou contratados do Servicio Galego de Saúde, así como a súa
modificación.
10.
Aproba-la Memoria anual do Servicio Galego de Saúde.
11. A
aprobación da estructura da información sanitaria básica de
Galicia.
12. A
autorización para a creación, modificación, traslado e supresión ou peche de
centros, servicios e establecementos sanitarios e
sociosanitarios.
13. O
rexistro e catalogación dos centros, servicios e establecementos sanitarios e
sociosanitarios.
14. A
confección dos estándares de calidade e a determinación dos criterios e dos
mecanismos de acreditación dos centros, servicios e establecementos sanitarios e
sociosanitarios, e a súa remisión ó Consello da Xunta para a súa
aprobación.
15. A
determinación dos plans, programas, directrices e criterios de actuación a que
deben someterse os centros, servicios e establecementos incluídos na rede galega
de atención sanitaria de utilización pública, así como o exercicio da
supervisión, inspección e control respecto destes.
16. Os
rexistros e as autorizacións sanitarias obrigatorias de calquera tipo de
instalacións, establecementos, servicios, actividades e productos directa ou
indirectamente relacionados co uso ou consumo humanos.
17. A
inspección sanitaria no ámbito das competencias da Comunidade
Autónoma.
18. O
exercicio da potestade disciplinaria en relación co persoal con destino na
Consellería de Sanidade e no Servicio Galego de Saúde, con excepción da sanción
de separación do servicio, e sen prexuízo das competencias que nesta materia ten
atribuídas o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e
Administración Pública.
De acordo
coas prescricións do artigo 42.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
estes procedementos disciplinarios deberán resolverse no prazo máximo de seis
meses, entendéndose caducados polo transcurso deste prazo sen que se dictase
resolución expresa.
19. O
exercicio da potestade sancionadora sobre os centros, servicios e
establecementos sanitarios e sociosanitarios, agás a imposición de sancións
pecuniarias atribuídas ó Consello da Xunta consonte o establecido no artigo 148
desta lei.
20. A
vixilancia e control da publicidade susceptible de repercutir positiva ou
negativamente sobre a saúde das persoas.
21. A
promoción, ordenación, coordinación e avaliación das actividades de formación e
investigación en materia sanitaria.
22. As
restantes competencias que lle atribúe a normativa
vixente.
Artigo
22. Instrumentos de actuación.
1. Para o
exercicio das súas competencias, a Consellería de Sanidade
poderá:
a)
Desenvolvelas directamente, ou a través de organismos autónomos, entes públicos
de carácter institucional, consorcios públicos e outros organismos ou entidades
de titularidade ou natureza pública dotados de personalidade xurídica propia,
existentes ou que poidan crearse para tal efecto. No exercicio das devanditas
funcións, os organismos ou entidades referenciados, que se adscribirán á
Consellería de Sanidade, gozarán da reserva de nomes e dos beneficios, exencións
e franquías de calquera natureza que a lexislación lles atribúa á Xunta de
Galicia e ós entes encargados da xestión do sistema de Seguridade
Social.
b)
Delegar funcións no Servicio Galego de Saúde ou noutros organismos ou entidades
adscritos á Consellería de Sanidade ou a este organismo.
c)
Establecer encomendas de xestión, acordos, convenios ou contratos -calquera que
sexa a súa tipoloxía e modalidade- con entidades públicas ou
privadas.
d)
Participar en calquera outra entidade pública ou privada, cando así conveña á
xestión e execución das competencias asignadas.
2.
Correspóndelle ó Consello da Xunta autoriza-la constitución ou participación da
Comunidade Autónoma nos organismos e entidades de nova creación ou xa existentes
a que se refire o apartado anterior.
Capítulo
II
Competencias
da Administración local
Artigo
23. Marco legal.
As
entidades locais participarán no sistema sanitario de Galicia nos termos
previstos nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan, na Lei xeral de
sanidade e na demais lexislación específica.
Artigo
24. Competencias.
1. As
entidades locais exercerán as competencias que en materia sanitaria lles atribúe
a lexislación de réxime local e as restantes que lles confire o ordenamento
xurídico. Consonte iso, as corporacións locais participarán nos órganos de
dirección das áreas sanitarias nos termos establecidos nesta lei e nas súas
disposicións de desenvolvemento.
2. Os
concellos, sen prexuízo das competencias das demais administracións públicas,
terán en relación co obrigado cumprimento das normas e plans sanitarios as
seguintes obrigacións derivadas das súas competencias:
a)
Presta-los servicios mínimos obrigatorios determinados na lexislación de réxime
local no referente ós servicios de saúde e ós regulados nesta
lei.
b)
Control sanitario do medio natural e, en especial, a contaminación atmosférica,
ruídos e vibracións, abastecemento e saneamento de augas, residuos urbanos e
industriais.
c)
Control sanitario de industrias, actividades, servicios e
transportes.
d)
Control sanitario de edificios e lugares de vivenda e convivencia humana,
especialmente dos centros de alimentación, perruquerías, saunas e centros de
hixiene persoal, hoteis e centros residenciais, escolas, campamentos turísticos
e áreas de actividade física, deportiva e de recreo.
e)
Control sanitario da distribución e subministración de alimentos, bebidas e
demais productos relacionados co uso ou consumo humano, así como dos medios para
o seu transporte.
f)
Control sanitario dos cemiterios e policía sanitaria
mortuoria.
g)
Desenvolvemento de programas de promoción da saúde, educación sanitaria e
protección de grupos sociais con riscos específicos que se prevexan nos plans de
saúde.
3.
Ademais, os concellos poderán realizar actividades complementarias das que sexan
propias doutras administracións públicas nas materias obxecto desta lei, nos
termos establecidos na lexislación reguladora do réxime
local.
4.
Igualmente, os concellos poderán presta-los servicios relacionados coas materias
obxecto desta lei que deriven das competencias que neles delegue a Xunta de
Galicia ó abeiro da lexislación de réxime local e por aplicación do Plan de
acción local de Galicia.
5. Para o
desenvolvemento das funcións relacionadas nos apartados anteriores, os concellos
solicitarán o apoio técnico do persoal e medios das áreas sanitarias en que se
encontren comprendidos. O persoal sanitario da Consellería de Sanidade e do
Servicio Galego de Saúde que presta apoio ós municipios terá, para estes
efectos, a consideración de persoal ó servicio destes, coas súas obrigadas
consecuencias en canto ó réxime de recursos e responsabilidades persoais e
patrimoniais.
6. A
elaboración e desenvolvemento da normativa municipal nas materias obxecto desta
lei incluirá o seu coñecemento previo por parte da Consellería de Sanidade, a
prol da efectiva coordinación e da eficacia
administrativa.
7. Os
plans sanitarios xerais de Galicia poñeranse en coñecemento das entidades locais
de Galicia, a través das súas organizacións representativas.
Os
plans
especiais remitiránselles ós municipios ós que afecten os devanditos
plans.
Artigo
25. Participación.
1. Os
concellos participarán nos órganos do sistema sanitario de Galicia nos termos
establecidos nesta lei.
2. En
materia de participación e xestión sanitaria, os
concellos:
a)
Estarán representados nos órganos de dirección das áreas sanitarias na forma que
regulamentariamente se determine.
b)
Poderán colaborar, nos termos en que se acorde en cada caso, na construcción,
remodelación e equipamento de centros e servicios sanitarios ou sociosanitarios,
así como na súa conservación e mantemento. En ningún caso a falta de
colaboración dos municipios poderá implicar desequilibrios territoriais ou
desigualdade na dotación e acceso ós servicios sanitarios e
sociosanitarios.
c)
Poderán establecer coa Administración sanitaria autonómica convenios para o
mellor cumprimento dos fins desta lei.
Artigo
26. Delegación de competencias nas entidades locais.
Sen
prexuízo do establecido nos artigos anteriores, as entidades locais poderán
asumir competencias delegadas pola Consellería de Sanidade, sempre que acrediten
poder executar plenamente as funcións que en materia de saúde lles asigne como
competencia propia a lexislación vixente e obteñan a pertinente acreditación
para a delegación de tales competencias na forma que regulamentariamente se
determine.
Artigo
27. Condicións para a delegación de competencias.
As
competencias ás que se refire o artigo anterior só poderán ser delegadas, de
acordo cos principios de autonomía municipal e responsabilidade financeira,
cando as entidades locais asuman os resultados económicos da súa
xestión.
Capítulo
III
Da Unión
Europea
Artigo
28. Das actuacións da Xunta en relación coa Unión Europea.
1. Nas
materias obxecto desta lei, correspóndelle á Xunta de Galicia a transposición, o
desenvolvemento e a execución da normativa comunitaria naqueles ámbitos que
sexan propios da súa competencia ó abeiro do previsto na Constitución e no
Estatuto de autonomía de Galicia.
2. A
Xunta de Galicia participará de modo efectivo no proceso de formación da vontade
do Estado español no tocante á adopción de decisións e á emisión de actos
normativos polos órganos da Comunidade Europea que afecten as materias obxecto
desta lei, nos termos previstos nas leis e nos convenios que se establezan coa
Administración do Estado.
Capítulo
IV
Das
relacións de cooperación coa Administración
do
Estado, con outras comunidades autónomas e
coas
comunidades galegas no exterior en materia
sanitaria
Artigo
29. Das relacións de cooperación coa Administración do
Estado.
1. Nas
materias obxecto desta lei, a Xunta de Galicia participará de modo efectivo no
exercicio das competencias que de acordo co bloque da constitucionalidade
corresponden ó Estado, nos termos que establecen as leis e os convenios que se
subscriban con este, e, en particular, polo que se refire ó establecemento das
bases, a coordinación xeral da sanidade e a alta inspección, todo iso sen
prexuízo do previsto no apartado 4 deste artigo.
2. En
defecto de leis estatais que garantan a efectiva participación a que se refire o
apartado anterior, ou co obxecto de completa-las previsións que ó respecto se
conteñen nelas, o Consello de Goberno da Xunta de Galicia promoverá coa indicada
finalidade a formalización dos oportunos convenios coa Administración do Estado
consonte o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, e disposicións
concordantes.
3.
Igualmente, en defecto de leis estatais que así o establezan, a Xunta de Galicia
promoverá a formalización dos oportunos convenios coa Administración do Estado,
así como a adopción de cantas medidas sexan precisas para facer efectiva a
participación daquela nos órganos de goberno dos organismos e entidades
dependentes da Administración xeral do Estado, calquera que sexa a súa natureza
xurídica, que desenvolvan a súa actividade nas materias obxecto desta
lei.
4. Por
razóns de eficacia, a Xunta de Galicia promoverá a formalización dos oportunos
convenios coa Administración xeral do Estado co fin de encomendarlles ós órganos
da Comunidade, ou ós organismos ou entidades dela dependentes, no ámbito
territorial de Galicia, a prestación dos servicios e o desempeño das
competencias executivas e de inspección e control que en materia sanitaria lle
corresponden ó Estado de acordo co bloque da constitucionalidade, todo iso sen
prexuízo da súa eventual transferencia ou delegación a esta Comunidade, se é o
caso.
5. A
Xunta de Galicia poderá acorda-la realización de plans e programas conxuntos de
actuación coa Administración xeral do Estado para o logro de obxectivos comúns
nas materias obxecto desta lei, consonte o previsto na Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, e disposicións concordantes.
Artigo
30. Das relacións de cooperación con outras comunidades
autónomas.
1. A
Xunta de Galicia poderá establecer relacións de cooperación con outras
comunidades autónomas para a consecución de obxectivos comúns nas materias
obxecto desta lei mediante calquera das fórmulas admitidas en dereito e, se é o
caso, mediante a formalización dos oportunos convenios de colaboración e acordos
de cooperación, que se tramitarán consonte o establecido nos artigos 145.2 da
Constitución, 35 do Estatuto de autonomía de Galicia e 4.8 da Lei 1/1983, do 22
de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.
2.
Ademais, poderá acorda-la realización de plans e programas conxuntos de
actuación con outras comunidades autónomas para o logro de obxectivos de
interese común, en especial de carácter territorial en relación coa protección
da saúde e a provisión dos servicios sanitarios e sociosanitarios en áreas
limítrofes e de carácter sectorial en relación coa atención de determinadas
patoloxías ou ámbitos da asistencia en concreto e/ou colectivos necesitados de
especial protección.
Artigo
31. Das relacións coas comunidades galegas no exterior.
1. A
Xunta de Galicia poderá asinar acordos de colaboración e cooperación coas
comunidades galegas asentadas no exterior no marco previsto no artigo 7 do
Estatuto de autonomía.
2. Os
convenios e acordos de colaboración e cooperación poderán consistir na adopción
de fórmulas de xestión directa ou indirecta dos centros asistenciais
pertencentes ás comunidades galegas e no recoñecemento, de acordo co principio
de reciprocidade, á prestación de asistencia sanitaria ós seus membros en
desprazamentos temporais á Comunidade Autónoma.
Título
IV
Servicio
Galego de Saúde
Capítulo
I
Principios
xerais
Artigo
32. Natureza.
1. Para o
adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle
corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, configúrase o Servicio Galego de
Saúde, creado pola Lei 1/1989, como un organismo autónomo de natureza
administrativa, dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para
o cumprimento dos seus fins.
2. O
Servicio Galego de Saúde está adscrito á Consellería de Sanidade, que exercerá
sobre el as facultades de dirección, vixilancia e tutela, e en particular o
exercicio das potestades regulamentarias e de organización que lle atribúen esta
lei e as restantes disposicións que sexan de aplicación.
3. O
Servicio Galego de Saúde rexerase polo establecido nesta lei e nas normas
dictadas no seu desenvolvemento e polas restantes disposicións que lle sexan de
aplicación. En materia de contratación, o servicio réxese polo recollido na
lexislación sobre contratos das administracións públicas. A contratación de
servicios sanitarios rexerase polas súas normas
específicas.
4. O
Servicio Galego de Saúde, e a totalidade de entidades adscritas a el, gozan da
reserva de nomes e dos beneficios, exencións e franquías de calquera clase e
natureza que as leis lles atribúen á Xunta de Galicia e ás entidades públicas
encargadas da xestión da Seguridade Social.
Artigo
33. Centros e servicios.
Integran
o Servicio Galego de Saúde os centros, servicios e establecementos sanitarios
creados pola Administración da Xunta de Galicia ou procedentes de
transferencias, así como as entidades sanitarias de natureza pública que se lle
adscriban.
Artigo
34. Fins.
1. Son
fins do Servicio Galego de Saúde:
a) A
adecuada asignación dos recursos económicos afectos ó financiamento das
prestacións e servicios de asistencia sanitaria e rehabilitación no ámbito da
Comunidade Autónoma, tendo en conta as características socioeconómicas,
sanitarias e poboacionais de Galicia.
b) A
coordinación da rede galega de atención sanitaria de utilización pública para a
optimización de tódolos dispositivos asistenciais integrados nela, baixo as
directrices da Consellería de Sanidade.
c) A
provisión dos servicios e prestacións de asistencia sanitaria de cobertura
pública no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) A
promoción da humanización en tódolos centros, servicios e establecementos
asistenciais da rede galega de atención sanitaria de utilización pública,
mantendo o máximo respecto á dignidade da persoa e á liberdade individual e
asegurando a preservación da intimidade dos cidadáns en todo o seu proceso
asistencial, así como a protección da confidencialidade dos seus datos de saúde
persoais.
e) A
introducción de novas técnicas e procedementos diagnósticos e terapéuticos, logo
da súa avaliación en termos de eficacia, seguridade, custo e impacto desde o
punto de vista bioético, así como a promoción da calidade e a modernización dos
servicios asistenciais de cobertura pública.
f) O
estímulo da docencia e a investigación en ciencias da saúde no ámbito dos
centros, servicios e establecementos sanitarios asistenciais da rede galega de
atención sanitaria de utilización pública.
Artigo
35. Funcións.
1. Para a
consecución dos seus fins, o Servicio Galego de Saúde desenvolve, baixo a
supervisión e control da Consellería de Sanidade, as funcións
seguintes:
a) A
distribución dos recursos económicos afectos ó financiamento dos servicios e
prestacións de asistencia sanitaria de cobertura pública, mediante a compra da
actividade asistencial ós centros, servicios e establecementos da rede galega de
atención sanitaria de utilización pública.
b) A
prestación directa de asistencia sanitaria nos seus propios centros, servicios e
establecementos ou adscritos ó servicio, e indirecta a través doutros centros,
servicios e establecementos da rede galega de atención sanitaria de utilización
pública.
c) O
goberno, a dirección e a xestión dos centros, servicios e establecementos
sanitarios propios ou adscritos ó Servicio Galego de Saúde, ós que se aplicarán
idénticos requisitos para os efectos da compra de servicios de asistencia
sanitaria que ós restantes dispositivos da rede galega de atención sanitaria de
utilización pública.
d) A
coordinación e a xestión dos recursos humanos, materiais e financeiros asignados
ó servicio para o cumprimento dos seus fins.
e) O
establecemento, a xestión e a actualización dos acordos, convenios e contratos
-calquera que sexa a súa tipoloxía e modalidade- con terceiras entidades
titulares de centros, servicios e establecementos
sanitarios.
f) A
execución e o desenvolvemento de programas de docencia e
investigación.
g)
Aqueloutras que lle delegue ou encomende a Consellería de
Sanidade.
