O código sepse

O código sepse

O código sepse 
O código sepse é unha ferramenta que ten como obxectivo principal reducir o tempo para chegar ao diagnóstico de sepse e instaurar o tratamento axeitado canto antes.
 
Este código susténtase nun Plan de Atención á Sepsis que protocoliza a actuación clínica, ordena e normaliza os procesos, e no cal o tempo marca de forma decisiva a actuación médica, igual que ocorre coa atención ao infarto agudo de miocardio (IAM) ou o ictus.
 
As características da sepse, con síntomas e signos menos específicos que outras patoloxías tempo-dependentes (como o ictus ou o IAM) así como máis dispersos no tempo, dificulta o diagnóstico temperán, en que o tratamento é máis eficaz e pode realmente salvar vidas. Por este motivo, dispoñer dun plan específico para a súa atención é, se cabe, máis importante para diminuír a mortalidade relacionada con esta enfermidade.
 
O código sepse pode ser activado polos distintos profesionais nos centros sanitarios onde o paciente sexa atendido. Así, pode activar o código o 061, os médicos dos distintos dispositivos de atención primaria (centros de saúde e puntos de atención continuada) e médicos ou enfermeiros de atención hospitalaria (urxencias e planta de hospitalización).