O Sistema Público de Saúde de Galicia comprométese con vostede os seguintes dereitos...
Dende o Sistema Público de Saúde de Galicia planificamos diferentes actuacións en distintos ámbitos para...
- Humanizar da asistencia sanitaria, evidenciada na calidade humana
- Incorporar os adiantos científicos axeitados aos valores, crenzas e culturas da cidadanía.
- Dar unha garantía de demoras máximas no acceso ás prestacións sanitarias financiadas publicamente.
- Proporcionar os medicamentos e produtos sanitarios que se consideren necesarios para a súa saúde.
- Proporcionar aos pacientes un interlocutor principal co equipo profesional responsable da súa atención.
- Fomentar á continuidade asistencial, á coordinación e á integración das funcións asistenciais da atención primaria e especializada.
- Identificación do persoal que lle presta asistencia sanitaria.
- Difundir información que propicie a adopción de hábitos e estilos de vida saudables.
- Establecer medidas de protección da saúde fronte a riscos ambientais e laborais, xerais ou específicos.
- Establecer medidas de prevención da enfermidade de probada efectividade e seguridade.
- Implantar programas nos períodos de embarazo, lactación e menopausa.
Sentirse apoiado por unha persoa próxima contribúe á súa recuperación, por iso facilitamos o acompañamento...
- Os centros facilitan o acompañamento do paciente por unha persoa de confianza, agás nos que sexa desaconsellable conforme a criterios clínicos.
- Durante o proceso do parto a muller pode estar acompañada da persoa que desexe. Se as circunstancias clínicas non o fixesen aconsellable, o centro explicaralle os motivos de forma comprensible.
- Os centros garanten que os menores podan estar acompañados polos seus pais, titores ou gardadores, agás que iso prexudique seriamente o tratamento do paciente.
- Os centros garanten que as persoas discapacitadas podan estar acompañadas polos responsables da súa garda e protección, agás que iso prexudique seriamente o tratamento do paciente.
Velamos polo respecto á súa personalidade, dignidade humana e intimidade...
- Os centros que prestan servizos sanitarios establecen medidas para preservar a súa intimidade, especialmente en actividades relacionadas coas exploracións, os coidados ou a hixiene persoal.
- Os centros de saúde e hospitais son centros de ensinanza fundamentais de futuros profesionais sanitarios. Cando o seu médico e enfermeira o visiten poden ir acompañados de persoal en formación, que procurarán evitarlle calquera incomodidade. Non obstante, o centro reducirá a súa presenza, cando vostede así o exprese.
- A gravación mediante fotografías, vídeos ou outros medios que permitan a súa identificación só poderán realizarse coa súa autorización expresa.
Respectamos a súa autonomía para tomar de decisións con respecto á súa saúde...
Consentimento informado
- Antes de ser sometido a unha intervención ou proba diagnóstica que poda supor un risco para a súa saúde, o médico explicaralle de forma clara os beneficios da súa aplicación e a posible repercusión negativa que poda entrañar na súa saúde. Para que vostede poda tomar unha decisión ao respecto é fundamental que comprenda a valoración realizada polo seu médico, que estará disposto a aclarar calquera dúbida. A información aportada polo seu médico recóllese nun documento escrito que no sistema sanitario coñécese como -consentimento informado-. Este documento debe ser asinado por vostede, como proba de ter recibido información suficiente e ter tomado a súa decisión de forma voluntaria.
- O paciente terá tamén dereito a que se tome en consideración a súas instrucións previas, cando non se encontre en situación de manifestala no momento da intervención e conste por escrito debidamente asinada.
- Hai situacións especiais nas que o consentimento informado pode ser outorgado por unha persoa distinta ó paciente. Estas situacións especiais son as seguintes:
- Cando o paciente estea circunstancialmente incapacitado para tomar decisións por motivos clínicos.
- Cando o paciente estea incapacitado legalmente.
- Cando o paciente menor de idade non sexa capaz de comprender o alcance da intervención, neste caso, o consentimento darao o representante legal do menor despois de escoitar a súa opinión se ten doce anos cumpridos.
Elección entre alternativas
- Cando o médico lle presente varias opcións de diagnóstico ou tratamento poderá elixir a que mellor se adapte ás súas preferencias ou rexeitala, salvo en determinados casos sinalados por lei, debendo para iso solicitar e asinar a alta voluntaria.
Libre elección
- O Centro de Saúde facilitaralle e elección de médico xeral e pediatra de entre os que presten os seus servizos na zona sanitaria do seu lugar de residencia.
Segunda opinión
- No caso de que se considere necesario fortalecer a relación médico - paciente e/ou complementar as posibilidades da atención sanitaria, o sistema sanitario facilitaralle unha consulta para obter unha segunda opinión médica, coa garantía de que o seu proceso asistencial terá unha continuidade.