2. Para o
exercicio das funcións a que se refire o apartado anterior, o Servicio Galego de
Saúde poderá:
a)
Desenvolve-las referidas funcións directamente ou a través de organismos
autónomos, entes públicos de carácter institucional, consorcios públicos e
outros organismos ou entidades de titularidade ou natureza pública dotados de
personalidade xurídica propia, existentes ou que poidan crearse para tal efecto,
que se adscribirán ó Servicio Galego de Saúde.
b)
Establecer encomendas de xestión, acordos, convenios, contratos -calquera que
sexa a súa tipoloxía e modalidade- ou fórmulas de xestión integrada ou
compartida con entidades públicas ou privadas.
c)
Participar en calquera outra entidade pública ou privada, cando así conveña á
xestión e execución das funcións asignadas.
3.
Correspóndelle ó Consello da Xunta autoriza-la constitución ou participación do
Servicio Galego de Saúde nos organismos e entidades de nova creación ou xa
existentes a que se refire o apartado anterior.
Artigo
36. Actuacións.
Para o
desempeño das súas funcións, o Servicio Galego de Saúde desenvolve as actuacións
seguintes:
1. A
aplicación das políticas e directrices contidas no Plan de saúde e que definen
as necesidades asistenciais.
2. O
desenvolvemento de plans estratéxicos e operativos nas materias competencia do
servicio, baixo a supervisión da Consellería de Sanidade.
3. A
aprobación da carteira de servicios que presta cada un dos centros, servicios e
establecementos sanitarios asistenciais da rede galega de atención sanitaria de
utilización pública.
4. A
xestión da carteira de servicios a que se refire o epígrafe
anterior.
5. O
desenvolvemento dunha política de persoal e de recursos económicos para a
execución adecuada das funcións asignadas e o cumprimento dos seus
fins.
6. O
desenvolvemento e a xestión de sistemas de información.
7. A
avaliación de novas tecnoloxías.
8. O
desenvolvemento de programas de calidade e mellora da práctica
clínica.
9. O
desenvolvemento de programas de formación e investigación.
10.
Calquera outra actuación que conduza ó exercicio das súas funcións e ó
cumprimento dos seus fins.
Capítulo
II
Organización
Artigo
37. Estructura orgánica.
1. Os
órganos centrais de dirección do Servicio Galego de Saúde son os
seguintes:
A)
Órganos colexiados:
O
Consello de Dirección.
B)
Órganos unipersoais:
a) O
presidente.
b) O
secretario xeral.
c) Os
directores de división.
C) A
presidencia exerceraa o conselleiro de Sanidade.
2. Son
órganos periféricos de dirección do Servicio Galego de
Saúde:
a) Os
directores das áreas sanitarias.
b) Os
xerentes dos dispositivos ós que se refire o artigo 7.6 desta
lei.
3. A
estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde, tanto no seu nivel central coma
periférico, determinarase regulamentariamente, consonte as necesidades
asistenciais dos cidadáns en cada territorio. En todo caso, deberá terse en
conta a ordenación territorial do sistema sanitario galego vixente en cada
momento.
Capítulo
III
As
funcións de compra e provisión de
servicios
sanitarios
Artigo
38. A separación de funcións.
O
Servicio Galego de Saúde, para o mellor exercicio das súas funcións directivas,
desenvolve dúas actividades diferenciadas: a compra de servicios sanitarios e a
provisión de servicios sanitarios. A estructura orgánica do Servicio Galego de
Saúde ha de garanti-la devandita separación de funcións de modo
efectivo.
Sección
1.ª
Da compra
de servicios sanitarios
Artigo
39. A compra de servicios sanitarios.
1.
Enténdese por función de compra a determinación cuantitativa e cualitativa dos
servicios sanitarios requiridos para satisface-las necesidades de atención
sanitaria de toda a poboación, de conformidade coas directrices e prioridades do
Plan de saúde de Galicia, e a súa ulterior contratación para asegura-lo efectivo
exercicio do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria financiados
publicamente.
2. O
Servicio Galego de Saúde é o organismo responsable de desenvolve-la función de
compra de servicios sanitarios, co fin de logra-lo compromiso dos provedores de
servicios e dos profesionais sanitarios nos obxectivos de protexer, manter e
mellora-lo nivel de saúde dos cidadáns. A dita función terá en conta, con
carácter previo, a utilización óptima dos recursos sanitarios
propios.
3. O
desenvolvemento da función de compra realizarase de forma planificada
incorporando nunha primeira fase información relevante sobre as necesidades de
atención sanitaria da poboación protexida e a demanda previa de servicios.
Establecidas as prioridades e analizada a oferta dos provedores públicos e
privados pertencentes a rede galega de atención sanitaria de utilización
pública, determinaranse para cada dispositivo asistencial o contido, o alcance,
a modalidade e o nivel óptimo de calidade con que han de prestarse os servicios
sanitarios, así como a súa forma de compensación
económica.
4. A
planificación da compra de servicios sanitarios promoverá a coordinación e a
integración de tódolos recursos asistenciais e establecerá os criterios que
determinen o grao de especialización dos centros, servicios e establecementos
para os efectos de garantir unha capacidade instalada en relación coas
necesidades de saúde e un nivel de atención adecuado á complexidade das
patoloxías existentes. Por outra parte, determinará os criterios de seguimento e
a avaliación dos obxectivos de xestión, así como a evolución dos resultados en
saúde.
5. A
compra de servicios sanitarios desenvolverase baixo o principio de equidade e
asegurará que os cidadáns reciben unha atención sanitaria continuada, eficiente,
segura, cun nivel óptimo de calidade e co grao de información adecuada para
poderen expresa-las súas preferencias.
6. A
compra de servicios sanitarios polo Servicio Galego de Saúde establecerase tendo
en conta a información actualizada por un sistema de base
poboacional.
7. A
función de compra instrumentalízase a través dun contrato de servicios
sanitarios entre o comprador e o provedor de servicios financiados
publicamente.
Artigo
40. O contrato de servicios sanitarios.
1. Para
os efectos desta lei, o contrato de servicios sanitarios é o instrumento
mediante o cal se ordenan as relacións entre o Servicio Galego de Saúde e os
centros, servicios e establecementos da rede de atención sanitaria de
utilización pública para a consecución dos obxectivos sanitarios
públicos.
2. O
contrato de servicios sanitarios revestirá se é o caso a forma de protocolos
internos de actividade-financiamento, contratos, calquera que sexa a súa
tipoloxía e modalidade, convenios, acordos ou outros instrumentos de
colaboración entre o Servicio Galego de Saúde e os provedores públicos ou
privados, xa sexan hospitais, establecementos de atención primaria e calquera
outro da rede galega de atención sanitaria de utilización
pública.
3. O
Servicio Galego de Saúde garante a calidade dos servicios sanitarios prestados
polos provedores a través da acreditación estructural dos centros. Para estes
efectos, constitúen requirimentos esenciais que o provedor incorpore a evidencia
científica á toma de decisións sobre os coidados prestados, que estableza
estándares de boa práctica clínica, que elabore protocolos segundo as guías de
práctica clínica aprobadas e que monitorice a atención que lles presta ós
cidadáns.
4. A
obtención da acreditación correspondente é un requisito inescusable para a
subscrición dun contrato de servicios hospitalarios e para a inclusión do centro
ou establecemento correspondente na rede galega de atención sanitaria de
utilización pública.
Artigo
41. Mínimos do contrato de servicios sanitarios.
Nos
contratos de servicios sanitarios ós que se refire o artigo anterior
concretaranse os seguintes mínimos:
1.
Cobertura poboacional do contrato, no caso de centros
sectorizados.
2.
Carteira básica de servicios e especialidades médicas e cirúrxicas,
establecemento de obxectivos asistenciais, cálculo do volume de actividade,
condicións de espera para o acceso ós servicios sanitarios e previsión das
continxencias sanitarias obxecto de cobertura.
3.
Determinación dos requisitos de calidade que deberán cumpri-los servicios
sanitarios.
4.
Cálculo sobre a cobertura orzamentaria da actividade consignada con cargo ós
créditos orzamentarios e forma de compensación económica.
5.
Procedementos de control e avaliación do cumprimento de obxectivos
asistenciais.
Sección
2.ª
Da
provisión de servicios sanitarios
Artigo
42. A provisión de asistencia sanitaria.
Por
función de provisión enténdese o goberno, dirección e xestión dos centros,
servicios e establecementos propios e adscritos ó Servicio Galego de
Saúde.
Sección
3.ª
Organización
e xestión
Artigo
43. Instrumentos de organización e xestión.
1. A
modernización do sistema require da introducción de modelos de xestión que
dinamicen o servicio público e garantan un marco de innovación tecnolóxica
adecuado, co fin de obte-la maior rendibilidade social.
2.
Introduciranse fórmulas organizativas cunha visión horizontal e integradora dos
procesos asistenciais e adoptaranse as medidas que fomenten a coordinación, a
colaboración e a cooperación de tódolos provedores públicos e privados que
configuran a rede galega de atención sanitaria de utilización
pública.
Artigo
44. As áreas de servicio compartido.
1.
Potenciarase a capacidade das unidades de alta especialización dependentes de
entidades dotadas de personalidade xurídica propia nos hospitais públicos, a
prol de logra-lo maior beneficio posible para os pacientes subsidiarios da súa
atención, mediante modelos organizativos que configuren áreas de servicio
compartido, que actuarán integradas funcionalmente no centro hospitalario
público e suxeitas ós criterios de planificación que a Consellería de Sanidade
determine.
2. O
Servicio Galego de Saúde aproveitará a vantaxe competitiva derivada do traballo
simultáneo de varias organizacións, reforzando o cumprimento de obxectivos do
Plan de saúde e potenciando aspectos que inflúen decisivamente na calidade da
atención médica, como son a investigación e a formación especializada
posgraduada.
3. No
ámbito asistencial, a implantación deste novo modelo estructurado, flexible e
adaptado ó marco particular de cada centro habilitará a toma de decisións
executivas para responder ás necesidades do paciente, dentro dun marco de
garantía e transparencia, que procure a integración de tódolos recursos
asistenciais, co fin de prestar unha atención global, continuada e
eficiente.
Artigo
45. A xestión clínica.
1. Os
centros asistenciais do Servicio Galego de Saúde poderán constituír áreas de
xestión clínica, integradas por unidades ou servicios, coa finalidade de
abordaxe diagnóstica, terapéutica ou rehabilitadora de patoloxías afíns, ou que
afecten a un sistema orgánico ou a áreas clínicas semellantes. Esta organización
non terá personalidade xurídica propia.
2. O
obxectivo fundamental destas áreas clínicas é establecer fórmulas organizativas
dinámicas e flexibles que, tendo como centro de atención ó paciente, se orienten
a lograr melloras organizativas e clínicas que se plasmen en melloras de
calidade da atención, así como da eficiencia no funcionamento dos centros e da
efectividade das prestacións.
3. Esta
organización poderá non estar vinculada a un centro necesariamente, senón
agrupar unidades ou servicios de diferentes centros ou
establecementos.
4. Esta
organización tenderá a supera-la compartimentación existente, especialmente nos
hospitais, froito da progresiva especialización e da fragmentación do traballo,
facendo compatible este cunha atención horizontal das necesidades asistenciais
dos pacientes e facilitando unha maior autonomía de xestión dos centros e
establecementos sanitarios.
5. O
Servicio Galego de Saúde establecerá os criterios metodolóxicos para a súa posta
en marcha así como os requisitos para a súa constitución.
Capítulo
IV
Medios
materiais e réxime patrimonial
Artigo
46. Medios materiais.
O
Servicio Galego de Saúde contará cos medios materiais precisos para o
cumprimento dos fins que esta lei lle atribúe.
Artigo
47. Patrimonio.
1.
Constitúen o patrimonio propio do Servicio Galego de Saúde tódolos bens e
dereitos que lle pertenzan á entrada en vigor desta lei ou que adquira ou reciba
no futuro por calquera título.
2.
Constitúen o patrimonio adscrito ó Servicio Galego de
Saúde:
a) Os
bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma afectos a servicios de
asistencia sanitaria que teña adscritos ou que se lle
adscriban.
b) Os
bens e dereitos de toda índole afectos ós servicios de asistencia sanitaria do
sistema de Seguridade Social transferidos á Xunta de Galicia, con pleno respecto
ó previsto na disposición adicional sétima da Lei xeral de
sanidade.
c) Os
bens e dereitos das entidades locais que se lle adscriban.
Artigo
48. Réxime xurídico do patrimonio.
O réxime
xurídico do patrimonio do Servicio Galego de Saúde rexerase polo establecido
nesta lei e, no seu defecto, polo disposto na normativa reguladora do patrimonio
da Comunidade Autónoma de Galicia, e deberá axustarse ós seguintes
principios:
1. O
Servicio Galego de Saúde ten plena capacidade para adquirir e posuír bens e
dereitos polos medios establecidos no ordenamento xurídico, así como para
exerce-las accións e os recursos que procedan para a defensa e tutela do seu
patrimonio.
2. Son
bens de dominio público do Servicio Galego de Saúde os afectos á prestación
directa de servicios públicos propios do organismo e os inmobles da súa
propiedade en que se aloxen as súas unidades e entidades dependentes da súa
administración, e como tal gozan dos beneficios tributarios que lles sexan
aplicables.
3.
Aplicarase o réxime xurídico demanial ós dereitos reais do Servicio Galego de
Saúde no que concorran as circunstancias descritas no epígrafe
anterior.
4. A
declaración de utilidade pública enténdese implícita en toda expropiación
relativa a obras e servicios que sexan competencia do Servicio Galego de Saúde
para o cumprimento das funcións e a consecución dos fins fixados pola
lei.
Artigo
49. Tráfico xurídico do patrimonio.
1. O
Servicio Galego de Saúde poderá adquirir por si mesmo bens inmobles e dereitos a
título gratuíto logo da autorización do Consello da Xunta. As adquisicións
gratuítas de bens mobles poderá facelas directamente sen necesidade de
autorización previa, deixando constancia no expediente da conveniencia da
adquisición.
2. O
Servicio Galego de Saúde poderá arrendar directamente os inmobles que sexan
necesarios para o desenvolvemento das súas funcións debendo publica-lo anuncio e
a adxudicación no Diario Oficial de Galicia. Nembargantes, exceptuarase a
publicación do anuncio naqueles casos nos que se acredite que baseándose nas
peculiaridades do ben deba arrendarse un inmoble
determinado.
3. O
Servicio Galego de Saúde poderá dispoñer dos bens e dereitos que lle pertenzan
en propiedade e que non sexan necesarios para o exercicio das súas
funcións.
4.
Poderán cederse os bens mobles propiedade do organismo a terceiros no marco de
relacións de colaboración e para fins de interese sanitario. Tamén poderán
cederse con fins benéficos bens mobles dos que non se prevexa a súa
utilización.
Artigo
50. Inventario.
O
Servicio Galego de Saúde levará un inventario dos bens e dereitos que integran o
seu patrimonio para os efectos de coñecer en todo momento a súa natureza e
cualificación, así como a súa situación, uso e destino.
Capítulo
V
Réxime
financeiro, orzamentario e contable
Artigo
51. Réxime financiero.
O
Servicio Galego de Saúde financiarase cos recursos que lle sexan asignados con
cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, entre os que poderán
figura-los seguintes:
a) Os
destinados pola Comunidade Autónoma ó financiamento dos servicios sanitarios da
Seguridade Social pola aplicación do establecido na Lei 21/2001, do 27 de
decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo
sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con
Estatuto de autonomía.
b) A
parte que, por razón das funcións conferidas, lle poida corresponder pola
participación da Xunta de Galicia nos recursos destinados a financia-la xestión
dos servicios sanitarios.
c) As
achegas que deban realiza-las entidades locais con cargo ós seus orzamentos, se
é o caso.
d) Os
productos e rendas de toda índole procedentes dos bens e dereitos que integran o
seu patrimonio, propio ou adscrito.
e) Os
ingresos ordinarios e extraordinarios que legalmente ou convencionalmente estea
autorizado a percibir e, en particular, os ingresos procedentes da prestación de
servicios sanitarios cando existan terceiros obrigados ó pagamento e os
procedentes de acordos con entidades aseguradoras de asistencia sanitaria ou con
outras comunidades autónomas.
f) As
subvencións, doazóns e calquera outra achega voluntaria de entidades e
particulares.
g)
Calquera outro recurso que poida serlle atribuído ou
asignado.
Artigo
52. Orzamento.
O
orzamento do Servicio Galego de Saúde debe orientarse de acordo coas previsións
contidas no Plan de saúde de Galicia, e debe incluírse nos orzamentos da Xunta
de forma diferenciada.
Artigo
53. Contabilidade.
1. O
Servicio Galego de Saúde estará sometido ó réxime de contabilidade pública nos
termos que se establecen no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo
que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia, e disposicións concordantes.
2. Na
elaboración do Plan de contabilidade pública do Servicio Galego de Saúde
prestarase especial atención á contabilidade analítica de modo que, sen prexuízo
da información da contabilidade xeral, poida contribuírse ó establecemento de
indicadores que faciliten a implantación da dirección por obxectivos e o control
de resultados no ámbito do organismo e dos seus centros, servicios e
establecementos.
