Lei garantías

Lei garantías

Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias

 

A Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, ten como obxectivo outorgar as garantías necesarias aos usuarios do Sistema Público de Saúde de Galicia en relación cos seguintes dereitos:
a) Dereito a que a atención sanitaria no ámbito hospitalario do Sistema público de saúde de Galicia, de carácter programado e non urxente, financiada publicamente, sexa dispen­sada de acordo cunhas demoras máximas nos tempos de resposta. Capítulo II da Lei
b) Dereito á libre elección de médico de familia, pediatra e profesional de enfermaría, así como de hospital ou complexo hospitalario. Capítulo III da Lei
c) Dereito a dispoñer dunha segunda opinión médica. Capítulo IV da Lei
d) Dereito a manifestar as instrucións previas. Capítulo V da lei
e) Dereito á información sobre os dereitos e os deberes en relación coas prestacións sanitarias. Capítulo VI da Lei

 

Polo tanto, a lei establece un sistema de garantías de prestacións sanitarias en relación a eses dereitos.
 
Dereito a que a atención sanitaria no ámbito hospitalario do Sistema público de saúde de Galicia, de carácter programado e non urxente, financiada publicamente, sexa dispen­sada de acordo cunhas demoras máximas nos tempos de resposta.
 
Establécese o dereito de que vostede reciba unha resposta sanitaria ao seu problema de saúde en tempo e forma.

 

O Servizo Galego de Saúde comprométese de forma individual con cada paciente ao que se lle prescriba unha cirurxía, consulta ou proba garantida, tanto en darlle resposta asistencial nos prazos máximos regulados na Lei, como no caso de non cumprir cos mesmos ou non ter realizado unha oferta para realización da prestación, a facerse cargo do custe noutro centro acreditado da comunidade.

 

 
Dereito á libre elección de médico/a de familia, pediatra e profesional de enfermaría, así como de hospital ou complexo hospitalario.
 
Opción individual que se sustenta nos principios de liberdade do paciente, equidade no acceso ás prestacións sanitarias e participación dos cidadáns, así como na eficacia e transparencia do sistema sanitario.
No ámbito da atención primaria vostede podrá elixir entre os profesionais de medicina de familia, pediatría, enfermaría dos centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde. Debe ter en conta que a libre elección de medico/a de familia leva parella a elección de profesional de enfermaría de atención primaria na mesma unidade de atención primaria e viceversa, coa finalidade de facilitar o seguimento conxunto do/da paciente por ambos profesionais así como a planificación e programación das actividades asistenciais.

 

No ámbito da atención hospitalaria vostede poderá elixir o centro hospitalario da rede pública do Servizo Galego de Saúde que considere para un problemade saúde novo.
 

 

Dereito a dispoñer dunha segunda opinión médica. Capítulo IV da Lei
 

 

Con este dereito pretende facilitarselle a vostede unha maior información que afiance a seguridade da súa decisión informada, consciente, participativa e autónoma, para o mantemento e coidado da súa saúde e para os efectos de que poida acceder á mellor asistencia sanitaria que, a través do Sistema público de saúde de Galicia, se lle poida proporcionar.
Atinxe á posibilidade de contrastar un primeiro diagnóstico e/ou indicación terapéutica, en relación con determina­dos supostos de enfermidades singularmente complexas, tanto desde o punto de vista do seu diagnóstico, posible evolución e tratamento, como das potenciais consecuencias que poden ter para a saúde da persoa tales como: enfermidades neoplásicas malignas; enfermidades neurolóxicas inflamatorias e dexenerativas invalidantes e confirmación de diagnósticos de enfermidade rara.
 
Dereito a manifestar as instrucións previas.

 

Mediante o docu­mento de instrucións previas, unha persoa, maior de idade, capaz e libre, manifesta antici­padamente a súa vontade, co obxecto de que esta se cumpra no momento en que chegue a situación en que non sexa capaz de expresala persoalmente, sobre os coidados e o tra­tamento da súa saúde, ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo e dos seus órganos.