Poderá rexeitar
- As accións preventivas que se propoñan en certas situacións que non impliquen riscos a terceiros.
- A participación en procedementos experimentais como alternativa terapéutica para o seu proceso asistencial.
- O uso ou conservación, fóra do seu proceso asistencial, dos seus tecidos e mostras biolóxicas que proveñan de biopsias, extraccións ou nacementos. Nese caso o centro procederá a súa eliminación como residuo sanitario.
Garantimos a confidencialidade e a información relacionada co seu estado de saúde...
- Os datos persoais rexistrados polo sistema sanitario, relativos ao seu estado de saúde, a crenzas, relixión, ideoloxía, vida sexual, orixe racial ou étnica, malos tratos e outros, están especialmente protexidos. A información sobre o seu xenoma non pode ser utilizado con fins discriminatorios.
- O paciente decide o contido da información que se pode subministrar a un terceiro, agás nos casos nos que legalmente se contemple o deber de información.
- Os profesionais manteñen informada á cidadanía acerca de calquera actuación que se lle realice no ámbito da súa saúde e aos pacientes ao longo do seu proceso asistencial.A información realízase en función das circunstancias e preferencias do paciente e responde ao coñecemento dispoñible, agás nos supostos exceptuados pola lei. O sistema tamén contempla e respecta a renuncia dun paciente a recibir información.
- O titular do dereito á información é o paciente. Por tanto, as persoas vinculadas a vostede, por razóns familiares ou de feito, serán informadas na medida e que expresamente o permita-
- A información que lle proporcionen os profesionais será veraz e comprensible, de forma que apoie a súa toma de decisións, de acordo coa súa propia e libre vontade. En xeral, a información seralle proporcionada verbalmente, deixando constancia na historia clínica.Se os procedementos de prognóstico, diagnóstico e terapéuticos aplicados forman parte dun proxecto docente ou de investigación deberá ser informado, e aceptar voluntariamente a súa participación. En ningún caso, esta situación poderá comportar un perigo adicional para a súa saúde.
Realizamos actuacións para que o seu proceso asistencial que debidamente documentado...
Informes e certificacións
- O sistema facilitaralle os informes ou certificacións acreditativos do seu estado de saúde. Estes serán gratuítos, cando así o estableza unha disposición legal ou regulamentaria.
- Cada vez que remate un episodio asistencial (alta hospitalaria, consultas, urxencias) entregaráselle un informe escrito.
Historia clínica
- A historia clínica é o conxunto de documentos que conteñen información, datos e valoracións de calquera tipo sobre a situación e a evolución clínica dos pacientes ao longo do seu proceso asistencial. A historia está a disposición de todos os profesionais implicados no proceso asistencial.
- A historia clínica é un documento confidencial, tutelado pola Administración sanitaria que se responsabiliza da súa custodia, adoptando medidas que garanten o seu uso adecuado.
- O sistema sanitario dispón de medidas que fomenten que a historia clínica sexa única por paciente, alomenos en cada complexo hospitalario, hospital ou centro sanitario.
- Vostede pode acceder á súa historia clínica e obter os informes e resultados das exploracións que sobre o seu estado de saúde ou enfermidade se inclúan nela, así como, obter unha copia dos devanditos documentos.En cada centro existe un procedemento que garante a observancia destes dereitos.
- Existen varios supostos nos que se permite que vostede teña acceso directo á historia clínica ou que os profesionais accedan para a obtención de información estatística sanitaria, para as actividades relacionadas co control e a avaliación da calidade da asistencia prestada, as enquisas oficiais, os programas oficiais de docencia e investigación ou por requirimento da autoridade xudicial.
Escoitamos as súas suxestións e respondemos as súas reclamacións...
Suxestións e reclamacións
- Co obxecto de mellorar a calidade dos servizos o Sistema Público de Saúde de Galicia dispón dun sistema que facilita que vostede presente as suxestións e reclamacións que estime oportunas.Todos os centros, servizos e establecementos sanitarios e sociosanitarios teñen, permanentemente á disposición dos usuarios, formularios de suxestións e reclamacións.
- A cidadanía ten dereito a recibir resposta por escrito nos prazos establecidos regulamentariamente.
Defensa do Paciente
- O Sistema sanitario contempla unha institución que da respaldo a defensa e promoción dos dereitos e intereses dos usuarios do Sistema Público de Saúde de Galicia, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta figura terá acceso directo a calquera centro asistencial ou administrativo do sistema sanitario de Galicia e, con suxeición á normativa de protección de datos, a calquera dos seus arquivos e rexistros, tendo a consideración de axentes da autoridade.
As administracións públicas sanitarias, entidades e organismos delas dependentes, así como os centros, servizos e establecementos sanitarios e sociosanitarios do sistema sanitario de Galicia, e o persoal que presta servizos neles, teñen a obriga de colaborar con esta institución no desenvolvemento das súas actuacións.