Artigo
54. Réxime de control.
1. A
Intervención Xeral da Xunta de Galicia exercerá as súas funcións no ámbito do
Servicio Galego de Saúde, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999,
do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime
financeiro e orzamentario de Galicia, e demais disposicións que resulten de
aplicación.
2. O
Consello da Xunta, por petición do conselleiro competente en materia de economía
e facenda e por iniciativa da Intervención Xeral da Xunta de Galicia, poderá
acordar de forma motivada que a función interventora no ámbito do Servicio
Galego de Saúde e das súas institucións, centros e servicios sexa substituída
polo control financeiro de carácter permanente.
Capítulo
VI
Recursos
humanos
Artigo
55. Principios xerais en materia de persoal.
1. A
actividade de tódolos profesionais e do persoal do Servicio Galego de Saúde, con
independencia da súa relación de emprego e categoría, estará orientada ó
aseguramento e mellora da calidade na atención sanitaria a tódolos
cidadáns.
2. O
modelo de relacións profesionais do contorno sanitario público galego
orientarase á modernización na prestación dos servicios, ó compromiso dos
profesionais cos obxectivos do Servicio Galego de Saúde, á motivación e
desenvolvemento profesional e ó incremento de oportunidades do
persoal.
3. A
ordenación dos recursos humanos do sector público sanitario de Galicia
realizarase de forma planificada, ponderando tanto a estructura de profesionais
que se coide necesaria para cumpri-los obxectivos encomendados ós dispositivos
sanitarios públicos en todo o territorio galego coma as medidas necesarias para
consegui-la devandita estructura, en especial en materia de mobilidade
xeográfica e funcional, adecuación de cadros, formación continuada e
reclasificación de persoal.
4. A
Administración sanitaria da Xunta de Galicia promoverá as medidas necesarias
para a integración progresiva de todo o persoal que presta servicios no Servicio
Galego de Saúde nun réxime xurídico común.
5.
Promoverase a participación dos traballadores na determinación das súas
condicións de traballo, a través dos órganos lexitimados de representación e
negociación colectiva.
Artigo
56. Ámbito e réxime xurídico.
1. O
Servicio Galego de Saúde está integrado polo persoal funcionario, estatutario e
laboral da Administración da Xunta de Galicia que presta os seus servicios neste
organismo.
2. A
clasificación e réxime xurídico do persoal do Servicio Galego de Saúde rexerase
polas disposicións que respectivamente lle sexan de aplicación, atendendo a súa
procedencia e as características da súa relación de
emprego.
3. O
réxime xurídico estatutario será, con carácter xeral, o aplicable ó persoal que
preste os seus servicios nos centros e servicios asistenciais do Servicio Galego
de Saúde. A Administración sanitaria da Xunta de Galicia poderá establece-los
procedementos que habiliten a progresiva homologación e integración do persoal
funcionario e laboral no réxime estatutario.
Artigo
57. Provisión de persoal no Servicio Galego de Saúde.
1. A
provisión de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde rexerase polos
seguintes principios básicos:
a)
Igualdade, mérito, capacidade e publicidade.
b)
Planificación das necesidades dos recursos.
c)
Programación periódica das convocatorias.
d)
Integración no réxime organizativo e funcional das institucións, centros e
servicios.
e) Libre
circulación de persoal nas institucións, centros e servicios do Servicio Galego
de Saúde, así como no ámbito do sistema nacional de saúde.
2. A
provisión de persoal no Servicio Galego de Saúde realizarase polos sistemas de
selección, de promoción interna, de mobilidade e demais previstos na normativa
estatutaria de aplicación e disposicións de desenvolvemento daquela que se
establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Os
procedementos de selección do persoal estatutario fixo serán o
concurso-oposición, o concurso e a oposición, de conformidade co disposto nas
normas de xeral aplicación na selección de persoal estatutario do sistema
nacional de saúde e demais de aplicación ó persoal estatutario do Servicio
Galego de Saúde. A Administración sanitaria da Xunta de Galicia adoptará as
medidas oportunas para que as convocatorias de selección se efectúen de forma
periódica, preferentemente con frecuencia bianual, a través de convocatoria
pública e mediante procedementos que garantan os principios constitucionais de
igualdade, mérito e capacidade no acceso.
4. Os
procesos de selección temporal efectuaranse polos procedementos que permitan a
máxima axilidade na selección baseados nos principios de igualdade, mérito,
capacidade e publicidade no acceso, que serán establecidos logo da negociación
no seo da Mesa Sectorial de Sanidade.
5. A
provisión de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde poderá realizarse
mediante promoción interna, ben a través dos sistemas de selección establecidos
na normativa de aplicación ou ben a través de convocatorias específicas, se así
o aconsellan razóns de planificación ou de eficacia na xestión. En todo caso, os
procedementos de provisión de persoal estatutario por promoción interna
realizaranse a través de convocatoria pública e con respecto ós principios de
igualdade, mérito e capacidade.
6. A
provisión de postos de traballo nos distintos ámbitos do Servicio Galego de
Saúde realizarase de forma periódica mediante procedementos de mobilidade
voluntaria do persoal, a través de convocatorias públicas que garantan os
principios de igualdade, mérito e capacidade e de conformidade co previsto na
normativa estatutaria de aplicación e disposicións de desenvolvemento daquela
que se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.
7.
Determinaranse regulamentariamente os supostos e as condicións de provisión
mediante o reingreso provisional desde a situación de
excedencia.
8.
Determinarase regulamentariamente a tipoloxía de postos de xefatura ou
coordinación, tanto sanitaria coma non-sanitaria, que poderán ser provistos
mediante libre designación logo da convocatoria pública, así como os que se
proverán mediante concurso de méritos.
Artigo
58. Ámbito da prestación de servicios.
1. Os
procesos de selección, mobilidade e promoción interna que se convoquen abarcarán
como mínimo, con carácter xeral, o ámbito de cobertura territorial dunha área
sanitaria. Os profesionais así seleccionados serán nomeados co citado ámbito de
área sanitaria, sen prexuízo da incorporación nun centro, institución ou
localidade en concreto.
2.
Excepcionalmente, na forma que regulamentariamente se determine, o persoal dos
centros, servicios e establecementos sanitarios do Servicio Galego de Saúde
poderá ser cambiado de posto, localidade ou centro, dentro da mesma área
sanitaria, sempre que iso veña motivado por necesidades imperativas da
organización sanitaria, respectando as súas condicións laborais e económicas,
logo do informe dos órganos de representación do persoal.
Artigo
59. Carreira profesional.
1.
Estableceranse sistemas de carreira e promoción profesional que permitan o
recoñecemento e desenvolvemento profesional do persoal en atención ós seus
coñecementos, experiencia, responsabilidade e mellor adecuación das súas
competencias e calidades persoais ós obxectivos do Servicio Galego de Saúde,
ponderando tanto as necesidades asistenciais concorrentes coma as
características organizativas do organismo.
2.
Enténdese por carreira profesional o dereito a progresar, de forma
individualizada, a niveis superiores, previamente definidos dentro de cada clase
ou categoría funcional, como recoñecemento ó desenvolvemento profesional en
coñecementos, experiencia, responsabilidade e mellor adecuación da actitude,
capacidade e calidades persoais ós obxectivos do Servicio Galego de
Saúde.
Artigo
60. Cadro de persoal.
1. O
instrumento técnico de ordenación do persoal do Servicio Galego de Saúde é o
cadro de persoal, recollido no anexo de persoal das correspondentes leis de
orzamentos da Comunidade Autónoma. A totalidade dos postos de traballo de
carácter estructural do Servicio Galego de Saúde, con independencia do seu
réxime xurídico ou retributivo, estarán consignadas nel, desagregadas no eido da
categoría profesional.
2. O
cadro de persoal do Servicio Galego de Saúde constitúe a expresión cifrada,
contable e sistemática dos efectivos que, como máximo, poden prestar servicios
con carácter estructural tanto na súa organización central e periférica coma nas
institucións, centros e servicios sanitarios dependentes deste organismo, con
suxeición ás dotacións económicas consignadas nas correspondentes leis de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, e sen prexuízo das
contratacións ou nomeamentos de carácter temporal para o mantemento da
continuidade dos servicios ou para atender necesidades de carácter
non-permanente que poida realiza-lo organismo con cargo ós créditos existentes
para esta finalidade.
3.
Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a xestión e a modificación dos cadros
de persoal coas limitacións establecidas nas disposicións orzamentarias en
vigor.
Artigo
61. Sistema retributivo.
1. O
persoal do Servicio Galego de Saúde percibirá as súas retribucións de acordo co
réxime xurídico que rexa a súa relación de emprego e dentro dos límites que
anualmente fixa a Lei de orzamentos da Comunidade
Autónoma.
2. O
Servicio Galego de Saúde poderá establecer, logo do informe favorable emitido
conxuntamente polas consellerías de Economía e Facenda e da Presidencia,
Relacións Institucionais e Administración Pública, un modelo retributivo
orientado á calidade do servicio, á incentivación da actividade, á motivación
dos profesionais, á consideración singular de actuacións concretas no ámbito
sanitario e á consecución dos obxectivos planificados, logo da negociación na
mesa sectorial.
Artigo
62. Función directiva.
1. A
función directiva é exercida polos profesionais que desempeñan os postos nos que
se desenvolve e executa o goberno, a dirección e xestión do Servicio Galego de
Saúde nos seus niveis central, periférico, de área, dispositivo, centro ou
establecemento, tanto nos seus aspectos asistenciais coma no ámbito
administrativo e de servicios xerais.
2. Terá a
consideración de persoal directivo do Servicio Galego de Saúde aquel que teña
atribuídas con carácter non-permanente tarefas de xerencia e dirección
profesional nos termos establecidos no apartado anterior, agás o persoal que ten
a condición de alto cargo.
3. Os
postos directivos poderán proverse mediante o sistema de libre designación con
nomeamento provisional de carácter administrativo ou ben por contrato de alta
dirección.
4. O
persoal funcionario ou estatutario que acceda ó desempeño de postos directivos
será declarado no seu posto de orixe na situación administrativa de servicios
especiais recollida na Lei da función pública de Galicia. O período de servicios
prestados no desempeño dos citados postos será computado para os procesos de
selección e provisión como prestados na praza de orixe.
5. O
cadro de persoal do Servicio Galego de Saúde concretará a tipoloxía dos postos
de traballo que teñen o carácter de directivo.
6. O
Consello de Dirección do Servicio Galego de Saúde poderá establecer, co
preceptivo informe favorable emitido conxuntamente polas consellerías de
Economía e Facenda e da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración
Pública, os criterios e as contías para a remuneración do persoal directivo do
organismo, conforme o establecido na lexislación xeral e orzamentaria que
resulte de aplicación.
Artigo
63. Funcións das distintas categorías do persoal.
Na
procura da mellora da eficacia dos servicios e da adaptación do desenvolvemento
do traballo á organización da prestación asistencial e á evolución das
tecnoloxías, o ámbito funcional de cada categoría de persoal será o adecuado ó
conxunto de aptitudes e capacidades que derivan da titulación académica e da
formación esixidas para o acceso a ela na convocatoria
respectiva.
Artigo
64. Relacións con outros réximes de persoal.
1. Coa
finalidade de consegui-la mellor utilización dos recursos humanos existentes e
dos mecanismos de coordinación e colaboración interinstitucional, o Consello da
Xunta de Galicia establecerá por decreto os supostos, condicións e efectos nos
que o persoal do Servicio Galego de Saúde poderá prestar servicios no ámbito das
fundacións públicas sanitarias e demais entidades do sector sanitario público
galego dotadas de personalidade xurídica propia. En todo caso, o persoal
funcionario e estatutario do Servicio Galego de Saúde poderá ser adscrito ás
fundacións públicas sanitarias e demais entidades citadas cando así o requiran
as necesidades do servicio público sanitario, e ademais, en idénticas
circunstancias, as entidades sinaladas poderanse subrogar na titularidade das
relacións de traballo do persoal laboral do servicio.
2.
Igualmente, de forma recíproca, estableceranse os supostos, condicións e efectos
cos que o persoal das citadas entidades poderá prestar servicios nos centros,
servicios e establecementos sanitarios xestionados directamente polo Servicio
Galego de Saúde, sen prexuízo da eventual adscrición ou subrogación do persoal
do servicio, nas circunstancias sinaladas no apartado
anterior.
3. Os
mecanismos de adscrición e subrogación establecidos nos apartados anteriores
terán carácter temporal, polo que non determinarán incorporacións permanentes ós
cadros de persoal das correspondentes entidades nin extinguirán as vinculacións
xurídicas de orixe dos profesionais.
Artigo
65. Homologación das condicións de traballo.
1. O
Servicio Galego de Saúde, baixo o principio de voluntariedade, adoptará as
medidas necesarias para alcanza-la progresiva homologación das condicións de
traballo e réxime de prestación de servicios de todo o persoal do
organismo.
2. O
contido funcional dos postos de traballo dos funcionarios sanitarios locais
considerarase para tódolos efectos derivados da súa relación de emprego como
unha única prestación de servicios con independencia de que exerzan ou non a
opción de integración no novo modelo de atención primaria.
Artigo
66. Organización do persoal.
1.
Correspóndelle ó Consello da Xunta a aprobación, mediante decreto, do réxime
estatutario do persoal do Servicio Galego de Saúde, ó abeiro das normas básicas
do Estado na materia, logo da negociación na mesa
sectorial.
2. A
creación, supresión e modificación de categorías estatutarias realizarase por
decreto do Consello da Xunta.
3.
Poderase acorda-la integración do persoal fixo das categorías que se declaren
para extinguir noutras categorías en función das necesidades organizativas ou
asistenciais nos ámbitos que se determinen
regulamentariamente.
Capítulo
VII
Regulación
básica dos órganos de dirección
técnicos
e colexiados dos centros asistenciais
Artigo
67. Estructura directiva.
A
estructura directiva marco dos centros e establecementos sanitarios asistenciais
do Servicio Galego de Saúde -hospitais, atención primaria ou estructuras mixtas-
establecerase mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería
de Sanidade, de acordo coas previsións contidas neste capítulo. A fixación da
estructura directiva de cada centro ou establecemento, en execución do referido
decreto, efectuarase por orde do conselleiro de Sanidade, tendo en conta
criterios de complexidade organizativa, extensión xeográfica e poboacional e
necesidades asistenciais.
Artigo
68. Organización.
1. Forman
parte da estructura directiva dos centros e establecementos indicados no artigo
anterior, alomenos, os seguintes órganos:
A)
Órganos unipersoais de dirección:
a) O
xerente.
b) Os
directores en cada área de responsabilidade.
B)
Órganos colexiados:
a) De
dirección: a comisión de dirección.
b)
Técnicos de asesoramento:
1. A
comisión de calidade.
2. A
comisión asistencial.
3. Os
comités técnico-sanitarios.
c) De
participación, se e o caso.
2. A
composición, organización e funcionamento destes órganos establecerase por
decreto do Consello da Xunta.
Capítulo
VIII
Formas de
xestión de servicios sanitarios con
personalidade
xurídica propia
Sección
1.ª
Principios
xerais
Artigo
69. Disposicións xerais.
1. Ó
abeiro do establecido no artigo 35, apartados 2 e 3 desta lei, a xestión dos
centros, servicios e establecementos asistenciais do Servicio Galego de Saúde
poderá efectuarse a través de entidades dotadas de personalidade xurídica
propia, adoptando a forma de fundacións, sociedades públicas autonómicas, entes
públicos, consorcios públicos -en concorrencia con outras entidades públicas ou
privadas ou calquera outra forma xurídica admitida pola lexislación
vixente.
2. O
réxime xurídico do persoal que preste servicios nestas entidades terá a natureza
xurídica establecida nas normas específicas reguladoras de cada unha
delas.
3. As
ditas entidades, incluso ás que non lles fose de aplicación directa a
lexislación de contratos das administracións públicas, axustarán a súa actuación
en materia de contratación ós principios de publicidade, concorrencia e
obxectividade que rexen na contratación das administracións públicas, agás que a
natureza da operación que se vai realizar sexa incompatible con estes
principios.
4. A
selección de persoal no ámbito destas entidades axustarase ós principios de
igualdade, mérito, capacidade e publicidade, con suxeición ó disposto na Lei
10/1996, do 5 de novembro.
5.
Ademais, o Servicio Galego de Saúde poderá prestar asistencia sanitaria a través
de entidades de natureza asociativa dotadas de personalidade xurídica propia,
integradas maioritariamente por profesionais do sector sanitario, coa finalidade
de promover un maior grao de implicación destes no proceso de desenvolvemento,
racionalización e optimización do sistema sanitario público, todo iso sen
prexuízo do réxime establecido na lexislación sobre incompatibilidades no sector
público.
6. Co
obxecto de garanti-la adecuada coordinación e optimización dos recursos
sanitarios públicos, o persoal do Servicio Galego de Saúde poderá presta-los
seus servicios nas entidades a que se refire o apartado 1 deste artigo, nos
termos que se establezan por decreto de acordo co previsto no artigo 64 e, en
todo caso, mediante os mecanismos da adscrición ou subrogación, consonte
proceda, cando as necesidades do servicio público sanitario así o
requiran.
7. A
relación entre estas entidades, como medio propio instrumental e servicio
técnico da administración, coa Consellería de Sanidade ou co Servicio Galego de
Saúde regularase, tanto para a prestación de servicios sanitarios coma doutros
incluídos no seu obxecto social ou finalidade, a través de contratos programa,
instrumentos que permitan vincula-lo funcionamento delas cos criterios de
planificación do Sergas e coas necesidades dos usuarios.
Sección
2.ª
Fundacións
públicas sanitarias
Artigo
70. Natureza.
Tódalas
fundacións sanitarias constituídas pola Comunidade Autónoma de Galicia son de
titularidade e natureza públicas.
Artigo
71. Creación ou modificación.
A
creación de novas fundacións públicas sanitarias, así como a súa modificación ou
extinción, debe ser aprobada por decreto do Consello da Xunta, por proposta do
conselleiro de Sanidade.
Artigo
72. Disposicións xerais sobre organización e
funcionamento.
1. A
relación xurídica do persoal ó servicio das fundacións públicas sanitarias será
de natureza laboral, séndolle aplicable o disposto na Lei 10/1996, do 5 de
novembro, de actuación de entes e empresas participadas nas que ten
participación maioritaria a Xunta de Galicia, sen prexuízo da eventual
adscrición de persoal funcionario ou estatutario do Servicio Galego de Saúde,
cando as necesidades do servicio público sanitario así o
requiran.
2. O
réxime de contratación respectará, en todo caso, os principios de publicidade,
concorrencia e obxectividade que rexen na lexislación de contratos das
administracións públicas, de conformidade co previsto na Lei 10/1996, do 5 de
novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria
a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.
3. As
fundacións públicas sanitarias dispoñerán do seu propio patrimonio e poderán ter
bens e dereitos adscritos pola Administración da Comunidade
Autónoma.
4. Os
recursos económicos das fundacións públicas sanitarias terán a consideración de
ingresos de dereito público.
5. En
materia financeira, orzamentaria e de control, as fundacións públicas sanitarias
rexeranse polo previsto para as sociedades públicas autonómicas no Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei
de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Capítulo
IX
Do réxime
xurídico, da responsabilidade
patrimonial
e da representación e
defensa
en xuízo
Artigo
73. Réxime xurídico dos actos administrativos.
O réxime
xurídico dos actos administrativos emanados, se é o caso, dos órganos do
Servicio Galego de Saúde ou dos centros, servicios e establecementos deste, así
como dos organismos e entidades a el adscritos, os recursos contra os devanditos
actos e as reclamacións previas á vía xudicial, civil ou laboral en relación co
servicio ou cos citados organismos ou entidades rexeranse polo establecido na
Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas
e do procedemento administrativo común, e disposicións
concordantes.
Artigo
74. Responsabilidade patrimonial.
1. A
responsabilidade patrimonial do Servicio Galego de Saúde, das súas autoridades e
do persoal ó servicio do devandito organismo rexerase polo disposto na Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, na Lei de Galicia 6/2001, do 29 de xullo, e
nas disposicións concordantes e normas que a desenvolven.
2.
Correspóndelles ás xerencias dos centros sanitarios do Servicio Galego de Saúde
xestiona-los danos persoais e materiais de menor entidade que se lles ocasionan
ós usuarios dentro das súas instalacións, logo do desenvolvemento da
correspondente investigación e esclarecemento dos feitos denunciados,
comprobándose de forma indubidable a responsabilidade do servicio público na
comisión do dano.
3. Para
os efectos do apartado anterior, consideraranse danos de menor entidade aqueles
que non superen a cantidade de 1.500 euros ou a que, se é o caso, se fixe por
decreto da Xunta de Galicia.
Artigo
75. Asesoramento xurídico e representación e defensa en
xuízo.
1. O
asesoramento xurídico e a representación e defensa en xuízo do Servicio Galego
de Saúde correspóndelles ós letrados deste organismo, nos termos previstos no
artigo 447 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder
xudicial.
2. Nos
termos establecidos regulamentariamente, os letrados do Servicio Galego de Saúde
poderán asumi-la representación e defensa en xuízo das autoridades, funcionarios
e empregados do organismo autónomo, así como das entidades a el adscritas, cando
os procedementos se sigan por actos ou omisións relacionados co seu
cargo.
Título
V
Planificación,
actuacións e intervención
en
materia de saúde
Capítulo
I
Plan de
saúde de Galicia
Artigo
76. Obxecto e ámbito do plan.
1. No
marco dos criterios xerais da planificación sanitaria, o Plan de saúde de
Galicia é o instrumento superior de planificación e dirección do sistema
sanitario de Galicia, que condiciona tódalas accións orientadas a acada-lo
mellor estado de saúde posible, de acordo cos principios que inspiran o
sistema.
2. O Plan
de saúde determina os obxectivos básicos da política sanitaria, orientada á
mellora do nivel de saúde e de benestar das persoas. Ademais, acolle o conxunto
de accións dirixidas á consecución ordenada dos fins propostos, mediante
prestacións e coidados asistenciais de calidade.
3. Nos
seus contidos e obxectivos, o Plan de saúde de Galicia prevé as políticas
intersectoriais que teñan relación cos principais problemas de saúde da
poboación de Galicia e os seus factores determinantes.
Artigo
77. Contido.
O Plan de
saúde conterá, alomenos, os seguintes aspectos:
1.
Determinación de obxectivos cuantificables e referidos a un período determinado
que serán avaliados a través de indicadores específicos.
2.
Establecemento de actuacións prioritarias dirixidas ós factores determinantes,
enfermidades e problemas de saúde.
3.
Selección das necesidades en saúde e formulación dos criterios de funcionamento
do sistema sanitario de Galicia, no eido da atención sanitaria e
sociosanitaria.
Artigo
78. Elaboración e avaliación.
1. Na
elaboración do Plan de saúde teranse en conta:
a) Os
niveis e necesidades de saúde da poboación.
b) Os
factores determinantes, enfermidades e problemas de saúde de maior prioridade e
vulnerabilidade.
c) O
coñecemento científico e os valores éticos, sociais e
culturais.
d) Os
recursos dispoñibles.
e) Os
principios rectores do sistema sanitario de Galicia.
2. O Plan
de saúde será sometido a un proceso de avaliación á metade do período da súa
vixencia.
3.
Correspóndelle á Consellería de Sanidade a elaboración, difusión, seguimento,
vixilancia e avaliación do cumprimento do Plan de saúde.
Artigo
79. Aprobación.
1. A
Consellería de Sanidade presentaralle o anteproxecto do Plan de saúde ó Consello
Galego de Saúde. Ademais, informará a este órgano do resultado da súa
avaliación.
2. A
Consellería de Sanidade elevará o Plan de saúde ó Consello da Xunta de Galicia
para a súa aprobación.
Artigo
80. Vixencia.
O Plan de
saúde terá unha vixencia ordinaria de catro anos.
Capítulo
II
Actuacións
en materia de saúde
Sección
1.ª
Saúde
pública
Artigo
81. Criterios xerais.
1. Son
actuacións en materia de saúde pública as desenvolvidas polas administracións
sanitarias galegas verbo da vixilancia epidemiolóxica, promoción e protección da
saúde e prevención das enfermidades, desde a perspectiva do conxunto da
poboación.
2. O
Consello da Xunta de Galicia establecerá os criterios polos que a Consellería de
Sanidade e as restantes administracións públicas de Galicia se coordinarán para
facer efectivos os programas intersectoriais na devandita
materia.
3. As
entidades locais orientarán o exercicio das súas competencias nas materias
obxecto desta lei conforme a educación sanitaria da poboación, a promoción e a
protección da saúde comunitaria.
Artigo
82. Actuacións.
A
Administración sanitaria de Galicia, a través dos recursos e medios dispoñibles,
e dos organismos competentes en cada caso, efectuará as seguintes actuacións en
materia de saúde pública:
1. A
medición do nivel de saúde da poboación e a identificación dos problemas de
saúde.
2. A
investigación das causas ou determinantes dos problemas de saúde que afectan a
poboación a través do establecemento dos rexistros e análises de datos que,
respectando a normativa en materia de protección de datos persoais, permitan
analizar e coñece-las situacións que teñen influencias sobre a
saúde.
3. O
establecemento de medidas de protección da saúde fronte a riscos ambientais,
como os derivados de productos alimenticios, do uso de productos químicos, de
axentes físicos, da contaminación atmosférica, do uso das zonas de baño, da
xestión e tratamento de refugallos e augas residuais, das augas de consumo e da
policía sanitaria mortuoria.
4. O
control e a prevención das enfermidades transmisibles, a través da vixilancia e
intervencións epidemiolóxicas fronte a gromos epidémicos e situacións de risco
destas enfermidades.
5. O
establecemento de medidas de promoción de hábitos de vida saudables, en especial
os de carácter intersectorial.
6. A
definición de actuacións de prevención individualizada de
enfermidades.
7. O
fomento da formación e investigación científica en materia de saúde
pública.
8. A
farmacovixilancia e o control das reaccións adversas ós medicamentos e o control
sanitario doutros productos de utilización diagnóstica, terapéutica ou
auxiliar.
9. O
control sanitario e a prevención dos riscos para a saúde derivados das
substancias susceptibles de xerar dependencia.
10.
Calquera outra ordenada a mellora-la saúde da poboación.
Sección
2.ª
Saúde
laboral
Artigo
83. Marco legal.
A Xunta
de Galicia promoverá actuacións en materia sanitaria referentes á saúde laboral,
no marco do disposto na Lei xeral de sanidade, e na Lei 31/1995, do 8 de
novembro, de prevención de riscos laborais.
Artigo
84. Actuacións.
A
Consellería de Sanidade, os organismos e as entidades dependentes dela, no eido
das súas competencias, desenvolverán a prevención, protección, promoción e
mellora da saúde integral dos seus traballadores.
Artigo
85. Funcións.
Sen
prexuízo das competencias atribuídas ás restantes administracións públicas de
Galicia, correspóndelle á Consellería de Sanidade en materia de saúde laboral o
exercicio das funcións seguintes:
1. O
desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia dos sistemas de información
sanitaria ordenados a determina-la morbilidade e mortalidade por patoloxías
profesionais, de xeito integrado co resto de sistemas de información e
vixilancia epidemiolóxica.
2. A
promoción da información, formación e participación dos traballadores e
empresarios nos plans, programas e actuacións sanitarias no ámbito da saúde
laboral.
3. A
realización de estudios epidemiolóxicos para a identificación e prevención de
patoloxías que, con carácter xeral, se poidan ver producidas ou agravadas polas
condicións de traballo.
4. A
inspección, supervisión e rexistro dos servicios de prevención autorizados ou
que soliciten autorización para o seu recoñecemento como tales no ámbito da
Comunidade Autónoma de Galicia, polo que atinxe ós aspectos
sanitarios.
5. A
supervisión da formación que, no eido de prevención e promoción da saúde
laboral, deba recibi-lo persoal sanitario dos servicios de prevención
autorizados.
6. Todas
aquelas funcións que a normativa vixente lle encomende en materia de accidentes
de traballo, enfermidades profesionais, entidades colaboradoras da Seguridade
Social, mutuas aseguradoras, incapacidade temporal e servicios de prevención de
riscos laborais, promovendo a mellora na vixilancia e control da saúde dos
traballadores, incluíndo a prescrición na asistencia médico-farmacéutica a
través do persoal sanitario dos servicios de prevención, actividade que terá, en
todo caso, carácter voluntario tanto para os traballadores coma para as
empresas.
7.
Calquera outra que poida serlle encomendada polo Consello da
Xunta.
Capítulo
III
Intervención
pública
Sección
1.ª
Intervencións.
Principios xerais
Artigo
86. Limitacións preventivas.
As
actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter
consecuencias negativas para a saúde serán sometidas polos órganos competentes a
limitacións preventivas de carácter administrativo, de acordo cos seguintes
principios:
a)
Preferencia da colaboración voluntaria coas autoridades
sanitarias.
b)
Minimización da incidencia sobre a libre circulación de persoas e bens, a
liberdade de empresa e calquera outro dereito.
c)
Prohibición de medidas obrigatorias que supoñan risco para a
vida.
d)
Proporcionalidade ós fins que en cada caso se persigan.
Artigo
87. Intervención administrativa en protección da saúde e prevención da
enfermidade.
As
administracións sanitarias poderán realiza-las seguintes accións para a
protección da saúde:
1.
Establecer sistemas de vixilancia, redes de comunicacións e análises de datos
que permitan detectar e coñecer, coa maior rapidez posible, a proximidade ou a
presencia de situacións que poidan repercutir negativamente sobre a saúde,
individual ou colectiva.
2.
Establece-la esixencia de autorizacións e rexistros por razóns sanitarias a
empresas, productos e actividades.
3.
Establecer prohibicións e requisitos mínimos para o uso e tráfico de bens e
productos, cando supoñan un prexuízo ou ameaza para a
saúde.
4.
Controla-la publicidade e propaganda de productos e actividades que poidan ter
incidencia sobre a saúde, co fin de axustala a criterios de veracidade e
evita-lo que poida constituír un prexuízo para esta.
5.
Establecer, controlar e inspecciona-las condicións hixiénico-sanitarias, de
funcionamento e desenvolvemento de actividades que poidan ter repercusión sobre
a saúde das persoas.
6.
Decretar, cando unha actividade teña repercusión excepcional e negativa sobre a
saúde dos cidadáns, a intervención administrativa pertinente da actividade, ata
que sexan eliminados os riscos sanitarios.
7.
Adopta-las medidas preventivas que se consideren pertinentes no caso de que
exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e
extraordinario para a saúde. Para tal efecto, a Administración sanitaria poderá
proceder á incautación ou inmobilización de productos, suspensión do exercicio
de actividades, peche de empresas ou das súas instalacións, intervención de
medios materiais e persoais e cantas outras se consideren sanitariamente
xustificadas.
A
duración das medidas ás que se refire este apartado fixarase para cada caso, sen
prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, e non
excederá do que esixa a situación de risco extraordinario que as
xustificou.
8.
Fixa-las directrices a través da normativa correspondente en materia de policía
sanitaria mortuoria.
Artigo
88. Autoridade sanitaria e inspección.
1. Dentro
das súas respectivas competencias, teñen a condición de autoridade sanitaria a
Xunta de Galicia, o conselleiro de Sanidade e os órganos da Consellería de
Sanidade que se determinen, así como os alcaldes. Tamén terán a dita condición
os inspectores dos servicios sanitarios no exercicio das súas
funcións.
2. O
persoal ó servicio da Administración sanitaria que actúe no exercicio das
funcións de inspección, e acreditando a súa identidade, estará autorizado
para:
a) Entrar
libremente e sen previa notificación, en calquera momento, en todo centro,
servicio ou establecemento suxeito a esta lei.
b)
Proceder ás probas, investigacións ou exames necesarios para comproba-lo
cumprimento desta lei e das normas que se dicten para o seu
desenvolvemento.
c) Tomar
ou sacar mostras, co fin de comproba-lo cumprimento do previsto nesta lei e nas
disposicións que a desenvolvan.
d)
Realizar cantas actuacións sexan necesarias para o cumprimento das funcións de
inspección que exerzan.
e) Ante
situacións de risco grave e inmediato para a saúde, adopta-las medidas
cautelares de emerxencia, dándolle conta inmediata á autoridade sanitaria
competente.
Como
consecuencia das actuacións de inspección e control, as autoridades sanitarias
competentes poderán ordena-la suspensión provisional, a prohibición das
actividades e o peche definitivo dos centros, servicios e establecementos, por
requirilo a saúde colectiva ou por incumprimento dos requisitos esixidos para a
súa instalación e funcionamento.
Sección
2.ª
Hemodoazón
e hemoterapia
Artigo
89. Rede de hemodoazón e hemoterapia de Galicia.
1.
Corresponderalle á Consellería de Sanidade a planificación, coordinación e
control da hemodoazón e hemoterapia da Comunidade
Autónoma.
2. A
Xunta de Galicia sentará as bases dunha organización hemoterápica eficiente que
permita satisface-las necesidades de sangue e hemoderivados na Comunidade
Autónoma baixo os principios de calidade e seguridade, promoción altruísta da
doazón e acción coordinada de tódolos medios públicos e
privados.
3.
Establecerase unha rede de hemodoazón e hemoterapia apoiada na seguinte
estructura de carácter funcional:
a) Centro
de Transfusión Sanguínea de Galicia.
b)
Servicios de transfusión.
4.
Regulamentariamente, determinaranse as condicións para o exercicio das funcións
de dirección do Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia e dos servicios de
transfusión.
Artigo
90. Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia.
1. O
Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia desenvolverá na Comunidade Autónoma a
obtención, preparación, conservación, almacenamento, distribución e control da
aplicación do sangue humano e dos seus derivados e, de xeito coordinado,
participará na formación e investigación no campo da hemoterapia, axustando a
súa actuación ás normas e instruccións que a Consellería de Sanidade
estableza.
2. Serán
funcións do Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia:
a) A
promoción da hemodoazón e plasmaférese voluntarias.
b) A
programación e execución de tódalas extraccións extrahospitalarias por medio de
equipos móbiles.
c) O
procesamento de tódalas unidades de sangue recollidas de forma extra e
intrahospitalaria.
d) O
abastecemento de sangue e derivados a tódolos hospitais e centros sanitarios
públicos e ós privados que o demanden da Comunidade Autónoma de Galicia consonte
as súas necesidades.
e) O
fraccionamento do sangue para a producción de compoñentes sanguíneos precisos
para dar cobertura ós requirimentos transfusionais dos centros hospitalarios da
Comunidade Autónoma.
f) A
responsabilización do intercambio de plasma que se realice coa industria
fraccionadora na Comunidade Autónoma de Galicia.
g) O
establecemento dun sistema de identificación inequívoca de cada doazón de sangue
e dos compoñentes sanguíneos que permita a plena trazabilidade ata o doador, así
como ata a transfusión e o seu receptor.
h) A
disposición de programas de hemovixilancia para recollida de efectos ou
reaccións adversos graves ou inesperados que se manifestan en doadores ou nos
receptores así como o seguimento epidemiolóxico dos
doadores.
i) A
adopción das medidas necesarias para manter un sistema de calidade acorde cos
principios das boas prácticas.
j)
Calquera outra actividade que tenda á coordinación e mellora da actividade
relacionada coa captación de doadores, extracción, tratamento e distribución do
sangue e dos seus derivados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de
acordo co que se dispoña regulamentariamente.
3. O
Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia terá personalidade xurídica e
patrimonio propios e configurarase como unha fundación pública adscrita á
Consellería de Sanidade.
Artigo
91. Servicios de transfusión.
1.
Corresponderalle á Consellería de Sanidade autoriza-los servicios de transfusión
sanguínea da Comunidade Autónoma, que quedarán automaticamente integrados na
rede de hemodoazón e hemoterapia de Galicia, baixo a dependencia funcional do
Centro de Transfusión Sanguínea de Galicia e vencellados solidariamente ó
cumprimento dos seus fins comúns, coordinándose e complementándose no marco
xeral da planificación que estableza a propia consellería.
2. Os
servicios de transfusión hospitalarios desenvolverán as seguintes
funcións:
a) A
responsabilización da execución da política hemoterápica e o facilitamento da
promoción de sangue no seu ámbito de actuación.
b) A
extracción de sangue intrahospitalario fundamentalmente dentro do programa de
autotransfusión, de acordo cos criterios de coordinación que estableza e
autorice o Centro de Transfusión Sanguínea.
c) A
promoción da autodoazón no seu eido de actuación.
d) A
planificación e realización da hemoterapia do hospital.
e) O
establecemento dun programa de detección, avaliación e xestión dos efectos
adversos e problemas relacionados coa hemoterapia do
hospital.
f) A
participación nos programas de formación do persoal sanitario vencellado á
hemoterapia.
g) O
desenvolvemento de tarefas de investigación das funcións que teñen
encomendadas.
h) O
establecemento dun sistema de seguimento e trazabilidade das unidades
transfundidas ó receptor.
i)
Calquera outra función que por razóns de eficacia lles sexa
encomendada.
Título
VI
Asistencia
sanitaria na rede galega de atención
sanitaria
de utilización pública
Artigo
92. Principios xerais.
1. Os
centros, servicios e establecementos sanitarios prestarán a asistencia sanitaria
de xeito integrado a través de programas preventivos, curativos, rehabilitadores
e de educación sanitaria.
2. As
prestacións asistenciais sanitarias financiadas pola Xunta de Galicia incluirán
alomenos as seguintes modalidades:
a)
Atención primaria.
b)
Atención especializada.
c)
Prestacións farmacéuticas.
d)
Prestacións complementarias.
e)
Servicios de información e documentación sanitaria.
As
prestacións persoais de carácter preventivo considéranse integradas nas
anteriores.
Artigo
93. Outras posibilidades asistenciais.
A
Consellería de Sanidade poderá establecer, no marco desta lei, outras
modalidades para a prestación dos servicios de atención primaria, especializada
ou de ámbalas dúas de forma integrada, atendendo razóns de efectividade e
eficiencia.
Capítulo
I
Atención
primaria
Artigo
94. Concepto.
1. A
atención primaria constitúe o primeiro nivel de acceso ordinario da poboación á
rede galega de atención sanitaria de utilización pública e caracterízase por un
enfoque global e integrado da atención e por asumir un papel orientador e de
canalización da asistencia requirida polo paciente en calquera punto da rede
sanitaria ou sociosanitaria.
2. A
atención primaria será prestada, no ámbito das zonas de atención primaria ou, se
é o caso, das áreas sanitarias, polos profesionais sanitarios en réxime de
traballo en equipo interdisciplinario.
Artigo
95. Ámbito.
As
actuacións de atención primaria desenvolveranse nos propios centros de saúde ou
noutros periféricos que deles dependan, puntos de atención continuada, así como
nos domicilios dos doentes, centros sociosanitarios ou en calquera outro lugar
que se determine regulamentariamente.
Artigo
96. Alcance.
A
atención primaria comprenderá:
1. A
asistencia sanitaria en réxime de consultas.
2. A
atención ordinaria e continuada das urxencias.
3. A
atención sanitaria domiciliaria.
4. As
actividades programadas en materia de vixilancia e información, así como a
promoción e protección da saúde.
5. A
participación na docencia, formación continuada e investigación, no seu ámbito
de actuación.
6. A
participación das accións de coordinación sociosanitaria que se
determinen.
7.
Calquera outra función ou modalidade asistencial que se lle encomende, así como
os restantes servicios e prestacións facilitados en cada momento polo sistema
nacional de saúde no que se refire a este ámbito da atención
sanitaria.
Artigo
97. Atención pediátrica.
Ademais
do establecido no artigo anterior, a atención primaria pediátrica, ata os 14
anos de idade incluídos, comprenderá:
1. A
educación sanitaria dos menores e dos seus pais, titores, profesores ou
coidadores.
2. As
vacinacións, segundo o calendario oficial da Comunidade Autónoma de
Galicia.
3. O
desenvolvemento do programa do neno san.
Artigo
98. Fisioterapia.
Desenvolveranse
nas estructuras de atención primaria tratamentos de fisioterapia básicos, logo
da indicación médica, ó abeiro dos programas establecidos polos servicios de
saúde.
Artigo
99. Atención á saúde bucodental.
Desenvolveranse
na atención primaria prestacións no campo da saúde bucodental que
comprenderán:
1. A
información e educación en materia de hixiene e saúde
bucodental.
2. As
medidas preventivas e asistenciais: aplicación de fluor tópico, obturacións,
diagnóstico de maloclusión, selado de fisuras ou outras, para a poboación
infantil de acordo co financiamento dos programas especiais para a saúde
bucodental.
3.
Tratamento de procesos agudos odontolóxicos, incluída a extracción de pezas
dentarias.
4. A
exploración preventiva da cavidade oral a mulleres
embarazadas.
Capítulo
II
Atención
especializada
Artigo
100. Concepto e ámbito.
1. A
atención especializada é o nivel de asistencia que, unha vez superadas as
posibilidades de diagnóstico e tratamento da atención primaria, se caracteriza
por unha alta intensidade dos coidados requiridos ou pola especificidade do
coñecemento e/ou a tecnoloxía que os pacientes precisan para a súa axeitada
atención sanitaria.
2. A
atención especializada será prestada no ámbito dos distritos hospitalarios polos
hospitais ou complexos hospitalarios.
3. O
hospital, xunto ós centros de especialidades adscritos a el, constitúe a
estructura sanitaria responsable da asistencia especializada programada e
urxente á poboación do seu ámbito de influencia.
4. Cada
distrito hospitalario dispoñerá de, cando menos, un centro hospitalario ó que
poida accede-la poboación. Sen embargo, determinados servicios e hospitais
poderán actuar de referencia para dous ou máis distritos
hospitalarios.
Artigo
101. Alcance.
A
atención especializada comprenderá:
1. A
asistencia sanitaria especializada en réxime de consultas
externas.
2. A
asistencia especializada en réxime de hospital de día.
3. A
realización en réxime ambulatorio de procedementos cirúrxicos menores e de
cirurxía maior.
4. A
asistencia especializada en réxime de hospitalización para os procesos médicos,
cirúrxicos, pediátricos ou obstétricos que así o requiren.
5. A
hospitalización a domicilio.
6. As
atencións de saúde mental e a asistencia psiquiátrica.
7. A
atención ás urxencias hospitalarias.
8. A
educación para a saúde e a prevención de enfermidades no seu ámbito de
actuación, así como a participación nos sistemas de vixilancia e
información.
9. A
participación na docencia, a formación continuada e a
investigación.
10. A
participación nas accións de coordinación sociosanitaria que se
determinen.
11.
Calquera outra función ou modalidade asistencial que se lle encomende, así como
os restantes servicios e prestacións facilitados en cada momento polo sistema
nacional de saúde no que se refire a este eido da atención
sanitaria.
Artigo
102. Saúde mental.
1. As
atencións de saúde mental e a asistencia psiquiátrica, sendo de base
comunitaria, incluirán o diagnóstico clínico, xunto cos tratamentos médicos e
psicoterapéuticos que sexan precisos -individuais, grupais ou familiares-,
ademais da prestación de asistencia especializada en réxime de hospitalización
-total ou parcial- para procesos que así o aconsellen, con especial atención,
así mesmo, á rehabilitación psicosocial dos pacientes.
2. Os
diferentes dispositivos de saúde mental do sistema sanitario galego de cobertura
pública estarán ordenados, organizados e coordinados de tal xeito que se lle
garanta á poboación a axeitada accesibilidade ás prestacións antes citadas, así
como o mantemento da continuidade terapéutica.
3. A
atención á saúde mental estará integrada, en tódalas súas vertentes e para
tódolos efectos, no conxunto de plans e actividades da asistencia sanitaria
xeral, mantendo a súa especificidade técnica no proceso de coidados e na
avaliación de resultados.
Capítulo
III
Outras
modalidades asistenciais
Artigo
103. Atención continuada e emerxencias.
1. A rede
galega de atención sanitaria de utilización pública prestará a atención
continuada e das urxencias a través dos seus dispositivos
asistenciais.
2. En
situacións de emerxencia orixinadas por catástrofes ou accidentes en calquera
lugar de Galicia, a rede galega de atención sanitaria de utilización pública
facilitará, a través dos seus dispositivos asistenciais, a asistencia sanitaria
in situ, o traslado de afectados e a asistencia nos centros máis
apropiados.
Capítulo
IV
Atención
sociosanitaria
Artigo
104. Atención sociosanitaria.
1. Para
os efectos desta lei, considérase atención sociosanitaria o conxunto de coidados
destinados a aqueles doentes, xeralmente crónicos, que polas súas especiais
características poden beneficiarse da atención simultánea e sinérxica dos
servicios sanitarios e sociais para aumenta-la súa autonomía, palia-las súas
limitacións ou sufrimentos e facilita-la súa reinserción
social.
2. No
eido sanitario a atención sociosanitaria comprenderá:
a) Os
coidados sanitarios de longa duración.
b) A
atención sanitaria á convalecencia.
c) A
rehabilitación en pacientes con déficit funcional
recuperable.
3. A
continuidade do servicio será garantida polos servicios sanitarios e sociais a
través da axeitada coordinación entre as administracións públicas
correspondentes.
4. Co
obxecto de optimiza-los recursos, no eido sanitario a prestación asistencial
sociosanitaria na súa modalidade de coidados prolongados será cofinanciada polos
usuarios. A achega nesta modalidade asistencial será establecida pola normativa
regulamentaria que corresponda, tendo en conta os seguintes elementos de
valoración: renda, patrimonio e número de persoas da unidade
familiar.
Capítulo
V
Atención
en materia de drogodependencias
Artigo
105. Competencias da Xunta de Galicia.
1. A
Xunta de Galicia exercerá as competencias que en materia de atención ás
drogodependencias lle atribúe o artigo 22.2 da Lei 2/1996, do 8 de maio, de
drogas, e disposicións concordantes.
2.
Correspóndelle á Consellería de Sanidade o deseño, planificación, dirección,
coordinación, execución e avaliación da política sanitaria da Xunta de Galicia
en materia de drogodependencias.
3. Para o
exercicio das competencias que ten atribuídas e a execución das actividades que
lle corresponden en materia de drogodependencias, a Consellería de Sanidade da
Xunta poderá empregar calquera das fórmulas establecidas no artigo 22 desta
lei.
Artigo
106. Da asistencia sanitaria pública.
As
administracións públicas de Galicia velarán polo desenvolvemento das actividades
asistenciais precisas para o tratamento e a atención sanitaria integral dos
diversos problemas derivados do consumo de drogas, polo desenvolvemento de
programas de promoción da saúde e pola execución das accións de educación
sanitaria, de detección e tratamento das enfermidades infecciosas asociadas, así
como pola execución das restantes actividades previstas no artigo 18 da Lei
2/1996, do 8 de maio, de drogas, nos termos que se establecen neste precepto, e
disposicións concordantes.
Artigo
107. Centros, establecementos e programas de tratamento.
1.
Tódolos centros, servicios e establecementos de tratamento das drogodependencias
públicos ou privados estarán suxeitos ó réxime de autorización de centros
sanitarios. Para poder desenvolve-las súas actividades, os devanditos centros,
servicios e establecementos requirirán de autorización previa ó inicio da súa
actividade.
2. Os
requisitos específicos que haberán de cumpri-los devanditos centros, servicios e
establecementos determinaranse regulamentariamente.
3.
Independentemente da súa titularidade, os centros, servicios e establecementos
de tratamento das drogodependencias que reciban financiamento público da
Administración sanitaria da Xunta de Galicia estarán sometidos ás directrices e
ó control da Consellería de Sanidade, para os efectos do desenvolvemento das
súas actividades sanitarias e programas terapéuticos.
Artigo
108. Catálogo de programas de tratamento.
1. As
actividades e os programas terapéuticos que desenvolvan os centros, servicios e
establecementos sanitarios de tratamento das drogodependencias, en tanto que
recursos sanitarios de utilización pública, recolleranse nun Catálogo de
programas asistenciais do Plan de Galicia sobre drogas.
2. Este
catálogo presentará unha oferta terapéutica plural e diversificada,
profesionalizada e de carácter interdisciplinario, que tenderá a axustarse ás
características, necesidades e demandas que presente cada
caso.
3. O
catálogo revisarase periodicamente co fin de mantelo actualizado. Para a súa
revisión teranse en conta tanto as tendencias da evolución da drogodependencia
coma a evidencia científica respecto dos procedementos terapéuticos aceptados
polos organismos sanitarios nacionais e internacionais e polas axencias de
avaliación de tecnoloxías sanitarias.
Artigo
109. Criterios de actuación.
Para os
efectos da atención ás drogodependencias, os centros, servicios e
establecementos integrados na rede galega de atención sanitaria de utilización
pública desenvolverán as súas actividades e prestarán os seus servicios con
suxeición ós criterios de actuación establecidos no artigo 17 da Lei 2/1996, do
8 de maio, de drogas, e disposicións concordantes.
Capítulo
VI
Prestacións
farmacéuticas
Artigo
110. As prestacións farmacéuticas.
1. A
Administración sanitaria da Xunta garantirá a prescrición e dispensación de
medicamentos na rede galega de atención sanitaria de utilización pública nos
termos previstos na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e
demais normativa reguladora.
2. A
política autonómica en relación coa prestación farmacéutica promoverá o
desenvolvemento de programas orientados a racionaliza-lo emprego dos recursos
farmacoterapéuticos nos servicios sanitarios e sociosanitarios, con criterios de
efectividade, seguridade e custo.
Capítulo
VII
Prestacións
complementarias
Artigo
111. Concepto e ámbito.
1. Son
prestacións complementarias todas aquelas que supoñen un elemento adicional e
necesario para a consecución dunha asistencia completa e
axeitada.
2. Para
os efectos desta lei, considéranse prestacións complementarias a ortoprotésica,
o transporte sanitario, a dietoterapia e as técnicas de terapia respiratoria a
domicilio.
Artigo
112. Prestación ortoprotésica.
1. A
prestación ortoprotésica inclúe as seguintes prestacións:
a)
Próteses cirúrxicas fixas e a súa oportuna renovación.
b)
Próteses ortopédicas permanentes ou temporais (próteses externas) e a súa
oportuna renovación.
c) Os
vehículos para inválidos para os cales a súa invalidez así o
aconselle.
2. A
prescrición será realizada polos facultativos especialistas na materia
correspondente á clínica que xustifique a prescrición, axustándose ó establecido
no catálogo autorizado pola Administración sanitaria.
3. As
modificacións do catálogo ou a prescrición de productos ortoprotésicos non
incluídos nel requirirán a aprobación pola Consellería de
Sanidade.
Artigo
113. Transporte sanitario.
1. A
prestación do transporte sanitario comprende o transporte especial de
accidentados ou enfermos cando concorra unha situación de urxencia que implique
risco vital ou dano irreparable para a saúde do afectado, ou exista unha
imposibilidade física ou outras causas médicas que impidan ou incapaciten para a
utilización de transporte ordinario para desprazarse a un centro sanitario ou ó
seu domicilio logo de recibir atención sanitaria.
2. A
prescrición corresponderalle ó facultativo que preste asistencia e a súa
indicación obedecerá só a causas médicas que fagan imposible o desprazamento en
medios ordinarios de transporte.
Artigo
114. Outras prestacións complementarias.
Inclúe os
tratamentos dietéticos complexos e as técnicas de terapia respiratoria a
domicilio, logo da indicación médica, no xeito que estableza a Administración
sanitaria.
Capítulo
VIII
Servicios
de información e documentación
sanitaria
Artigo
115. Información e documentación sanitaria.
Constitúen
servicios de información e documentación sanitaria os
seguintes:
1. A
información sobre dereitos e deberes.
2. A
información relativa ós procesos asistenciais, incluíndo se é o caso a
tramitación dos procesos administrativos para garanti-la continuidade do
proceso, e a relativa á prestación do consentimento informado, cando se
precise.
3. A
expedición, onde proceda, de partes de baixa, confirmación, alta e demais
informes ou documentos clínicos para a avaliación da incapacidade ou outros
efectos.
4. O
informe de alta hospitalaria, así como o de alta de consultas externas e en
urxencias do episodio de atención.
5. A
documentación ou certificación médica de nacemento, defunción e demais extremos
para o rexistro civil.
6. O
acceso á información do proceso asistencial contida na historia clínica, así
como a súa conservación para os fins previstos na normativa sanitaria e de
protección de datos persoais.
7. A
certificación acreditativa do estado de saúde, cando a súa esixencia se
estableza por unha disposición legal ou regulamentaria.
8.
Calquera outra función que se lle encomende, así como os restantes servicios
facilitados en cada momento polo sistema nacional de saúde no que se refire a
este eido da atención sanitaria.
Artigo
116. Protección do honor e intimidade persoal e familiar.
1.
Tódalas institucións, órganos e servicios recollidos nesta lei están obrigados a
garantir e protexer, no que atinxe ó tratamento dos datos persoais, as
liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas e
especialmente o seu honor e intimidade persoal e familiar.
2. Para
os efectos, o manexo dos datos relativos á saúde de carácter persoal, os
ficheiros, o tratamento de datos e a súa cesión axustaranse estrictamente ó
disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
Artigo
117. Confidencialidade dos datos sanitarios.
1. A
confidencialidade dos datos sobre a saúde persoal constitúe unha cuestión
esencial para a confianza e estimación do sistema sanitario de Galicia por parte
dos cidadáns, polo que tanto o tratamento e almacenamento dos devanditos datos
coma as comunicacións electrónicas destes que deban efectuarse no marco da
asistencia sanitaria haberán de realizarse empregando medidas de seguridade
adecuadas.
2. Nos
supostos en que a Administración sanitaria contrate con empresas privadas o
tratamento ou almacenamento dos datos de saúde dos cidadáns, esixiráselles
contractualmente a estas a adopción de medidas técnicas e organizativas que
garantan a confidencialidade, integridade, autenticidade e seguridade dos
devanditos datos nos termos previstos legalmente.
3. A
obriga de mante-la confidencialidade sobre os datos de saúde dos cidadáns recae
sobre calquera persoa física ou xurídica, persoal sanitario ou que exerza
función administrativa que teña acceso a eles no exercicio lexítimo das súas
funcións.
4. A
confidencialidade dos datos persoais de saúde dos cidadáns mantense mesmo
despois da morte destes últimos, coas excepcións que legalmente
procedan.
5. En
materia de información, obtención, tratamento, cesión, dereitos dos cidadáns e
medidas de seguridade dos datos de saúde, deberá de terse presente a
consideración dos devanditos datos como especialmente protexidos, e haberá que
aterse ó disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter
persoal, e normas de desenvolvemento.
Título
VII
Participación
comunitaria
Capítulo
I
Disposicións
xerais
Artigo
118. Participación.
1.
Consonte o establecido nos artigos 9.2 e 129.1 da Constitución española e nos
artigos 5 e 53 da Lei xeral de sanidade, así como no artigo 128 desta lei, os
cidadáns da Comunidade Autónoma galega teñen o dereito de participar na
actividade dos organismos públicos dos cales a función afecte directamente á
calidade da vida ou ó benestar xeral e, en concreto, na formulación da política
sanitaria e no control da súa execución.
2. A
participación na formulación da política sanitaria e no control da súa execución
constitúe un dereito do cidadán e da sociedade en xeral, un valor social e un
instrumento de cooperación e información no ámbito do sistema sanitario de
Galicia, para a mellora da saúde e o benestar dos
cidadáns.
3. O
dereito de participación supón a responsabilidade no seu exercicio e obriga a
actuar con lealdade ó interese xeral, ó ben público e á promoción do benestar
social.
Artigo
119. Órganos de participación comunitaria.
1. Para o
obxecto de posibilita-la participación comunitaria no ámbito do sistema
sanitario de Galicia, créase o Consello Galego de Saúde e, no ámbito de cada
área sanitaria, as comisións de participación cidadá
respectivas.
2. Os
órganos de participación comunitaria a que se refire o apartado anterior
desenvolverán funcións consultivas e de asesoramento na formulación de plans e
obxectivos xerais no ámbito territorial respectivo, así como no seguimento e
avaliación dos resultados de execución.
Capítulo
II
O
Consello Galego de Saúde
Artigo
120. Natureza.
O
Consello Galego de Saúde é o principal órgano colexiado de participación
comunitaria no sistema sanitario de Galicia ó que lle corresponde o asesoramento
á Consellería de Sanidade da Xunta na formulación da política sanitaria e no
control da súa execución.
Artigo
121. Composición.
1. O
Consello Galego de Saúde componse dos membros seguintes:
a) Seis
vocais en representación da Administración sanitaria da Xunta, designados polo
conselleiro de Sanidade.
b) Doce
vocais en representación dos cidadáns, a través das entidades
locais.
c) Oito
vocais en representación das organizacións sindicais máis representativas da
Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Oito
vocais en representación das organizacións empresariais máis representativas da
Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Seis
vocais en representación das organizacións de consumidores e
usuarios.
f) Seis
vocais en representación dos colexios profesionais
sanitarios.
g) Dous
vocais en representación das reais academias radicadas en Galicia e cuns fins
que se relacionen directamente coas ciencias da saúde.
2. O
presidente do Consello Galego de Saúde é o conselleiro de Sanidade ou a persoa
en quen delegue, de entre os seus membros.
3. Por
decreto da Xunta de Galicia determinaranse os sistemas de asignación de
representantes de entre as distintas organizacións e entidades representadas no
Consello Galego de Saúde, así como os mecanismos para a súa
designación.
4. Os
membros do Consello Galego de Saúde son nomeados e separados do cargo polo
conselleiro de Sanidade, por proposta de cada unha das representacións que o
compoñen. O nomeamento farase por un período máximo de catro anos, sen prexuízo
de que os interesados poidan ser reelixidos sucesivamente, sempre que conten coa
representación requirida.
Artigo
122. Funcións.
Son
funcións do Consello Galego de Saúde:
1.
Propoñer aquelas medidas de carácter sanitario que contribúan a eleva-lo nivel
de saúde da poboación.
2.
Emitir, por solicitude da Administración sanitaria da Xunta, informes ou
dictames en materia de política sanitaria xeral.
3.
Coñece-lo anteproxecto do Plan de saúde e ser informado da súa
avaliación.
4.
Coñece-la memoria anual do Servicio Galego de Saúde antes da súa publicación,
para os efectos do seguimento e avaliación da xestión do Servicio Galego de
Saúde.
5.
Propoñer medidas dirixidas a mellora-la xestión do Servicio Galego de
Saúde.
6.
Elabora-lo seu regulamento de funcionamento.
Artigo
123. Organización e funcionamento.
Por orde
do conselleiro de Sanidade estableceranse as normas xerais de organización e
funcionamento do Consello Galego de Saúde.
Capítulo
III
Comisións
de participación cidadá
Artigo
124. Natureza.
As
comisións de participación cidadá son os órganos colexiados de natureza
consultiva a través dos que se artella a participación comunitaria no eido das
áreas sanitarias.
Artigo
125. Composición.
1. As
comisións de participación cidadá atópanse integradas pola representación das
entidades e organizacións seguintes:
a)
Entidades locais comprendidas na área sanitaria.
b)
Asociacións veciñais con actuación no ámbito da área
sanitaria.
c)
Organizacións empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma de
Galicia.
d)
Organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma de
Galicia.
e) O
director da área sanitaria correspondente e, se é o caso, os xerentes dos
dispositivos a que se refire o artigo 7.6 desta lei e dos centros e
establecementos do Servicio Galego de Saúde comprendidos na área
sanitaria.
2. Por
orde do conselleiro de Sanidade determinaranse a composición das comisións de
participación cidadá e os sistemas de asignación de representantes de entre as
distintas organizacións e entidades representadas no seu seo, así como os
mecanismos para a súa designación.
3. Os
membros das comisións de participación cidadá son nomeados e separados do cargo
polo conselleiro de Sanidade, por proposta de cada unha das representacións que
o compoñen. O nomeamento farase por un período máximo de catro anos, sen
prexuízo de que os interesados poidan ser reelixidos sucesivamente, sempre que
conten coa representación requirida.
Artigo
126. Funcións.
Son
funcións das comisións de participación cidadá, no ámbito da área sanitaria
respectiva:
a)
Propoñerlles ós órganos de dirección da área aquelas medidas de carácter
sanitario que contribúan a eleva-lo nivel de saúde da
poboación.
b)
Coñece-lo anteproxecto do Plan de saúde da área sanitaria e ser informado da súa
avaliación.
c)
Coñece-la memoria anual da área sanitaria, para os efectos do seguimento e
avaliación da xestión.
d)
Propoñer medidas dirixidas a mellora-la xestión sanitaria.
Artigo
127. Organización e funcionamento.
Por orde
do conselleiro de Sanidade estableceranse as normas xerais de organización e
funcionamento das comisións de participación cidadá.
Artigo
128. Outras formas de participación cidadá.
1. Por
orde do conselleiro de Sanidade poderanse establecer órganos de participación
comunitaria a outros niveis territoriais e funcionais do sistema sanitario de
Galicia coa finalidade de asesora-los correspondentes órganos directivos e
implica-las organizacións sociais e cidadás no obxectivo de acadar maiores
niveis de saúde.
2.
Correspóndelle ó conselleiro de Sanidade, mediante orde, regula-la composición e
establece-las normas xerais de organización e funcionamento dos órganos a que se
refire o apartado anterior.
3. Estes
órganos de participación poderán incluír, entre outros, representantes dos
colexios profesionais sanitarios, sociedades científicas e asociacións, así como
persoas físicas e xurídicas de recoñecido prestixio no eido das ciencias da
saúde.
Capítulo
IV
Consello
Asesor do Sistema Sanitario de Galicia
Artigo
129. Obxecto e funcións.
1. O
Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia é o órgano non-colexiado
superior de consulta e asesoramento da Consellería de
Sanidade.
2. O
Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia estará integrado
maioritariamente por profesionais do sistema sanitario galego. A composición, se
é o caso, e as normas xerais de organización e funcionamento do consello
determinaranse por orde do conselleiro de Sanidade.
3. O
Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia contará cunha secretaría
permanente, que coordinará e lle prestará soporte técnico e loxístico ó
consello.
4. O
nomeamento das persoas que formen parte do Consello Asesor do Sistema Sanitario
de Galicia será, en todo caso, a título individual. O devandito nomeamento
poderá expedirse con carácter temporal, mentres duren as funcións de
asesoramento asignadas ó seu titular ou ben con carácter permanente, comportando
neste caso a súa dispoñibilidade a prestar labores de asesoramento cando lle
sexan requiridos.
Artigo
130. Asesores sectoriais.
O
conselleiro de Sanidade poderá designar asesores sectoriais en materias
específicas relacionadas coa asistencia e organización sanitarias, a saúde
pública, a docencia e investigación nas ciencias da saúde e, en xeral, en
calquera outra materia de interese sanitario respecto da cal resulte conveniente
solicitar asesoramento especializado.
Título
VIII
Dereitos
e deberes dos cidadáns
Capítulo
I
Disposicións
xerais
Artigo
131. Titulares do dereito á protección da saúde e á atención
sanitaria.
1. Teñen
dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos
no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia tódalas persoas que residan nos
municipios desta Comunidade Autónoma e os transeúntes no territorio da
Comunidade, na forma e condicións que establezan a lexislación estatal e os
convenios nacionais ou internacionais que resulten de aplicación, así como
tódolos galegos de orixe ou ascendencia que, residindo fóra de Galicia, se vexan
amparados polos convenios oportunos, no xeito e condicións establecidos
neles.
2.
Igualmente, garánteselle-la protección da saúde e a atención sanitaria con cargo
a fondos públicos ós menores e ás mulleres xestantes non incluídos no apartado 1
deste artigo.
3.
Ademais, garánteselles a tódalas persoas a atención sanitaria en situación de
urxencia e emerxencia.
Artigo
132. Prestacións e servicios sanitarios financiados
publicamente.
1. A
Xunta de Galicia asegúralles, como mínimo, a tódalas persoas a que se refiren os
apartados 1 e 2 do artigo anterior as prestacións e os servicios de saúde
individual ou colectiva facilitados en cada momento polo sistema nacional de
saúde.
2. A
inclusión de novas prestacións e servicios sanitarios financiados publicamente
requirirá a aprobación do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de
Sanidade, e logo do sometemento destes a un proceso de avaliación tecnolóxica en
relación coa súa seguridade, eficacia, efectividade, eficiencia, impacto desde o
punto de vista económico e desde o punto de vista ético e da súa contribución ó
benestar individual e social, debendo garantirse en todo caso o financiamento
correspondente.
3. Serán
beneficiarios das novas prestacións que se inclúan no financiamento público
consonte o prevido no apartado anterior os cidadáns residentes na Comunidade
Autónoma de Galicia, nos termos que se establezan en cada
caso.
Capítulo
II
Dereitos
e deberes dos cidadáns no sistema
sanitario
de Galicia
Artigo
133. Dereitos.
1. Os
cidadáns, no ámbito do sistema sanitario de Galicia, teñen os dereitos
seguintes:
a) Á
protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos, nos
termos establecidos na lexislación básica do Estado, nesta lei e nas restantes
disposicións que sexan de aplicación.
b) Ó
respecto á súa personalidade, dignidade e intimidade, sen discriminación
ningunha por razón de raza, sexo, relixión, opinión, ideoloxía ou calquera outra
condición ou circunstancia persoal ou social.
c) Á
información sobre os servicios a que poden acceder e sobre os requisitos
necesarios para o seu uso.
d) Á
educación sanitaria e á información axeitada que propicien a adopción de hábitos
e estilos de vida saudables.
e) A
medidas de protección da saúde fronte a riscos ambientais e laborais, xerais ou
específicos.
f) A
medidas de prevención da enfermidade de probada efectividade e
seguridade.
g) A
recibir información abonda, comprensible e axeitada cando haxa risco para a
saúde pública, incluíndo se fose precisa a información epidemiolóxica necesaria
en relación cos problemas de saúde.
h) A
mante-la súa privacidade e a que se garanta a confidencialidade de toda a
información relacionada coa súa enfermidade e atención en calquera centro
sanitario de Galicia, nos termos establecidos na lexislación vixente. En todo
caso, o grao de confidencialidade daquela información poderá ser decidido polo
paciente.
i) A que
se lles asigne un médico, o nome do cal se lles dará a coñecer, que será o seu
interlocutor principal co equipo asistencial. No caso de ausencia, outro médico
do equipo asumirá tal responsabilidade.
j) A ser
advertidos de se os procedementos de prognóstico, diagnóstico e terapéuticos que
se lles apliquen poden ser empregados nun proxecto docente ou de investigación,
o que en caso ningún poderá comportar perigo adicional para a súa saúde. Nestes
casos, será imprescindible o previo consentimento por escrito do paciente e a
aceptación por parte do médico e da dirección do correspondente centro
sanitario, de acordo coas disposicións que sexan
aplicables.
k) A
recibir, en termos comprensibles, información adecuada, continuada, verbal e
escrita, sobre o seu proceso, tanto a persoa enferma coma, se é o caso, os seus
familiares ou persoas achegadas, incluíndo diagnóstico, prognóstico e
alternativas de tratamento.
l) A
prestar consentimento informado, ou conformidade expresa do doente, manifestada
por escrito, logo de obter unha información axeitada, para a realización dun
procedemento diagnóstico ou terapéutico que afecte a súa persoa e que comporte
riscos importantes, notorios ou considerables. Non será necesario o
consentimento previo do paciente, consonte o establecido na Lei 3/2001, do 28 de
maio, e disposicións concordantes, nos casos seguintes:
1º. Cando
da non-intervención derive un risco para a saúde pública.
2º. Cando
a persoa enferma non estea capacitada para tomar decisións; neste caso o dereito
corresponderalle ó seu representante legal, se o houber, ou ós seus familiares
ou persoas achegadas.
3º. Cando
concorra unha situación de urxencia que non permita demoras por poderse
ocasionar lesións irreversibles ou existir risco de
falecemento.
4º. Cando
a persoa afectada manifestase expresamente o seu desexo de non ser
informada.
m) Á
libre elección entre as opcións que lle presente o responsable médico do seu
caso e a rexeita-lo tratamento, agás nos casos sinalados nos ordinais 1º, 2º e
3º do apartado anterior, debendo para iso solicitar e asina-la alta voluntaria.
De non facelo así, corresponderalle darlle a alta á dirección do centro. Todo
iso sen prexuízo de que o paciente poida recibir outros tratamentos
alternativos, curativos ou paliativos, se é o caso, sempre que manifestase o seu
desexo de someterse a eles.
n) A
outorga-lo consentimento por substitución e a expresa-las súas vontades
anticipadas ó abeiro do establecido na Lei 3/2001, do 28 de maio, e disposicións
concordantes.
o) A que
quede constancia por escrito, ou en soporte técnico adecuado, de todo o seu
proceso e a que ó remata-lo episodio asistencial se lle entregue o informe de
alta hospitalaria, así como o da interconsulta de atención especializada e o de
urxencias.
p) A
acceder á súa historia clínica e a obte-los informes e resultados das
exploracións que sobre o seu estado de saúde ou enfermidade se inclúan nela, así
como unha copia dos devanditos documentos, de acordo co establecido na Lei
3/2001, do 28 de maio, e disposicións concordantes.
q) A que
se lle estendan os informes ou certificacións acreditativos do seu estado de
saúde, cando a súa esixencia se estableza mediante unha disposición legal ou
regulamentaria.
r) A
participar, a través dos órganos de participación comunitaria, nas actividades
sanitarias, nos termos establecidos nesta lei e nas disposicións que se dicten
no seu desenvolvemento.
s) A
elixir médico xeral e pediatra de entre os que presten os seus servicios na zona
de atención primaria do seu lugar de residencia, nos termos establecidos nesta
lei e nas disposicións regulamentarias que sexan de
aplicación.
t) A unha
segunda opinión médica co obxecto de fortalece-la relación médico-paciente e
complementa-las posibilidades da atención sanitaria, nos termos que se
establezan regulamentariamente.
u) A que
determinadas prestacións sanitarias financiadas publicamente lles sexan
dispensadas nuns prazos previamente definidos e coñecidos, que serán
establecidos regulamentariamente. A extensión deste dereito realizarase de xeito
progresivo, atendendo a gravidade, penosidade e impacto das patoloxías na
calidade de vida das persoas enfermas, as dispoñibilidades financeiras da
Administración sanitaria autonómica e a capacidade resolutiva dos centros,
servicios e establecementos sanitarios do sistema sanitario de Galicia. En todo
caso, as intervencións cirúrxicas que se lles deban realizar ós titulares do
dereito á protección da saúde e á atención sanitaria financiadas publicamente
deberán executarse nun prazo máximo de 180 días naturais desde a inscrición do
doente no rexistro da lista de espera, sen prexuízo de que poidan establecerse
prazos de resposta inferiores para determinadas intervencións. Co fin de
garanti-lo tempo máximo de espera para intervencións cirúrxicas poderase ofertar
calquera dos centros hospitalarios que integran a rede galega de atención
sanitaria de utilización pública, así como outros centros debidamente
acreditados para o efecto, se as circunstancias concorrentes así o
aconsellan.
v) A
emprega-los procedementos de reclamación e suxestións, así como a recibir
resposta por escrito nos prazos establecidos regulamentariamente. Tódolos
centros, servicios e establecementos sanitarios e sociosanitarios terán
permanentemente á disposición dos usuarios formularios de suxestións e
reclamacións.
w) A
dispoñer de información comprensible e axeitada sobre o custo das prestacións e
servicios de saúde recibidos.
x) A
obte-los medicamentos e productos sanitarios que se consideren necesarios para
promover, conservar ou restablece-la súa saúde, nos termos establecidos
regulamentariamente.
y) Ó
libre acceso ó Vedor do Paciente.
z) A
dispoñer en tódolos centros, servicios e establecementos sanitarios e
sociosanitarios do sistema sanitario de Galicia dunha carta de dereitos e
deberes.
2. Os
menores, os maiores dependentes, os enfermos mentais, os doentes que padecen
enfermidades crónicas e discapacitantes, os pacientes diagnosticados de
enfermidades raras ou de baixa incidencia poboacional e as persoas pertencentes
a grupos de risco, en tanto que colectivos que deben ser obxecto de especial
atención polas administracións sanitarias competentes, teñen dereito a
actuacións e programas sanitarios específicos e preferentes, que se executarán a
través dos centros, servicios e establecementos da rede galega de atención
sanitaria de utilización pública.
3. Os
enfermos mentais, ademais dos dereitos sinalados nos apartados anteriores, gozan
dos dereitos seguintes:
a) Cando
nos ingresos voluntarios desaparecese a plenitude de facultades durante o
internamento, a dirección do centro deberá solicita-la correspondente
ratificación xudicial para a súa continuación, nos termos establecidos no artigo
763 da Lei de axuizamento civil.
b) Nos
ingresos forzosos, o dereito a que se reexamine periodicamente a necesidade do
internamento, nos termos do precepto a que se refire o epígrafe
anterior.
c) Os
enfermos mentais menores de idade, ó internamento en centros ou unidades de
saúde mental infanto-xuvenil.
4.
Tódolos dereitos previstos nos apartados 1, 2 e 3 deste artigo serán exercidos
en relación coas administracións sanitarias públicas de Galicia, que garantirán
a súa execución a través dos centros, servicios e establecementos da rede galega
de atención sanitaria de utilización pública. Os dereitos recollidos nas letras
b), c), h), i), j), k), l), m), n), o), p), q), v), w), y) e z) do apartado 1,
así como no apartado 3 deste artigo, serán exercidos tamén en relación cos
servicios sanitarios privados.
Artigo
134. Deberes.
Os
cidadáns, en relación coas institucións e organismos do sistema sanitario de
Galicia, teñen os deberes e obrigas individuais seguintes:
1.
Cumpriren as prescricións xerais de natureza sanitaria comúns a toda a
poboación, así como as específicas determinadas polos servicios
sanitarios.
2.
Coidaren as instalacións e colaboraren no mantemento da habitabilidade das
institucións sanitarias e sociosanitarias.
3.
Responsabilizárense do uso axeitado das prestacións ofrecidas polo sistema
sanitario.
4.
Manteren o debido respecto ás normas establecidas en cada centro, así como ó
persoal que preste servicios neles.
5.
Asinaren a alta voluntaria nos casos nos que non se acepte o tratamento, agás
que existan outros tratamentos alternativos, curativos ou paliativos, e o
paciente desexe recibilos, caso no que tal situación deberá quedar debidamente
documentada despois da información correspondente.
6.
Cooperaren coas autoridades sanitarias na prevención das
enfermidades.
Artigo
135. Efectividade dos dereitos e incumprimento dos
deberes.
A
Administración sanitaria de Galicia garantirá e tutelará, mediante a adopción de
medidas axeitadas, a efectividade dos dereitos a que se refire esta
lei.
As
infraccións por violacións destes dereitos e o incumprimento dos deberes estarán
sometidos ó réxime sancionador previsto nesta lei, sen prexuízo da
responsabilidade de calquera orde na que puidese incorre-lo seu autor segundo a
lexislación vixente.
Capítulo
III
Vedor do
Paciente
Artigo
136. Obxecto e natureza.
1. O
Vedor do Paciente é un órgano da Administración sanitaria que xestionará as
suxestións, queixas e reclamacións que poidan formula-los pacientes ou os seus
lexítimos representantes en relación cos dereitos e os deberes establecidos
nesta lei, sen prexuízo de que os interesados poidan utiliza-las vías de
reclamación ou de recurso establecidas na lexislación vixente para a defensa dos
seus dereitos. Ademais, intermediará nos conflictos que presenten os usuarios do
sistema galego de saúde, para o cal recompilará a información que considere
oportuna en relación co funcionamento dos centros, servicios e establecementos
do sistema.
2.
Consonte a súa natureza consultiva, o Vedor do Paciente é un órgano independente
na estructura da Administración sanitaria ó que se dotará dos medios persoais e
materiais necesarios para asegura-la eficacia da súa
actuación.
3. Co fin
de obte-la seguridade de que os informes, recomendacións e comentarios do Vedor
do Paciente son adecuadamente considerados por aqueles que deban soluciona-los
conflictos presentados, corrixi-los defectos observados ou implanta-las melloras
propostas, poñerá en coñecemento do conselleiro de Sanidade todas aquelas
incidencias que comporten obstrucción, negativa ou resistencia ó normal
exercicio das súas funcións, co obxecto de remover obstáculos ou inicia-los
correspondentes procedementos de responsabilidade.
Artigo
137. Ámbito de actuación.
As
actuacións do Vedor do Paciente terán como ámbito o territorio da Comunidade
Autónoma de Galicia, agás nas continxencias que poidan xurdir na atención
sanitaria ós desprazados.
Artigo
138. Actuacións.
1. O
Vedor do Paciente poderá iniciar e proseguir de oficio ou a petición de parte
calquera investigación que conduza ó esclarecemento dos actos e as resolucións
da administración relacionados cos servicios sanitarios e
sociosanitarios.
2. Poderá
dirixir queixas ó Vedor do Paciente toda persoa natural ou xurídica que invoque
un interese lexítimo en relación con situacións de lesión dos dereitos dos
pacientes recoñecidos nesta lei.
3. A
autoridade administrativa en asuntos da súa competencia non poderá presentar
queixas ante o Vedor do Paciente, agás cando exerza como responsable directo
dunha persoa menor de idade ou incapacitada legalmente na súa condición de
usuaria.
4. O
Vedor do Paciente elaborará unha memoria anual da súa actividade na que
analizará o tipo de reclamacións, queixas e suxestións presentadas e cáles foron
as propostas concretas en relación coa súa solución. Da devandita memoria
daráselle conta ó Consello da Xunta.
Artigo
139. Facultades.
1. O
Vedor do Paciente terá acceso directo a calquera centro asistencial ou
administrativo do sistema sanitario de Galicia e, con suxeición á normativa de
protección de datos, a calquera dos seus arquivos e rexistros. Para estes
efectos, o Vedor do Paciente, así como as persoas que colaboren con el, terán a
consideración de axentes da autoridade.
2. As
administracións públicas sanitarias relacionadas cos dereitos e deberes
establecidos nesta lei, entidades e organismos delas dependentes, así como os
centros, servicios e establecementos sanitarios e sociosanitarios do sistema
sanitario de Galicia, e o persoal que presta servicios neles, teñen a obriga de
colaborar co Vedor do Paciente no desenvolvemento das súas
actuacións.
3.
Calquera que fora a entidade ou persoa do sistema sanitario de Galicia requirida
de información terá a obriga de atendela nun prazo non superior a quince días
naturais desde o día da recepción da documentación de petición polo Vedor do
Paciente.
4. A
negativa ou neglixencia das persoas obrigadas a colaborar co Vedor do Paciente
no envío dos informes que este lles solicite, ou en facilita-lo acceso a
expedientes ou documentación necesaria para a investigación, dará lugar a
responsabilidades administrativas.
Artigo
140. Nomeamento e cesamento.
1. O
Vedor do Paciente será nomeado e separado polo conselleiro de Sanidade mediante
orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
2. Se o
nomeamento recae nun funcionario público, pasará á situación administrativa de
servicios especiais mentres desenvolva o cargo.
Artigo
141. Incompatibilidades.
O Vedor
do Paciente sométese ó réxime de incompatibilidades establecido na Lei 9/1996,
do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos
cargos da Administración autonómica, e disposicións concordantes, sendo ademais
incompatible co exercicio de todo cargo público ou actividade política ou
sindical.
Título
IX
Infraccións
e sancións
Artigo
142. Concepto e procedemento.
1. Son
infraccións sanitarias as accións ou omisións tipificadas nesta lei e nas leis
estatais e autonómicas que lles sexan de aplicación.
2. As
infraccións serán obxecto, trala incoación do oportuno expediente, das sancións
administrativas establecidas neste título, sen prexuízo da responsabilidade
civil, penal ou doutra orde que puidese concorrer.
3. En
calquera momento do procedemento sancionador no que o órgano instructor
considere que as infraccións puidesen ser constitutivas de delicto, a
administración pasaralle o tanto de culpa á xurisdicción competente e absterase
de segui-lo procedemento sancionador mentres a autoridade xurisdiccional non
dicte resolución xudicial firme. De non estimarse a existencia de delicto, a
administración continuará o expediente sancionador, tomando como base os feitos
que os tribunais considerasen probados.
4.
Igualmente, se o órgano competente para resolve-lo procedemento sancionador
tivese coñecemento da instrucción de causa penal ante os tribunais de xustiza e
estimase que existe identidade de suxeito, feito e fundamento entre a infracción
administrativa e a infracción penal que puidese concorrer, acordará a suspensión
do procedemento ata que recaia resolución xudicial firme.
5. As
medidas administrativas que se adoptaren para salvagarda-la saúde e seguridade
das persoas manteranse ata que a autoridade xudicial se pronuncie verbo delas,
ou ben cese a súa necesidade.
6. En
caso ningún se impoñerá unha dobre sanción polos mesmos feitos e en función dos
mesmos intereses públicos protexidos, malia que deberán esixirse as demais
responsabilidades que se deduzan doutros feitos ou infraccións
concorrentes.
7. Non
terán carácter de sanción a clausura ou peche de establecementos, instalacións
ou servicios que non conten coas autorizacións ou rexistros sanitarios
preceptivos, ou a suspensión do seu funcionamento ata que se rectifiquen os
defectos ou se cumpran os requisitos esixidos por razóns de sanidade, hixiene ou
seguridade, nin a retirada do mercado, cautelar ou definitiva, de productos ou
servicios polas mesmas razóns.
Artigo
143. Cualificación das infraccións.
As
infraccións cualifícanse como leves, graves e moi graves, atendendo os criterios
de risco para a saúde, contía do eventual beneficio obtido, grao de
intencionalidade, gravidade da alteración sanitaria e social producida,
xeneralización da infracción e reincidencia.
Artigo
144. Infraccións leves.
Sen
prexuízo das que establezan outras leis especiais, tipifícanse como infraccións
sanitarias leves as seguintes:
a) As
simples irregularidades no cumprimento da normativa sanitaria vixente, sen
transcendencia directa para a saúde pública, que non se atopen expresamente
recollidas nesta relación.
b) O
incumprimento simple do deber de colaboración coas autoridades sanitarias para a
elaboración dos rexistros e documentos de información sanitaria establecidos
legal ou regulamentariamente.
c) A
negativa a informa-las persoas que se dirixan ós servicios sanitarios sobre os
dereitos e obrigas que as afectan, nos termos establecidos nesta
lei.
d) A
emisión ou difusión ó público de anuncios publicitarios ou propaganda comercial
por calquera medio, con repercusión directa sobre a saúde humana ou co fin de
promove-la contratación de bens ou servicios sanitarios, sen dispoñer da
correspondente autorización administrativo-sanitaria.
e) A
obstrucción do labor inspector mediante calquera acción ou omisión que o
perturbe ou atrase.
f) A
identificación falsa ou contraria ó principio de veracidade en canto ós méritos,
experiencia ou capacidade técnica do persoal sanitario na súa actividade
profesional e nas súas relacións asistenciais coa poboación, agás cando mereza
ser cualificada como grave ou moi grave.
g) O
incumprimento, por simple neglixencia, dos requisitos, obrigas ou prohibicións
establecidos na normativa sanitaria, así como calquera outro comportamento, a
título de imprudencia ou inobservancia, sempre que se produza alteración ou
risco sanitario e este sexa de escasa incidencia.
h)
Aquelas que, ó abeiro dos criterios previstos neste artigo, merezan a
cualificación de leves ou non proceda a súa cualificación como faltas graves ou
moi graves.
Artigo
145. Infraccións graves.
Sen
prexuízo das que establezan outras leis especiais, tipifícanse como infraccións
sanitarias graves as seguintes:
a) O
exercicio ou desenvolvemento de actividades sen a correspondente autorización ou
rexistro sanitario preceptivo, ou transcorrido o seu prazo de vixencia, así como
a modificación non autorizada pola autoridade competente das expresas condicións
técnicas ou estructurais sobre as cales se outorgase a autorización
correspondente.
b) A
creación, modificación ou supresión de centros, servicios ou establecementos
sanitarios sen obte-las autorizacións administrativas correspondentes, consonte
a normativa que sexa de aplicación, así como o incumprimento das normas
relativas ó rexistro e acreditación destes.
c) O
incumprimento dos requirimentos específicos e das medidas cautelares ou
definitivas que formulen as autoridades sanitarias, sempre que se produza por
primeira vez e non concorra dano grave para a saúde das
persoas.
d) A
resistencia a subministrar datos, facilitar información ou prestar colaboración
ás autoridades sanitarias ou ós seus axentes no desenvolvemento dos labores de
inspección ou control sanitarios.
e) O
incumprimento, por neglixencia grave, dos requisitos, condicións, obrigas ou
prohibicións establecidas na vixente lexislación en materia sanitaria, así como
calquera outro comportamento que supoña imprudencia grave, sempre que ocasionen
alteración ou risco sanitario, aínda que sexan de escasa entidade. E o mesmo
incumprimento e comportamento cando, cometidos por neglixencia simple, produzan
risco ou alteración sanitaria grave. Para os efectos deste epígrafe, constituirá
un suposto de neglixencia a omisión do deber de control ou a falta dos controis
ou precaucións esixibles na actividade, servicio ou instalación de que se
trate.
f) A
promoción ou venda para uso alimentario ou a utilización ou posesión de aditivos
ou substancias estrañas de uso non-autorizado pola normativa vixente na
elaboración do producto alimenticio ou alimentario de que se trate, cando non
produzan riscos graves e directos para a saúde dos
consumidores.
g) A
elaboración, distribución, subministración ou venda de preparados alimenticios,
cando a súa presentación induza a confusión sobre as súas verdadeiras
características sanitarias ou nutricionais, e o uso de selos ou identificacións
falsas en calquera das actuacións citadas.
h)
Dificultarlles ou impedírlle-lo desfrute dos dereitos recoñecidos nesta lei ós
usuarios do sistema sanitario, ben sexa no eido dos servicios sanitarios ou
sociosanitarios públicos ou privados.
i) A
comisión por neglixencia das conductas tipificadas como infracción moi grave,
cando o risco ou alteración sanitaria producida sexa de escasa
entidade.
j) A
reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos tres
meses.
k) As
actuacións tipificadas no artigo 144 que, a teor do grao de concorrencia dos
elementos a que se refire o artigo 143, merezan a cualificación de faltas graves
ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou moi
graves.
l) As
actuacións que por razón da súa expresa cualificación na normativa especial
sanitaria aplicable en cada caso merezan a tipificación de faltas graves ou non
proceda a súa cualificación como faltas leves ou moi
graves.
m) O
incumprimento por parte do persoal que en virtude das súas funcións deba ter
acceso á información relacionada co estado individual de saúde do deber de
garanti-la confidencialidade e a intimidade das persoas.
n) As que
sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias leves ou puidesen servir
para facilitalas ou encubrilas.
o) As que
teñan esta cualificación na normativa especial aplicable ó
caso.
Artigo
146. Infraccións moi graves.
Sen
prexuízo das que establezan outras leis especiais, tipifícanse como infraccións
sanitarias moi graves as seguintes:
a) O
incumprimento das medidas cautelares ou definitivas que adopten as autoridades
sanitarias competentes, cando se produzan de xeito reiterado ou cando concorra
dano grave para a saúde das persoas.
b) A
resistencia, coacción, ameaza ou represalia, desacato ou calquera outra forma de
presión exercida sobre as autoridades sanitarias ou os seus
axentes.
c) O
incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, obrigas ou prohibicións
establecidos na normativa sanitaria, ou calquera comportamento doloso, sempre
que ocasionen alteración, danos ou risco sanitario grave.
d) A
preparación, distribución, subministración, venda de alimentos, bebidas ou
productos relacionados directa ou indirectamente coa alimentación humana que
conteñan xermes, substancias químicas ou radioactivas, toxinas ou parasitos
capaces de producirlle ou transmitirlle enfermidades ó
home.
e) A
promoción ou venda para uso alimentario ou a utilización ou posesión de aditivos
ou substancias estrañas de uso non-autorizado pola normativa vixente na
elaboración ou conservación do producto alimenticio ou alimentario de que se
trate, cando produza riscos graves e directos para a saúde dos
consumidores.
f) O
desvío para consumo humano de productos non-aptos para iso ou destinados
especificamente para outros usos.
g) O
incumprimento, en xeral, dos requisitos, condicións, obrigas ou prohibicións
establecidos na lexislación sanitaria vixente, ou a falta de dilixencia ou
precaucións esixibles cando produzan un risco grave ou directo para a saúde
pública.
h) A
reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos cinco
anos.
i) As
actuacións tipificadas nos artigos 144 e 145 que, consonte o grao de
concorrencia dos elementos a que se refire o artigo 143, merezan a cualificación
de faltas moi graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou
graves.
j) As
actuacións que por razón da súa expresa cualificación na normativa especial
sanitaria aplicable en cada caso merezan a tipificación de faltas moi graves ou
non proceda a súa cualificación como faltas leves ou
graves.
k) As que
sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias graves, ou servisen para
facilitar ou encubri-la súa comisión.
l) O
incumprimento reiterado dos requirimentos específicos que formulen as
autoridades sanitarias.
m) A
negativa absoluta a facilitarlles información ou prestarlles colaboración ós
servicios de inspección e control.
Artigo
147. Sancións.
1. As
infraccións serán sancionadas gardando a debida adecuación entre a gravidade do
feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, establecéndose unha
gradación desta de mínimo, medio e máximo para cada nivel de cualificación, en
función da fraude ou conivencia, incumprimento das advertencias previas, número
de persoas afectadas, prexuízos causados, beneficios obtidos a causa da
infracción e permanencia e transitoriedade dos riscos.
2. As
infraccións sanitarias tipificadas nos artigos 144, 145 e 146 serán sancionadas
con multas, consonte a gradación seguinte:
a)
Infraccións leves:
Grao
mínimo: Ata 601,01 euros.
Grao
medio: De 601,02 a 1.803,04 euros.
Grao
máximo: De 1.803,05 a 3.005,06 euros.
b)
Infraccións graves:
Grao
mínimo: De 3.005,07 a 6.010,12 euros.
Grao
medio: De 6.010,13 a 10.517,71 euros.
Grao
máximo: De 10.517,72 a 15.025,30 euros.
c)
Infraccións moi graves:
Grao
mínimo: De 15.025,31 a 120.202,42 euros.
Grao
medio: De 120.202,43 a 360.607,26 euros.
Grao
máximo: De 360.607,27 a 601.012,11 euros.
As
cantidades expresadas poden rebordarse ata acada-lo quíntuplo do valor dos
productos ou servicios obxecto da infracción.
3. Sen
prexuízo da multa que proceda consonte o previsto no apartado anterior, e para
os efectos de evitar que a comisión de infraccións resulte máis beneficiosa para
a persoa que comete a infracción có cumprimento das normas infrinxidas, a
sanción económica que se é o caso se impoña poderá ser incrementada coa contía
do beneficio ilícito obtido.
4. Nos
supostos de infraccións moi graves, o Consello da Xunta poderá acorda-lo peche
temporal do establecemento, instalación ou servicio por un prazo máximo de cinco
anos, todo iso cos efectos laborais que determina a lexislación aplicable nesta
materia.
5. A
autoridade á que lle corresponda resolve-lo expediente poderá acordar, como
sanción accesoria, o comiso de bens ou productos deteriorados, caducados,
non-autorizados ou que por calquera outra causa poidan entrañar risco para a
saúde ou a seguridade das persoas, e serán por conta de quen cometa a infracción
os gastos que orixine a súa intervención, depósito, comiso, transporte ou
destrucción.
6. As
contías sinaladas no apartado 2 poderán ser actualizadas periodicamente polo
Consello da Xunta, tendo en conta a variación dos índices de prezos para o
consumo.
Artigo
148. Competencia para a imposición de sancións.
1. Os
órganos da Xunta de Galicia competentes para a imposición das sancións previstas
nesta lei son os seguintes:
a) Os
órganos da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, se é o caso,
ata 120.202,42 euros, nos termos que se establezan
regulamentariamente.
b) O
Consello da Xunta, desde 120.202,43 euros.
2. Os
concellos da Comunidade Autónoma, ó abeiro das súas respectivas ordenanzas
municipais, poderán sanciona-las infraccións previstas nesta lei, sempre que as
devanditas infraccións afecten as áreas de responsabilidade mínima sobre as que
exercen competencias de control sanitario.
3. Para
os efectos do apartado anterior, deberá comunicárselle á Consellería de Sanidade
a ordenanza municipal pola que se acorda exerce-la devandita potestade
sancionadora, así como os expedientes sancionadores incoados ó seu abeiro e as
resolucións definitivas que recaian, se é o caso. Cando pola natureza e
gravidade da infracción teña que superarse a contía máxima establecida no
parágrafo anterior, a entidade local correspondente remitiralle á Consellería de
Sanidade as actuacións que constan no expediente, debidamente tramitado, xunto
coa proposta de sanción. A Consellería de Sanidade comunicaralle á entidade
local correspondente a sanción recaída, así como as restantes actuacións que
deriven da súa intervención.
4. A
Administración da Xunta de Galicia poderá actuar en substitución dos municipios
nos supostos e cos requisitos previstos na lexislación de réxime
local.
Artigo
149. Medidas cautelares.
Unha vez
iniciado o procedemento sancionador, o órgano competente para resolver poderá
adoptar, logo da audiencia do interesado e mediante acordo motivado, as medidas
cautelares que resulten necesarias para asegura-lo cumprimento da resolución que
puidese recaer, así como o cumprimento da legalidade e a salvagarda da saúde
pública. Tales medidas, entre outras, poderán ser:
a) A
suspensión total ou parcial da actividade.
b) A
clausura de centros, servicios, establecementos ou
instalacións.
c) A
esixencia de fianza.
Artigo
150. Clausura de centros, servicios e establecementos sanitarios ou
sociosanitarios.
Non terán
carácter de sanción a clausura ou peche de establecementos, instalacións ou
servicios que non conten coas previas autorizacións ou rexistros sanitarios
preceptivos, ou a suspensión do seu funcionamento ata que se emenden os defectos
ou se cumpran os requisitos esixidos por razóns de sanidade, hixiene ou
seguridade.
Artigo
151. Prescrición e caducidade.
1. As
infraccións e sancións tipificadas nesta lei como leves prescriben ó ano, as
graves ós dous anos e as moi graves ós cinco anos.
2. A
prescrición das infraccións comezará a computarse desde o día no que se cometese
a infracción e interromperase desde o momento no que o procedemento se dirixa
contra o presunto infractor. Ademais, o prazo de prescrición das sancións
comezará a contar desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a
resolución pola que se impón a sanción.
3. A
acción para persegui-las infraccións caducará se, coñecida pola administración
competente a existencia dunha infracción e rematadas as dilixencias dirixidas ó
esclarecemento dos feitos, transcorresen seis meses sen que a autoridade
competente ordenase incoa-lo oportuno procedemento. Para tal efecto, se houber
toma de mostras, as actuacións da inspección entenderanse finalizadas despois de
practicada a análise inicial.
Título
X
Docencia,
formación e investigación sanitarias
Capítulo
I
Docencia
e formación
Artigo
152. Principios xerais.
1. A
Xunta de Galicia velará pola coordinación entre os sistemas sanitario e
educativo de Galicia, co fin de conseguir unha maior adecuación da formación dos
profesionais ás necesidades de saúde da poboación.
2. A rede
galega de atención sanitaria de utilización pública estará en disposición de ser
aproveitada para a docencia de pregrao e de posgrao; para este efecto
estableceranse os convenios de colaboración oportunos.
3. A
Consellería de Sanidade promoverá a formación continuada dos profesionais
sanitarios, co obxectivo de axeita-los seus coñecementos e habilidades ás
necesidades do sistema sanitario de Galicia.
Artigo
153. Colaboración en materia de educación e sanidade.
1. As
autoridades públicas competentes en educación e sanidade establecerán o réxime
de colaboración entre as universidades e as institucións sanitarias nas que se
deben impartir ensinanzas universitarias, para os efectos de garanti-la docencia
práctica de medicina, enfermería e outras ensinanzas que así o esixisen,
mediante os oportunos convenios.
2. As
universidades deberán contar, alomenos, cun hospital e tres centros de atención
primaria para o exercicio docente e investigador, concertados segundo o
establecido polas disposicións vixentes.
3. Os
centros de formación profesional da rama sanitaria contarán con centros
asistenciais concertados, segundo as necesidades das distintas especialidades e
de acordo coas necesidades organizativas do sistema sanitario de
Galicia.
4. As
consellerías competentes en materia de educación e sanidade promoverán a
revisión e mellora continuada dos programas docentes das ensinanzas relacionadas
coas ciencias da saúde, co obxecto de consegui-la mellor adecuación da formación
dos profesionais e as necesidades do sistema sanitario de
Galicia.
Capítulo
II
Investigación
Artigo
154. Fomento.
As
actividades de investigación fomentaranse no sistema sanitario de Galicia como
elemento fundamental para o seu progreso.
Artigo
155. Coordinación.
1. A
maior eficiencia na asignación e no emprego dos recursos públicos de calquera
procedencia para programas de investigación require ineludiblemente a súa
axeitada coordinación.
2. Para
tal fin, a Consellería de Sanidade participará nas políticas e no establecemento
de prioridades de investigación no eido da saúde.
Capítulo
III
Escola
Galega de Administración Sanitaria
Artigo
156. Características e obxectivos.
1. A
Escola Galega de Administración Sanitaria ten personalidade xurídica e
patrimonio propios e configúrase como unha fundación pública adscrita á
Consellería de Sanidade.
2. O
obxecto da Escola Galega de Administración Sanitaria é a docencia, a formación e
a investigación en administración e xestión sanitaria, sociosanitaria e saúde
pública, e dirixirá a súa actividade tanto ós profesionais da sanidade galega
coma a aqueloutros interesados no desenvolvemento sanitario de
Galicia.
3. A
fundación rexerase polos seus estatutos así como polas disposicións legais que
lle sexan aplicables. En materia de persoal e contratación seralle de aplicación
o disposto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas
nas que teña participación maioritaria a Xunta de Galicia.
Artigo
157. Funcións.
1. A
Escola Galega de Administración Sanitaria axustará a súa actividade ós fins de
interese xeral, desenvolvendo, entre outras, as funcións
seguintes:
a) A
programación e execución dos programas de docencia e
formación.
b) A
programación e o financiamento de actuacións, bolsas e axudas á formación e
investigación.
c) A
edición, realización e difusión de estudios e traballos de carácter científico e
de toda clase de publicacións.
d) O
asesoramento que lle sexa solicitado por calquera entidade ou institución
dependente das administracións públicas sanitarias de Galicia, así como por
parte doutras entidades públicas ou privadas.
2. As
organizacións sindicais participarán no deseño do plan de formación continuada
do persoal das institucións sanitarias do Servicio Galego de
Saúde.
Artigo
158. Financiamento.
1. A
Escola Galega de Administración Sanitaria finánciase cos recursos
seguintes:
a) As
achegas consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma.
b) As
achegas das universidades e doutros centros docentes que colaboren con
ela.
c) As
achegas procedentes de entidades e institucións coas que se subscriban acordos
ou convenios.
d) Os
dereitos de inscrición ós cursos e a calquera outra actividade que realice, así
como a venda de publicacións.
e) Os
rendementos do seu patrimonio.
f) As
doazóns ou calquera outra achega voluntaria.
g) Os
créditos e préstamos que lle sexan concedidos.
2. A
actividade realizada pola Escola Galega de Administración Sanitaria para a
Consellería de Sanidade regularase a través dos convenios oportunos nos que se
fixarán as directrices de actuación, os obxectivos que se pretendan e os
recursos asignados para iso.
Disposicións
adicionais
Primeira.
Provisión definitiva de postos da clase de médicos
titulares.
Os
funcionarios do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de
atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de
médicos titulares, que á entrada en vigor desta lei se atopen en destino
provisional en postos da devandita clase pasarán a ocupalos con carácter
definitivo.
Segunda.
Provisión definitiva de postos da clase de practicantes
titulares.
Os
funcionarios do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de
atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de
practicantes titulares, que á entrada en vigor desta lei se atopen en destino
provisional en postos da devandita clase pasarán a ocupalos con carácter
definitivo.
Terceira.
Servicios prestados en postos directivos.
Os
períodos de tempo acreditados no desenvolvemento de postos directivos das
institucións sanitarias da Seguridade Social, como consecuencia do nomeamento
expedido para estes efectos, poderán ser obxecto de análise nos procesos de
selección, promoción interna e mobilidade do persoal estatutario como servicios
prestados na categoría estatutaria de orixe.
Disposicións
transitorias
Primeira.
Desenvolvemento da estructura do Servicio Galego de Saúde.
De
conformidade co previsto no parágrafo 3 do artigo 37 desta lei, no prazo de seis
meses contados a partir da súa entrada en vigor aprobarase o desenvolvemento
regulamentario da estructura central e periférica do Servicio Galego de Saúde,
manténdose entrementres vixentes as normas de estructura contidas no Decreto
45/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica do
Servicio Galego de Saúde, así como as delegacións competenciais necesarias para
o funcionamento transitorio antes referido, contidas na Orde do 14 de marzo de
2002, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do
Servicio Galego de Saúde.
Segunda.
Organización das áreas sanitarias.
Manterase
a actual organización das áreas sanitarias mentres non se aprobe mediante
decreto do Consello da Xunta de Galicia a súa nova configuración, de
conformidade co previsto no artigo 7 desta lei.
Terceira.
Adaptación da actual rede de hemodoazón e hemoterapia.
A Xunta
de Galicia procederá a adapta-la actual rede de hemodoazón e hemoterapia da
Comunidade Autónoma de Galicia ó establecido nesta lei, no prazo dun ano a
partir da súa entrada en vigor.
Disposición
derrogatoria
Derrogación
de determinadas disposicións.
Quedan
derrogadas cantas disposicións se opoñan ó disposto nesta lei e, en
particular:
a) A Lei
1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, agás os seus artigos 1 e
2, que se manterán vixentes.
b) A Lei
8/1991, do 23 de xullo, que modificaba a anterior.
Disposicións
derradeiras
Primeira.
Desenvolvemento regulamentario da lei.
Autorízase
o Consello da Xunta para que aprobe os regulamentos que sexan necesarios para a
aplicación e o desenvolvemento desta lei.
Segunda.
Entrada en vigor da lei.
Esta lei
entrará en vigor dous meses despois da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.